Dende hai anos os colectivos que apostan pola saída de ENCE de Lourizán contrapoñen á actividade da factoría a riqueza produtiva (especialmente no relativo ao marisqueo e outros produtos do mar), ambiental e turística da ría de Pontevedra, cunhas posibilidades de xeración de emprego que se ven entorpecidas pola presenza da pasteira no seu actual emprazamento.
Son un total de 39 proxectos para unha ría con moitas posibilidades e recursos, tanto no terreo estritamente produtivo como no relativo aos seus valores medioambientais
Plataformas como a APDR fixeron chamamentos, así mesmo, a que "a xente non esqueza como era a zona antes da chegada de ENCE", tanto a nivel paisaxístico como aos empregos que xeraban as súas actividade económicas (ou como lembrabamos nesta ducia de vistas á ría de Pontevedra sen ENCE). Pero, sobre todo, piden mirar ao futuro, aos novos proxectos que se poderían desenvolver nunha ría libre de contaminación.
Algúns destes proxectos forman parte das propostas que optan ás axudas da Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca xestionadas polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra. Das 54 solicitudes recibidas (foi a convocatoria con máis peticións rexistradas por este GALP), foron seleccionados 39 proxectos, 17 produtivos e 22 non produtivos. O importe total dos investimentos subvencionables supera os 3,2 millóns de euros e a Consellería do Mar decidirá agora a resolución definitiva das axudas.
Entre os 17 proxectos produtivos seleccionados destacan os relacionados cos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura
Entre os 17 proxectos produtivos seleccionados destacan os relacionados cos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura, dende os máis convencionais, que apostan por aumentar a competitividade do sector pesqueiro polo miúdo ou axudas para a distribución de de bivalvos ata outros que apostan pola diversificación da actividade, centrados por exemplo na recollida e comercialización de algas ou no desenvolvemento de novos produtos pesqueiros a partir de residuos de peixe, aplicando os principios de economía circular. Igualmente, o Concello de Marín que presenta un espazo emprendedor de Innovación Alimentaria.
Outros proxectos apostan pola posta en valor do patrimonio marítimo, poñendo en marcha servizos turísticos ligados á cultura mariñeira e aos recursos naturais do territorio. Aparecen, por exemplo, rutas en bicicleta polas Rías Baixas, desenvolvemento de sendas peonís na beira da ría, ou melloras en instalacións turísticas ou de hostalaría. Outra das iniciativas busca dar a coñecer a riqueza do mar e visibilizar o labor das persoas que traballan nel cun proxecto de pescaturismo de Sauro Martínez, patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo, o que, á súa vez, constitúe unha vía de diversificación para a actividade da pesca artesanal.
Hai tamén iniciativas relacionadas coa divulgación, como por exemplo a do Concello de Bueu, cun documental e un catálogo dedicado á cultura mariñeira que divulgue o traballo de Manuel Aldao e Manuel González ‘Purro’ arredor das embarcacións tradicionais. Ou as do Concello de Pontevedra con 'Pontevedra con sabor a mar' e con 'Unha viaxe ao redor do Colón Galego', sobre as posibles orixes galegas do descubridor.
Hai tamén propostas vencelladas á mellora do medio, de divulgación ou pola posta en valor do patrimonio marítimo
Hai tamén propostas vencelladas á mellora do medio, como un sistema de recollida de algas submareal, ou melloras na protección das dunas en Sanxenxo. De igual xeito, o Concello de Pontevedra busca sinalizar os espazos marítimo-fluviais da ría. Así mesmo, o Concello de Meaño busca poñer en valor o bordo litoral da desembocadura do río Chanca e desenvolver un programa educativo do mar e a terra do concello. E a Asociación Cultural Rías de Vida aposta por unha iniciativa ligada ao mergullo e ao lixo mariño que quere concienciar sobre esta problemática.
Así pois, unha manchea de ideas de proxectos para unha ría con moitas posibilidades e recursos, tanto no terreo estritamente produtivo como no relativo aos seus valores medioambientais, ligados tanto á calidade de vida dos habitantes destas comarcas como ás posibilidades turísticas da zona.