A empresa non comparte que Medio Ambiente considere como “impacto positivo” usar parte do espazo que agora emprega como almacén de madeira para mellorar o saneamento da ría
Despois de que en 2016 o Goberno en funcións de Mariano Rajoy prorrogase a concesión a Ence dos terreos públicos que ocupa na ría de Pontevedra -decisión anulada pola Audiencia Nacional e pendente de recurso ante o Tribunal Supremo- a Xunta e a empresa, baixo o paraugas dun denominado “pacto ambiental”, escenificaron unha serie de acordos para reverter na sociedade parte dos beneficios da empresa e mellorar a contorna. Entre eses acordos estaba a ampliación da depuradora dos Praceres que dá servizo a boa parte do fondo da ría de Pontevedra.
Hai unha semana Praza.gal revelou que a Consellería de Medio Ambiente di non ter os informes de seguimento daquel pacto, e agora un documento da propia consellería permite comprobar que a empresa oponse a que ampliación da depuradora ocupe 23.000 dos 375.000 metros cadrados (o 6%) de terreo público que ten en concesión. Así llo transmitiu á Xunta nas súas alegacións á tramitación ambiental da depuradora, entre as que tamén rexeitou que Medio Ambiente considere como “impacto positivo” usar para mellorar o saneamento da ría parte do espazo que a empresa emprega agora como almacén de madeira e balsas de decantación.
É a mesma directora xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente que hai uns días recoñeceu oficialmente non ter os informes de seguimento do pacto ambiental de 2016 entre a Xunta e Ence, Sagrario Pérez Castellanos, quen agora aproba o informe de impacto ambiental da ampliación da depuradora dos Praceres no que se reflicte a postura contraria da empresa.
Dos 41.000 metros cadrados que abarca o proxecto, 14.000 corresponden á actual depuradora e 23.000 ao terreo ocupado por Ence, mentres que tras a actuación 18.000 metros serán rexenerados e dedicados a espazo público verde
O documento, que valida a opción de ampliación da depuradora elixida por quen a promove, Augas de Galicia, foi feito público o pasado venres no Diario Oficial de Galicia. Nel conclúese que o deseño e emprazamento da depuradora proposto por Augas de Galicia é o menos malo tras analizar varias posibilidades e as alegacións realizadas por diversas administracións e particulares. O proxecto abarca un total de 41.000 metros cadrados, dos que 14.000 corresponden á depuradora actual e 23.000 ao terreo veciño ocupado por Ence, ademais doutras superficies menores da contorna para os colectores, entre outras actuacións. Desa superficie, 18.000 metros cadrados lindeiros co núcleo dos Praceres serán rexenerados e dedicados a espazo público verde.
Ante este proxecto agora validado ambientalmente Ence formulou alegacións que a consellería resume e rebate na súa resolución final agora feita pública. O documento sinala que a empresa “cuestiona a execución dun proxecto sobre un terreo cuxa concesión en vigor corresponde a un terceiro, indican que a dita ocupación afectará, ademais de ás balsas de decantación, tamén a unha superficie do parque de almacenamento de madeira de Ence”. Tamén di que a empresa “non comparte a valoración da ocupación dun terreo xa ocupado por outra actividade, concretamente a de Ence, como impacto positivo”.
A Xunta replicou que a depuradora "é imprescindible por requirimento legal", "prioriza os intereses xerais" e "ademais compatibilizándoa coa actividade industrial existente en Ence"
Ante esas alegacións, Augas de Galicia, promotora da depuradora, replica que esta “é prioritaria desde o punto de vista ambiental e ademais imprescindible por requirimento legal”. O ente público da Xunta admite que Ence “loxicamente se ve afectada”, pero engade que a depuradora “prioriza os intereses xerais levando a cabo a realización dunha infraestrutura imprescindible, favorecendo a súa integración na contorna coa rexeneración dos espazos urbanos lindeiros e ademais compatibilizándoa coa actividade industrial existente de Ence”.