O presidente amósase molesto co Goberno central tras lembrar este á Xunta que está a tramitar a reforma dunha instalación declarada ilegal pola Audiencia Nacional, e pide esperar ao recurso pendente no Tribunal Supremo
O escrito revelado esta semana por Praza.gal co que o departamento de Costas do Goberno de España lembra á Xunta que a concesión de Ence en Pontevedra está anulada pola xustiza e pon en dúbida a tramitación de reformas na factoría que está a impulsar o Goberno galego provocou este xoves a reacción do presidente Feijóo. Preguntado por esa alegación de Costas que evidencia as sentenzas xudiciais contrarias a Ence, Feijóo insinuou que os tribunais actuarían doutro xeito se o Estado seguise a defender a concesión dos terreos á empresa como facía en tempos de Mariano Rajoy en vez de mudar de postura como ocorreu con Pedro Sánchez.
O pasado verán a Audiencia Nacional emitiu tres sentenzas similares anulando a prórroga da concesión outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy en 2016 a Ence dos terreos públicos litorais que ocupa na ría de Pontevedra. Durante o goberno de Rajoy a Avogacía do Estado defendeu a legalidade da prórroga ante as denuncias formuladas polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), pero ao chegar Pedro Sánchez ao executivo deixou de facelo. Finalmente a Audiencia Nacional sentenciou que a prórroga fora ilegal porque non hai necesidade de que unha instalación dese tipo teña que estar en terreos públicos do litoral.
"É moi fácil perder un preito que non se defende", di Feijóo sobre as sentenzas da Audiencia Nacional do pasado verán obviando que a propia Ence si que defendeu a súa postura, sen éxito
Este xoves Feijóo fixo a súa interpretación deses feitos dicindo que en 2016 houbo “unha concesión outorgada por un goberno co informe da Avogacía do Estado” e que “posteriormente cambia o goberno e o goberno actual dá instrucións á Avogacía do Estado para que non defenda a concesión”. “É moi fácil perder un preito que non se defende”, sentenciou Feijóo, obviando que a propia empresa si que defendeu a súa concesión nese preito e poñendo así o foco na influencia que o Estado podería ter sobre o tribunal.
Nesa liña incidiu o presidente engadindo que “pensamos que esa concesión, se se defendese por parte da Avogacía do Estado, podería proseguir”. “É a primeira vez que se dá instrucións á Avogacía do Estado de que non defenda ao Estado”, asegurou Feijóo. E pediu a continuación esperar ao que poida pasar co recurso presentado pola empresa contra esas sentenzas da Audiencia Nacional ante o Tribunal Supremo.
Á espera do que resolva o Supremo, as sentenzas contrarias da Audiencia Nacional non están a impedir que a Xunta, malia a advertencia que lle fixo o Estado, siga a tramitar os cambios urbanísticos necesarios para diversas obras de reforma do complexo de Pontevedra que quere realizar Ence. Unha tramitación que non só recibiu alegacións do Estado ou de entidades tradicionalmente críticas como o Concello de Pontevedra ou a APDR senón agora tamén do Concello de Marín, gobernado polo PP.
Como tamén avanzou Praza.gal, o concello marinense non só sinala o impacto visual, sobre a biodiversidade ou o tráfico que terían as obras a realizar. Tamén critica que a empresa “crea un monocultivo con especies alóctonas invasoras”.