O Goberno de Mariano Rajoy non "acreditou" que a fábrica de Ence en Pontevedra teña que realizar a súa actividade nos terreos públicos á beira da ría e non en calquera outro lugar. Así o ditaminou a Audiencia Nacional o pasado xullo en resposta aos recursos formulados polo Concello pontevedrés e mais por Greenpeace e así o vén de volver facer para atender, como fixera cos dous anteriores, o que interpuxera a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) contra a prórroga coa que o Executivo do PP en funcións permitiu á pasteira ficar en Lourizán ata 2073.
Como xa fixera ao atender os recursos do Concello de Pontevedra e de Greenpeace, o tribunal acepta o formulado pola APDR ao considerar que na prórroga do Goberno de Rajoy a Ence non quedou "acreditado" que a factoría teña que operar nos terreos públicos da ría e non noutro lugar
Nesta terceira sentenza contraria ás pretensións de Ence, datada no pasado 21 de setembro e notificada este 19 de outubro, segundo puido confirmar Praza.gal, a Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional reitera os fundamentos xurídicos dos dous ditames anteriores, contra os que a empresa xa presentou recurso de casación ante o Supremo. Á espera de coñecer se o alto tribunal admite ou non ese recurso e, de facelo, se anula ou non os pronunciamentos da Audiencia, esta nova sentenza admite o recurso da APDR ao considerar que "a vinculación da planta de celulosa co dominio público marítimo terrestre" non "resultou acreditada" como manda a lei de costas, mesmo tendo en conta as modificacións introducidas nesa lexislación polo propio Goberno de Rajoy.
Segundo relata a sentenza, a prórroga concedida a Ence "centrouse", en boa medida, no informe favorable emitido pola Xunta en 2015 -esixido pola propia lei de costas- para "garantir unha adecuada protección do medio ambiente". Pero non efectuou "consideración ningunha" ao respecto de que a papeleira, "pola súa natureza" deba situarse no dominio público marítimo-terrestre". O propio Goberno galego, abonda o ditame xudicial, "recoñece" no seu informe que Ence se asenta nunha contorna especialmente "singular", o cal "abonda na esixencia de xustificar a necesidade" de estar nese espazo.
Factorías como a de Ence "poden situarse nas proximidades, pero fóra do dominio costeiro" e iso "é precisamente o que sucede coa fábrica" da pasteira en Asturias, que a propia empresa presentou como "equiparable" durante o proceso xudicial
Durante todo o proceso xudicial, a propia Ence argumentou que "as circunstancias que se tiveron en conta" en 1958 para situar a fábrica de celulosa na ría -daquela, como empresa estatal- "subsisten no momento actual", citando aspectos como a necesidade de situarse preto dunha gran masa de auga. Efectivamente, indica o tribunal, "a auga doce é un recurso necesario e imprescindible para o proceso produtivo" da fábrica e tamén o é "a proximidade a recursos hídricos" como a ría "para a evacuación e verteduras" (neste caso, depuradas).
Pero o que non é necesario nin imprescindible, conclúe a Sala, é que "ditas plantas teñan que situarse no dominio público marítimo-terrestre" e iso é precisamente o que esixe a lei de costas para poder autorizar a súa permanencia. "Poden situarse nas proximidades, pero fóra do dominio costeiro" e iso, agrega, "é precisamente o que sucede coa fábrica de Ence en Navia". Esa factoría da localidade asturiana foi presentada como "equiparable" á de Pontevedra por un dos peritos que asinou un dos informes presentados por Ence para defender a prórroga.
As "excepcións" que permitirían a permanencia deben ser "de interese público e debidamente xustificadas", o cal a Audiencia considera que non sucede no caso da prórroga de Ence
Por todo isto, e tendo en conta ademais que "a actuación administrativa sobre o dominio público máritimo-terrestre" debe "perseguir", segundo a propia lei de costas, "asegurar a integridade e debida conservación", "protección" ou "restauración" do litoral sen "máis excepcións que as derivadas de razóns de interese público debidamente xustificadas", a Audiencia conclúe que non cabe avalar a prórroga do Goberno de Rajoy a Ence e por iso a anula. Pola mesma razón, considera que o actual Goberno de España "non infrinxiu o ordenamento xurídico" cando decidiu deixar de defender a prórroga ante a propia Audiencia.
A APDR, que xa amosara a súa satisfacción a respecto das sentenzas que admitiron os recursos de Greenpeace e do Concello de Pontevedra ten previsto valorar publicamente a aceptación do seu propio recurso nunha comparecencia pública que se celebrará este mércores en Pontevedra. Tras os dous primeiros ditames, o colectivo considerara a anulación da prórroga como "unha derrota sen paliativos de Ence e de quen, como o PP, a Xunta de Galicia e o seu Presidente Núñez Feijóo, levan anos defendéndoa en contra da lei, do sentido común e do interese xeral"