O Concello de Marín, gobernado polo PP, critica a reforma de Ence: "Crea un monocultivo con especies alóctonas invasoras"

A alcaldesa de Marín, a popular María Ramallo, co presidente Feijóo nunha imaxe de arquivo previa á pandemia CC-BY-SA Xunta de Galicia

O municipio lindeiro coa factoría de Lourizán emite un informe no que cuestiona o impacto visual do complexo, sobre a biodiversidade ou o tráfico

O departamento estatal de Costas non é o único que, como avanzou Praza.gal, vén de poñer obstáculos á tramitación ambiental e urbanística por parte da Xunta da reforma do complexo de Ence en terreos públicos do litoral da ría de Pontevedra cuxa concesión vén de ser anulada pola xustiza. Igual que recibiu un escrito dese departamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o proceso aberto pola Xunta tamén recibiu alegacións doutras administracións afectadas, entre elas unha especialmente crítica do Concello de Marín, lindeiro coas instalacións da empresa en Lourizán e en cuxo porto quere agora o Goberno galego integrar a factoría para salvala da desmontaxe á que a aboca a anulación da prórroga súa concesión decida pola Audiencia Nacional.

Alegacións do Concello de Marín ante o inicio por parte da Xunta da avaliación ambiental da reforma de Ence CC-BY-SA Praza Pública

Marín, gobernado con maioría absoluta polo PP, coa alcaldesa María Ramallo á fronte, emitiu o 16 de novembro un informe, asinado pola súa arquitecta municipal, crítico coa falta de integración paisaxística das actuacións que se queren realizar no complexo, co seu impacto sobre a biodiversidade polo aumento de augas residuais, sobre a mobilidade polo incremento do tráfico de camións e mesmo sobre a paisaxe xeral. 

O documento chega a criticar non só o impacto das obras concretas que se queren realizar dentro do recinto de Lourizán senón mesmo o impacto da actividade de Ence polo uso que fai de madeira de eucalipto: “Non se valora os efectos sobre os montes da contorna, e as especies forestais, nas que se crea un monocultivo con especies alóctonas invasoras”, di o documento.

"O proxecto non está suficientemente xustificado", di o informe emitido pola arquitecta municipal de Marín, que a Xunta resumiu obviando as críticas ao monocultivo de especies invasoras

O informe do Concello de Marín, de catro páxinas, máis extenso que os informes favorables ou sen obxeccións emitidos por outros departamentos da Xunta, remata cunha sentenza: “Á vista de todo o anterior e da documentación presentada, dentro do meu ámbito de actuación, considero que o proxecto causa un importante impacto visual dada a súa ubicación, que non está suficientemente xustificado” no documento co que se iniciou a tramitación dos permisos ambientais.

Resumo que fai a propia Xunta das alegacións recibidas dos concellos de Pontevedra e Marín e a APDR, pero que no caso de Marín oculta as súas consideracións sobre o monocultivo de especies invasoras CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta tamén recibiu alegacións contrarias de entidades habitualmente críticas con Ence, como o Concello de Pontevedra ou a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra. Porén, o Goberno galego decidiu continuar adiante coa tramitación da modificación urbanística que permitirá as obras de reforma do complexo e emitiu, con data do pasado venres 14 de xaneiro, o denominado documento de alcance no que fixa as súas directrices sobre os elementos que deben ser agora analizados na avaliación ambiental das actuacións que quere acometer de Ence. Ese documento resume as alegacións recibidas, pero no apartado dedicado ás do Concello de Marín reflíctense outras pero non a que carga contra o monocultivo de especies invasoras, que é obviada.

Esas críticas agora emitidas polo Concello de Marín poden avanzar un novo obstáculo para a idea do Goberno galego, verbalizada polo propio presidente Feijóo, de que a continuidade de Ence no seu actual emprazamento malia as sentenzas en contra da Audiencia Nacional sexa salvagardada coa inclusión deses terreos públicos do litoral dentro do ámbito da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. Porto que no seu momento presidiu a agora alcaldesa Ramallo e á cuxa fronte está desde 2009 José Benito Suárez, marido da ex-ministra de Fomento Ana Pastor.

O Goberno central xa restou viabilidade a esa opción e apunta a un posible traslado de Ence ás Pontes ou Cerceda.

A alcaldesa de Marín e o presidente do porto, José Benito Suárez, nunha imaxe de arquivo © Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.