A vicepresidenta para a Transición Ecolóxica do Goberno de España, Teresa Ribera, recibiu este xoves en Madrid ao presidente da Xunta. Ao remate do encontro, Alberto Núñez Feijóo explicou ante a prensa o que considerou máis destacable dos asuntos tratados. Entre eles, o futuro da factoría de Ence tras as tres sentenzas da Audiencia Nacional -a última, notificada esta mesma semana- que anulan a prórroga outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións no 2016 para poder seguir ocupando o dominio público da beira da ría de Pontevedra ata 2073.
Feijóo indicou que entregou á ministra Ribera un informe sobre a eventual adscrición dos actuais terreos de Ence ao porto de Marín, posibilidade que o propio Ministerio xa desbotou e que a papeleira nin menciona na información aos accionistas sobre os seus plans de futuro
Alén de reiterar argumentos xa expostos no pasado -"non podemos permitirnos o peche da pasteira" á que "venden madeira 5.000 familias-, Feijóo explicou que entregara a Ribera un informe do Consello Consultivo sobre o eventual encaixe legal de adscribir os actuais terreos de Ence ao porto de Marín para así esquivar a sentenza. Ribera, dixo, comprometeuse a "estudar" o documento sobre a opción que o propio Ministerio xa desbotara hai escasos días e que Ence nin menciona entre as opcións de futuro que hai escasas semanas trasladou aos accionistas. En calquera caso, agregou Feijóo, o "compromiso" de Transición Ecolóxica é procurar que Ence "quede en Galicia", o cal "nos tranquiliza", dixo.
Das palabras de Feijóo e, sobre todo, dalgunhas interpretacións posteriores das mesmas, podía caber a dedución de que Transición Ecolóxica mudara a súa postura sobre ese plan para ligar Ence ao porto marinense. Non obstante, unha nota oficial do Ministerio evidenciaba pouco despois que nada mudara neste aspecto. Como Ence, Transición Ecolóxica nin menciona esta posibilidade e si fai fincapé nunha petición que o departamento estatal xa realizara á Xunta hai semanas: "que a Xunta facilite terreos viables que permitan resituar a fábrica de Ence en Galicia".
Transición Ecolóxica pide á Xunta "que colabore coa empresa na busca de posibles alternativas" para trasladarse e di que o Goberno de España ten o "compromiso de apoiar economicamente" a operación
Ribera, resalta o Ministerio, pediu a Feijóo "que colabore coa empresa na busca de posibles situacións alternativas e facilite terreos viables" e vaia así na liña de Transición Ecolóxica, que "xa puxo en marcha os traballos para encargar un estudo que identifique solos aptos onde puidera realoxarse a fábrica", na liña do anunciado tras o recente encontro con persoal da compañía. O Goberno de España, repite tamén o Ministerio, asume o "compromiso de apoiar economicamente o traslado da pasteira". Esa promesa, a do traslado, foi a que defendeu durante algo máis de media década o propio Feijóo, que dende 2015 pasou a considerar esa operación como inviable.
Alén de Ence, pero tamén ligado ao mesmo sector, a Xunta sinala que Feijóo tamén "explicou" á ministra "os avances en relación ao proxecto de fibras téxtiles de madeira certificada" que defende financiar con fondos europeos de recuperación Next Generation. Para este proxecto, a empresa que o Goberno galego impulsou da man de Abanca, Sogama e Reganosa elixiu como socia a unha competidora de Ence, a portuguesa Altri. Polo momento, este proxecto non ten datas previstas nin proposta de emprazamento concreto, máis alá de que o propio presidente da Xunta avanzou a posibilidade de que se sitúe na provincia de Lugo.