A finais do pasado setembro, Ence presentou ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e aos seus accionistas os resultados económicos do grupo na primeira metade de 2021. Neles, a compañía estimaba nuns 200 millóns de euros o impacto que causará nas súas contas o peche da súa fábrica de Pontevedra se o Tribunal Supremo non atende o recurso que xa formulou contra a anulación, pola Audiencia Nacional, da prórroga concedida en 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións para manter a pasteira no dominio público marítimo-terrestre da ría de pontevedresa ata 2073.
Transición Ecolóxica subliña que "non é viable" legalmente adscribir a fábrica ao porto de Marín, posibilidade que a propia Ence nin menciona na información aos accionistas sobre os posibles escenarios tras a sentenza
Nese mesma presentación, Ence explicaba os escenarios que manexa á espera da resolución do recurso: a continuidade en Lourizán se o recurso triunfa ou o peche -e petición de indemnización ao Estado- se fracasa. Nin sequera mencionaba o plan que nas últimas semanas deu en apadriñar a Xunta, presentándoo como unha posible vía para manter a factoría na ría: que sexa considerada parte do porto de Marín. O Goberno galego di observar nesta posibilidade, impulsada por parte da representación do persoal de Ence, como unha posible "solución xurídica".
Así o defendeu a propia Xunta este venres na nova sesión da mesa de traballo impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para abordar o futuro da planta se ten que abandonar a ría. O plan, non obstante, foi rexeitado con claridade por parte do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. Entre outros aspectos, lembrou, porque é unha "vía frustrada" que, como xa lembrou o Concello de Pontevedra a finais de setembro cando a Xunta a asumiu como propia, xa quedara desbotada no ano 2005 "polo seu pouco percorrido legal".
O Ministerio anuncia o encargo dun informe sobre posibles lugares alternativos para a fábrica e subliña que o Estado estaría disposto a "acompañar financeiramente" un novo proxecto de Ence en Galicia fóra da ría "con valor engadido"
"Explorar esta vía para eludir a sentenza non é viable", concluíu Morán en declaracións aos medios en Pontevedra que recolle Faro de Vigo. Non obstante, sinala o alto cargo de Transición Ecolóxica, o departamento que encabeza Teresa Ribera si está disposto a colaborar na procura de emprazamentos alternativos para a fábrica e por iso, di, o Goberno de España vai encargar "con carácter inmediato" un informe ao respecto. Faino, subliña, aínda que as competencias en materia de ordenación territorial son exclusivas da Xunta, que encargou ao Consello Consultivo un ditame sobre a eventual adscrición da fábrica ao porto marinense.
O secretario de Estado agrega ademais que o Executivo central estaría disposto a "acompañar financeiramente" un eventual novo proxecto da papeleira en Galicia "con valor engadido". Ence, pola súa banda reitera a través do seu director en Galicia, Antonio Casal, que non contempla máis hipóteses que seguir en Lourizán se o Supremo sentencia ao seu favor ou o peche sen traslado a outro emprazamento galego se o alto tribunal mantén o ditame da Audiencia Nacional, segundo o cal o Goberno de Rajoy concedeu a prórroga sen xustificar debidamente que a factoría teña que operar nos terreos públicos da beira da ría e non noutro lugar.