"Dicíannos que tivésemos paciencia con ENCE uns aniños máis, porque no 2018 ía marchar. Agora concedéronlle a prórroga e hai que rearmar a mobilización social". Rodrigo Cota é o autor de Fóra, un documental que recompila a historia da oposición á factoría na súa actual localización. O documental dálles voz aos principais protagonistas da oposición a Ence desde as súas orixes ata hoxe. Ademais ofrece decenas de documentos inéditos e o testemuño de moitas persoas que participaron na loita contra a papeleira.
O filme poderá verse nunhas semanas, pero antes necesita completar o seu financiamento, para facer fronte aos gastos de produción e distribución. Para iso lanzou unha campaña de crowdfunding a través da plataforma galega ITH coa que busca recadar 3.000 euros, dos que xa conseguiu 1.120. "O noso obxectivo é que estea listo para antes das eleccións, pero imos chegar un pouco xustos" -di Rodrigo Cota- "de todos os xeitos, o importante é que o documental quede ben, non imos sacrificar calidade por adiantar uns días a súa difusión".
"Dicíannos que tivésemos paciencia con ENCE uns aniños máis, porque no 2018 ía marchar. Había xente, iso si, en certos colectivos sociais ou por exemplo na APDR, que estaba convencida de que a factoría ía quedar, de que lle ían conceder unha prórroga. Pero nin sequera esta xente pensaba que ía ser deste xeito, cun goberno en funcións", destaca.
Fóra ofrece o testemuño dos protagonistas da oposición a ENCE desde todos os ámbitos: político, institucional, xudicial, asociativo ou cultural, así como de representantes de colectivos e persoas que desenvolveron iniciativas de tipo persoal. Recolle imaxes e voces diversas que ata hoxe nunca foran recompilados, poñéndoas no contexto histórico e nun soporte, o audiovisual, accesible a todos os públicos. "Incluímos mesmo documentos dos anos sesenta nos que as propias autoridades franquistas recoñecen e alármanse ante os prexuízos que podía xerar a planta", destaca.
"Algúns son aspectos descoñecidos pola maioría da poboación e outros que se cadra si son coñecidos, pero que foron esquecidos nos últimos anos e que cómpre volver traer á actualidade", di. O espectador poderá coñecer a historia da oposición á factoría dunha maneira ordenada, contada polos seus propios protagonistas e con gran apoio de imaxes. O filme non só se compón de entrevistas, senón que incorpora imaxes de grande interese e beleza, comenzando polas espectaculares gravacións realizadas dende o aire na propia planta, grazas á utilización dun dron. O resultado é un completo arquivo audiovisual dun proceso histórico de mobilización pola Terra.
No documental cóntanse moitas historias que axudan a comprender mellor o que é unha loita social de décadas na comarca. Por exemplo, relata Rodrigo Cota, "no ano 1979 os rapaces e rapazas dun instituto da cidade organizaban un concerto para recadar fondos para pagar unha viaxe. No concerto estaba, por exemplo, Triana, que nese momento era un dos grupos máis importantes do Estado. E tamén un grupo local, Goma2, que facía rock en galego. Cando a xente de Goma2 viu que nos carteis había publicidade de Ence, dixeron que se negaban a tocar, o que iniciou un intercambio de declaracións entre Ence e a banda na prensa local. Os propios rapaces do instituto dedicáronse a tapar con rotulador o logo e o nome de Ence en todos os carteis que pegaran pola cidade. E o concerto celebrouse finalmente coa participación de Goma2".