Empresa e Goberno galego reiniciaron hai dous meses a tramitación da ampliación de instalacións e medidas ambientais prometidas tras a prórroga de Rajoy de 2016, pero Costas alega que se basean nunha decisión “que a día de hoxe se atopa xudicialmente anulada”
Hai dous meses Ence e a Xunta reiniciaron a tramitación urbanística de diversas actuacións de ampliación de instalacións e mellora ambiental dentro do recinto da empresa en Lourizán, Pontevedra. Parte delas foron actuacións que a empresa comprometeu pola prórroga da súa concesión outorgada en 2016 e ata 2073 polo daquela Goberno en funcións de Mariano Rajoy.
As consultas formuladas pola Xunta a diversas administracións para iniciar a avaliación ambiental desas reformas veñen de obter agora a resposta do departamento de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Lembra á Xunta que a concesión na que se basea a ordenación urbanística da zona que agora se quere modificar “a día de hoxe se atopa xudicialmente anulada” tras as tres sentenzas similares emitidas pola Audiencia Nacional o pasado verán.
A instalación de Ence en Lourizán, en terreos públicos litorais, ampárase por unha banda na concesión outorgada pola ditadura franquista en 1958 e prorrogada en 2016 polo Goberno de Rajoy, e por outra a nivel urbanístico nun plan sectorial aprobado pola Xunta en 2003. Ese plan urbanístico é o que se ten que modificar para dar cabida ás actuacións que Ence comprometeu pola prórroga da concesión, pero esa modificación xa se iniciara en 2018 e parouse tras varios intercambios de documentación entre a Xunta e Ence e agora vén de ser reiniciada tras “revisar o seu contido e axustar e modificar as actuacións contempladas”.
A reforma urbanística require dunha avaliación ambiental para cuxa elaboración a Xunta debe ditar unhas directrices sobre que cuestións analizar. E antes diso a Xunta abriu un prazo de exposición ao público e consultou a diversos departamentos propios e alleas as súas consideracións ao respecto. Entre esas consideracións está o escrito que recibiu da Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Costas di que non ten constancia de que o plan urbanístico orixinal que agora se pretende reformar, o de 2003, lle fose enviado no seu momento para informe
No oficio emitido por ese departamento estatal con data do pasado 20 de decembro saliéntase que a tramitación en marcha “non ten en conta que recaeron tres sentenzas da Audiencia Nacional” durante o pasado verán “declarando non haber lugar á prórroga da concesión en cuestión”. Unhas resolucións que tombaron a decisión de 2016 porque o Goberno central non xustificou que unha instalación así teña que estar en terreos públicos do litoral. “Polo tanto”, continúa o escrito de Costas, “a modificación do instrumento de planeamento territorial obxecto deste informe refírese a unha resolución administrativa que outorgou título de ocupación a unha instalación en dominio público marítimo-terrestre que a día de hoxe atópase xudicialmente anulada”.
Ante esa anulación, empresa e Xunta demoran decisións á espera do recurso presentado ante o Tribunal Supremo, mentres que o ministerio vén de apuntar ás Pontes ou Cerceda como posibles destinos de Ence.
Malia as alegacións de Costas e doutras administracións públicas, a Xunta continúa coa tramitación
Por outra banda, no seu escrito Costas sinala que non ten constancia de que o plan urbanístico orixinal que agora se pretende reformar, o de 2003, lle fose enviado no seu momento para informe, “conforme ao regulado” na Lei de Costas.
Malia as alegacións recibidas de Costas e doutras administracións, a Xunta continúa adiante coa tramitación e vén de emitir, con data do pasado venres 14 de xaneiro, o denominado documento de alcance no que fixa as súas directrices sobre os elementos que deben ser agora analizados na avaliación ambiental da reforma urbanística de Ence.