Esta semana estreouse en Pontevedra o documental Paraíso Roubado, un filme dirixido por Lukas Santiago e producido pola APDR (Asociación pola Defensa da Ría) coa colaboración do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, o Museo de Pontevedra e a Cartoteca Provincial Domingo Fontán. O obxectivo do documental é botar a vista atrás e amosar como era a zona de Lourizán -na que a mediados do século XX se comezaron a instalar industrias altamente contaminantes, como ENCE ou Elnosa-, así como a loita veciñal contra a instalación da pasteira. "É un percorrido pola riqueza natural, paisaxística e económica desta parroquia pontevedresa, que veu perder o seu futuro coa chegada do desarrollismo franquista e a instalación da Celulosa. Pero tamén é un exercicio de memoria histórica, un recoñecemento á loita das mariscadoras que se enfrontaron á represión armada na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos, unha loita que non pode caer no esquecemento", destacan os seus responsables.
Paraíso roubado céntrase na época previa a instalación da celulosa e recupera o esplendor da parroquia no tempo no que Montero Ríos tiña fixada alí a súa residencia de verán así como outros persoeiros da época, tanto galegos como de fóra de Galicia. Destaca igualmente a actividade económica ligada á Casa de Baños de Os Praceres, o aluguer estacional de casas como fonte de recursos extra para a veciñanza, ou a propia actividade ligada ao marisqueo e á pesca. Para Antón Masa, presidente da APDR, o documental é “un exercicio de memoria histórica”. "É importante que a xente non esqueza como era a zona antes da chegada da celulosa", di.
"O documental quere ser tamén un recoñecemento á loita das mariscadoras que se enfrontaron á represión armada na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos"
De igual xeito, a APDR destaca o protagonismo que o filme lles da ás veciñas e veciños da parroquia: "o documental quere ser tamén un recoñecemento á loita das mariscadoras que se enfrontaron á represión armada na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos, unha loita que non pode caer no esquecemento, que ten que permanecer na memoria das xentes que aspiran a ver a Ría libre da condena que supuxo a instalación da fábrica de pasta de papel", destaca.
“É a historia de calquera veciño ou veciña nacida nunha familia de mariscadores de Lourizán, e que lle contaron como era a parroquia cando era o paraíso de Montero Ríos ata a súa destrución na época franquista”
Na presentación do filme, o seu director -Lukas Santiago- afirmou que o documental “é a historia de calquera veciño ou veciña nacida nunha familia de mariscadores de Lourizán, e que lle contaron como era a parroquia cando era o paraíso de Montero Ríos ata a súa destrución na época franquista”. Explicou, ademais, que el recuperou a historia de primeira man de seu avó, e que na cinta inclúe tanto testemuñas de persoas maiores da parroquia como intervencións de investigadores e historiadores. Ao igual que Antón Masa, Lukas Santiago fixo especial fincapé na figura da muller, asegurando que “o papel das mariscadoras foi fundamental na loita contra a instalación da celulosa, sobre todo en febreiro de 1959, cando 500 mariscadoras de Lourizán e Campelo fixeron fronte ao exército franquista, acabando moitas delas no hospital militar, e 14 no cárcere militar”.