A mediados do pasado xullo, a Audiencia Nacional ditou a agardada sentenza sobre os recursos contra a prórroga que o Goberno de Mariano Rajoy concedera en 2016, estando en funcións, para que Ence puidese manter ata 2073 a súa factoría en terreos públicos á beira da ría de Pontevedra. O tribunal deu a razón no esencial ao Concello de Pontevedra e a Greenpeace, tombando a prórroga baseándose en que o gabinete de Rajoy non xustificara que a celulosa deba operar, necesariamente, no dominio público marítimo terrestre.
O vicepresidente Conde mantén, tras un encontro con persoal de Ence, que teimará en que a pasteira siga na ría e di non ver "real" o posible traslado, que Feijóo prometeu durante anos
Na súa primeira reacción á sentenza, a Xunta atribuíu a anulación xudicial da prórroga a PSOE e BNG, aínda que escasos días despois volveu abrir a porta a un traslado da factoría se o Estado o financia mediante os fondos europeos de recuperación pola COVID. Nas semanas seguintes, a compañía endureceu a súa postura ao tempo que subían de ton as protestas do seu persoal, especialmente intensas contra o goberno local pontevedrés. E neste reinicio de setembro, a Xunta retornou á defensa pechada da permanencia de Ence na ría.
Lonxe da promesa de traslado mantida durante anos polo propio Alberto Núñez Feijóo (tanto na oposición como dende o Goberno galego), o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, recibiu neste inicio de setembro a representantes dos comités de empresa de Ence. E fíxoo, segundo divulgou horas despois a propia Xunta, para "ofrecer a súa máxima colaboración" nun obxectivo moi concreto: "a busca dunha solución que garanta a continuidade" da fábrica -o Goberno galego denomínaa "biofábrica", ao xeito do decidido pola pasteira nos últimos anos- "na súa actual localización na ría de Pontevedra". Isto é, no dominio público.
O Goberno de España insta á Xunta e á empresa a elaborar os "informes que comprometeron" sobre as alternativas tras a sentenza e o BNG propón crear un consorcio público-privado da industria forestal seguindo modelos nórdicos que, subliña, pode saír adiante "con ou sen Ence"
Avanza Conde que esa será a "postura que vai defender a Xunta" o vindeiro 10 de setembro na xuntanza convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para abordar o futuro da actividade da celulosa tras a sentenza da Audiencia. Segundo o conselleiro, a Xunta vai ser "absolutamente proactiva" e "a colaborar", pero sempre na defensa do que define como "única opción real", en referencia a que Ence siga ocupando os terreos de Lourizán, outra volta sen contemplar o traslado.
Cara a esa xuntanza, o Goberno de España sinalou a necesidade de que tanto a Xunta como a empresa "vaian cos informes que se comprometeron" sobre as posibles alternativas e que "aínda non deron a coñecer", lamentou delegado do Executivo de Pedro Sánchez en Galicia, José Miñones. Ao seu xuízo, é "fundamental que as partes avancen nos seus compromisos" para "garantir o emprego e a actividade industrial, que son prioritarias para o Goberno en toda Galicia".
Co pano de fondo desa xuntanza pronunciábase tamén este xoves o BNG a través do deputado Luís Bará, quen lamenta que Xunta e PP sigan a "actuar como accionistas de Ence" e se limiten a defender "algo ilegal e irreal", tras a sentenza, como é a permanencia de Ence na ría. "Como a Xunta non pon propostas sobre a mesa, quen as pon é o BNG", sinala Bará, quen anuncia o traslado ao Parlamento dunha "alternativa de futuro" que combine a recuperación dos terreos da ría coa creación dun consorcio público-privado para a industrial forestal seguindo modelos xa implantados nos países nórdicos e que pode saír adiante "con ou sen Ence".