Adif somete a información pública o proxecto para dar resposta ás condenas xudiciais contra o trazado ferroviario inaugurado en 2002 polo medio dunha praza pública, que acabaron consentindo que sexan peóns e coches os soterrados e non as vías
En xullo de 2002 o porto de Marín recibiu por primeira vez un tren. Fíxoo atravesando a praza do núcleo urbano dos Praceres, que forma parte da parroquia pontevedresa de Lourizán. Este venres, case dúas décadas despois e tras sucesivas sentenzas en contra, Adif iniciou a exposición pública do proxecto co que quere poñer fin aos riscos que supón a convivencia ao mesmo nivel de trens, peóns e coches particulares. Pero en contra do que reclamaba a veciñanza, serán os peóns e os coches os soterrados e non o tren, xa que así o acabou aceptando a xustiza.
O tren ao porto de Marín, impulsado pola Xunta hai máis de dúas décadas ao tempo que a Autoridade Portuaria ampliaba os seus peiraos con recheos ilegais, supuxo un novo impacto sobre unha veciñanza que xa tiña que convivir coa factoría de Ence ou coa autovía que comunica Marín con Pontevedra e que sobrevoa a zona. Sucesivas sentenzas confirmaron a ilegalidade dos pasos a nivel, peonís ou rodados, que obrigan á veciñanza a cruzar as vías para ir á praia, a igrexa, un colexio ou varios campos deportivos. Pero en contra da reclamación veciñal de que fosen as vías do tren as soterradas, o Tribunal Supremo acabou validando a solución proposta pola Administración de que as vías sigan no seu lugar e quen se desvíe sexan o resto de persoas.
O núcleo dos Praceres está rodeado polos recheos sobre a ría de Ence e o porto de Marín e atravesado por unha autovía e as vías do tren
O proxecto agora sometido a exposición pública para a expropiación dos terreos necesarios para as obras prevé inhabilitar un dos tres pasos a nivel existentes na zona, o que permite a circulación peonil polo centro da praza situada fronte á igrexa dos Praceres, e soterrar os dous pasos para coches situados nos dous extremos dese espazo, habilitando neles beirarrúas para os peóns.
Tamén prevé unha reurbanización xeral da contorna e a instalación de pantallas ao longo do trazado das vías entre os dous novos pasos inferiores para impedir que ninguén as cruce. Para reducir o seu impacto visual plantarase unha “barreira vexetal”.