Medio Ambiente di non ter os informes de seguimento do “pacto ambiental” que asinou con Ence en 2016 nin sabe quen é competente

Sinatura en 2016 do "pacto ambiental" entre Ence e a Xunta. Na imaxe, a daquela conselleira Beatriz Mato, o vicepresidente Alfonso Rueda, o conselleiro delegado de Ence e o responsable de Calidade Ambiental da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A consellería deixa constancia oficial de que non ten os balances anuais que acordou elaborar para supervisar as actuacións por "preto de 200 millóns" ás que se comprometeu a empresa tras a prórroga da súa concesión

No verán de 2016, despois de que o Goberno de Mariano Rajoy prorrogase a concesión de Ence en Pontevedra ata 2073, unha decisión que a Audiencia Nacional vén de considerar ilegal, a Xunta publicitou amplamente a sinatura dun denominado “pacto ambiental” polo que a empresa se comprometía a investir especialmente na zona de Pontevedra “preto de 200 millóns de euros nos próximos catro anos”. 

A Consellería de Medio Ambiente e Ence crearon unha comisión de seguimento daquel acordo e comprometeron a elaboración dun informe anual co seu grao de cumprimento. Case seis anos despois, e en resposta a unha solicitude de transparencia formulada por Praza.gal, Medio Ambiente deixa constancia oficial de que nos seus arquivos “non consta a existencia dos devanditos informes, descoñecendo que outro órgano podería albergar competencias sobre a información solicitada”.

Resposta oficial da Xunta á petición de transparencia formulada por Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

A figura dos pactos ambientais é un acordo voluntario ao que unha empresa pode chegar coa Xunta para planificar diversas actuacións. Ao longo dos anos a Xunta asinou varios e o de Ence concretouse despois de que a comezos de 2016 a empresa obtivese a prórroga da súa concesión en Pontevedra. O Goberno galego publicitouno como unha caste de compensación ou beneficio da empresa á sociedade pontevedresa e galega en xeral, e deulle unha especial relevancia, con sucesivos actos públicos.

O 28 de xuño de 2016 a daquela conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, asinou o pacto co conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, en presenza do vicepresidente Alfonso Rueda. A Xunta asegurou que contiña “máis dunha decena de actuacións a través das que a empresa compromete preto de 200 millóns de euros nos próximos catro anos en distintas iniciativas que beneficiarán especialmente a Pontevedra e á súa comarca, pero tamén a outros puntos de Galicia”.

O acordo entre Xunta e Ence estableceu que a súa comisión de seguimento "ao final de cada exercicio económico, elaborará e publicará un informe sobre os logros", documentos que agora Medio Ambiente di descoñecer

Un mes máis tarde, o 28 de xullo, os mesmos cargos da Xunta e da empresa asinaban o que presentaban como un “convenio de colaboración que permitirá desenvolver os compromisos recollidos no Pacto Ambiental” dándolle “seguridade xurídica”. Ese convenio é público na base de datos na que a Xunta recolle todos os seus acordos con outras administracións ou empresas [aquí o PDF], e nel se establecía que formaba “parte integrante” do propio pacto ambiental. O convenio tamén estableceu que unha comisión de seguimento do pacto guiaría o programa marco de actuacións acordado e que “ao final de cada exercicio económico, elaborará e publicará un informe sobre os logros, grao de satisfacción e retorno obtidos co funcionamento do programa marco no exercicio inmediatamente anterior”.

Acordo entre Xunta e Ence que establecía a elaboración dun informe anual por parte da comisión de seguimento do seu "pacto ambiental" CC-BY-SA Praza Pública

Outros dous meses e medio máis tarde, o 13 de outubro a propia Xunta volvía publicitar, novamente coas mesmas persoas presentes, a “constitución” da comisión de seguimento do pacto, conformada por representantes da administración e da empresa.

Con estes antecedentes, o pasado novembro Praza.gal formulou unha petición oficial á Consellería de Medio Ambiente, ao amparo da Lei de Transparencia, para ter acceso as informes de seguimento previstos no acordo entre a Xunta e Ence, salientando o feito de que o texto contemplaba a súa elaboración anual. Como adoita facer habitualmente a Xunta non contestou no mes de prazo que a lei dá para facelo, polo que este diario recorreu ante a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, que pediu explicacións á administración. A resposta chega agora e desestima a solicitude co argumento de Medio Ambiente de que nin ten eses informes nin sabe quen poida telos.

A resposta oficial é da directora xeral sucesora dun dos cargos da Xunta que constituíu con Ence en outubro de 2016 a comisión de seguimento do pacto ambiental

A Lei de Transparencia prevé que unha administración non teña que facilitar a información que se lle pide cando o órgano ao que se dirixe non a teña e descoñeza o competente. Malia que a solicitude se formulou ante a Consellería de Medio Ambiente, e habitualmente as resolucións de transparencia son asinadas pola persoa responsable das secretaría xeral de cada consellería, neste caso a resposta é da directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos. Ela sucedeu en 2020 a quen ocupaba ese departamento en 2016, Justo de Benito, que foi un dos membros da comisión de seguimento que se constituíu en outubro dese ano. 

Constitución en outubro de 2016 da comisión de seguimento do pacto ambiental que debía elaborar un informe anual do mesmo, co responsable de Calidade Ambiental da Xunta, Justo de Benito, en segunda liña CC-BY-SA Xunta de Galicia

Malia desentenderse agora do pacto ambiental que publicitou hai seis anos, a Xunta está a tramitar os permisos para diversas obras no interior da fábrica de Ence que a propia empresa liga con aquel pacto ambiental

Pero a resposta de Pérez Castellanos é que nos arquivos dese departamento “non consta a existencia dos devanditos informes” e que malia referirse a un pacto ambiental descoñece que outro órgano da Xunta podería albergar competencias sobre esa información. 

Malia desentenderse agora do pacto ambiental que publicitou hai seis anos, a Xunta está a tramitar os permisos para diversas obras no interior da fábrica de Ence que a propia empresa liga con aquel pacto ambiental, que incluía tanto as actuacións en beneficio da sociedade que publicitou o Goberno galego e das que agora admite que non fixo seguimento, como de mellora das súas instalacións. Son obras internas cuxa tramitación xa se iniciara en 2018 sen que chegara a rematarse e que agora se retoman coa oposición, entre outros, do Goberno de España e do Concello de Marín, ademais das habituais do Concello de Pontevedra ou entidades veciñais e ecoloxistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.