A Audiencia Nacional ratificou o pasado setembro, noutra sentenza notificada este 19 de outubro, a anulación da prórroga concedida en 2016 a Ence polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións para que a pasteira puidese continuar ocupando os terreos públicos da beira da ría de Pontevedra ata 2073. Neste terceiro ditame, o tribunal atendeu os recursos da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) como antes fixera cos do Concello de Pontevedra e Greenpeace.
Unha vez analizada a sentenza, o colectivo cidadán que leva décadas pulando pola saída da papeleira fóra da ría congratúlase ante o que considera "un novo fracaso absoluto de Ence, do PP e da Xunta". En rolda de prensa, a APDR evidencia que o pronunciamento aínda non é firme en tanto que a empresa xa recorreu as dúas primeiras sentenzas ante o Tribunal Supremo. Pero á luz dos ditames da Audiencia, advirten, as súas "posibilidades de éxito son moi escasas", afirma Antón Masa, que no nome da asociación calcula a saída da papeleira na contorna de 2023.
"En boa lóxica, o Supremo debería inadmitir eses recursos" pero se decide tramitalos, defende Masa, a APDR considera que non hai marxe para unha anulación das sentenzas que implique que Ence "continúe nos terreos públicos" da ría. Como indica a Audiencia Nacional, resalta, esa continuidade "estaría contravindo a lei de costas de forma flagrante".
A APDR augura "posibilidades de éxito moi escasas" aos recursos ante o Supremo contra a anulación da prórroga e advirte de que se a sentenza adquire firmeza pedirá a súa execución inmediata: "Ence tivo trinta anos para buscar unha alternativa, se non o fixo foi porque non quixo e porque tivo o apoio do PP"
Por este motivo, na APDR non contemplan outro escenario que non pase pola firmeza definitiva da anulación da prórroga. Se iso sucede, subliñan, acto seguido o propio colectivo solicitará formalmente a execución inmediata da sentenza que acolleu o seu recurso. Así, estiman, "en dous anos ou dous anos e medio, a actividade de Ence ten que finalizar" en Lourizán e "non vale dicir que imos dar un prazo ata que empecen a buscar solucións", xa que a pasteira "tivo trinta anos para buscar unha alternativa" e se non o fixo, coida Masa, "foi porque non quixo e porque contou co apoio do PP na Xunta e cando estivo, tamén no Estado".
Alén da propia anulación da prórroga, a asociación tamén valora especialmente que a Audiencia non atendese os argumentos da Autoridade Portuaria de Marín contra o seu recurso. O porto, que tamén decidiu recorrer ante o Supremo, argumentou que "depende economicamente en boa parte de Ence" pero este razoamento, sinala Masa, quedou "descartado". "Na práctica, está deslexitimando os argumentos da autoridade portuaria que van ir nos recursos ante o Supremo", subliña.
A Xunta vén defendendo, precisamente, a adscrición da factoría papeleira ao porto marinense como opción para que Ence poida esquivar a anulación da prórroga ditaminada pola Xustiza e seguir na ría. O Ministerio para a Transición Ecolóxica xa desbotou esta posibilidade, que a propia Ence nin menciona na información aos seus accionistas sobre os seus plans para afrontar as sentenzas.