Unha porta aberta ao traslado de ENCE media década despois de que a Xunta abandonase a súa promesa

Vista parcial do complexo de ENCE en Lourizán, nunha imaxe de arquivo da empresa © ENCE

Pasou xa algo máis de media década dende que, en vésperas das eleccións municipais de 2015, o PP de Galicia e o Goberno de Alberto Núñez Feijóo abandonaron a promesa de promover dende a Xunta o traslado de ENCE fóra da ría de Pontevedra, incluída no seus programas electorais de 2009 e 2012. O propio Feijóo mantivera na oposición e reiterara como presidente que "non cabía a posibilidade de manter ENCE na ría", engadindo o compromiso de propiciar que ficase na comarca de Pontevedra.

Neste 2021, a permanencia da celulosa en Lourizán alén de 2033 depende, sobre todo, da resolución que adopte a Audiencia Nacional sobre os recursos formulados polo Concello pontevedrés, Greenpeace e a Plataforma pola Defensa da Ría (APDR) contra a prórroga da concesión outorgada polo Goberno de España en 2016, cando Mariano Rajoy o presidía en funcións, para seguir na ría ata 2073.

Todas as partes acudiron ao encontro convocado pola ministra Teresa Ribera e varias delas saíron da xuntanza cunha impresión: ENCE ábrese por primeira vez a falar dun traslado aínda que siga mantendo que o ve "inviable"

Con este pano de fondo, esta semana celebrouse na sede do Ministerio para a Transición Ecolóxica un encontro inédito. Como ela mesma avanzara nunha reunión previa con persoal da factoría, Teresa Ribera presidiu xunto a altos cargos do Goberno de España unha xuntanza á que tamén convocou á Xunta, ao Concello, a representantes do persoal é á propia ENCE.

Todas as partes acudiron e varias delas saíron da xuntanza cunha impresión. ENCE ábrese por primeira vez a falar dun traslado aínda que siga mantendo que o ve "inviable". Destaca Ribera que existe "un marco temporal para organizar ben as cousas", toda vez que "a concesión de ENCE estará vixente, como mínimo, ata o ano 2033" se a Audiencia "considera ilegal a prórroga concedida polo anterior Goberno aplicando unha lei que foi declarada inconstitucional posteriormente". Daquela, razoa, "temos dez anos para preparar ben" unha "transformación" na que tamén, suxiren participantes na xuntanza, poden entrar en xogo os fondos europeos de recuperación pola COVID.

Mesa de traballo sobre o futuro de ENCE, o pasado 21 de abril na sede do Ministerio para a Transición Ecolóxica, en Madrid © Concello de Pontevedra

Cos fondos europeos tamén sobre a mesa, a celulosa di que vai escoitar "calquera posibilidade de futuro"

Tras anos de posicións fortemente enfrontadas, á saída da xuntanza o presidente do comité de empresa, Antonio Lafuente, admitiu que o encontro fora "produtivo" e abriu a porta a explorar un eventual traslado, sinalou en declaracións que recolle Pontevedra Viva. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, observou no comité unha "actitude dialogante" ao "defender o mantemento dos postos de trabalo, independentemente da ubicación da empresa" e pola banda da empresa, ve acreditado que "por primeira vez, abriu a posibilidade de estudar alternativas ao emprazamento en Lourizán".

Lores subliña que o Concello seguirá defendendo "que ENCE ten que marchar" e "se é posible a construción doutra planta na Galiza, mellor". A Xunta reitera a súa oposición a un eventual peche mentres o futuro da factoría depende, en todo caso, da Audiencia Nacional

Nun contexto no que, lembra Lores, o Concello asiste ás conversas "por cortesía" ao non ter competencias directas na materia, o goberno local (BNG-PSdeG) seguirá defendendo "por riba de todo, que ENCE ten que marchar" e "logo, se é posible a construción doutra planta na Galiza e manter os postos de traballo, moitísimo mellor" sempre e cando a decisión fose acompañada "dunha reforma do plan forestal" que "acoute a produción de eucalipto", porque "ese monocultivo xera problemas de fondo".

"A empresa sempre quixo manterse" na ría "co apoio entusiasta do PP e da Xunta e en contra dos intereses dos veciños de Pontevedra", subliña Lores tras unha xuntanza na que o Goberno galego baseou a súa postura en que "non nos podemos permitir o peche" de ENCE en Pontevedra, afirmou o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde. Segundo Conde, "Galicia conta coa capacidade instalada" como para "ter dúas industrias de transformación da madeira" e amósase partidario de que os fondos europeos poidan facilitar un "novo escenario" no que, en calquera caso, fai responsable ao Goberno de España de "manter a actividade" da pasteira. 

ENCE, pola súa banda, reitera que segue sen ver "viable" un traslado, se ben agora di estar aberta a ter unha actitude "aberta, construtiva e de escoita" ante unha posible "solución". Neste sentido, mentres segue defendendo ante a Xustiza ficar en Lourizán ata 2073, a pasteira amósase disposta a estudar "calquera posibilidade de futuro", mesmo un eventual traslado.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.