O futuro da fábrica de Ence na ría de Pontevedra está pendente do Tribunal Supremo, que debe decidir se tramita os recursos contra as tres sentenzas que declararon ilegal a prórroga concedida á pasteira polo Goberno de Rajoy en funcións no ano 2016 e, no caso de facelo, se mantén a decisión da Audiencia Nacional ou a revoga. Mentres, o Goberno de España sinalou recentemente ás Pontes ou Cerceda como posibles destinos de Ence fóra da ría por seren comarcas destinatarias dos fondos de "transición xusta", concibidos para compensar os peches das centrais térmicas que albergaban.
Nas últimas semanas, o PP e o Goberno galego relacionan un eventual traslado de Ence ás Pontes coa elección de Formoso como secretario xeral do PSdeG
Con este pano de fondo e cando falta pouco máis dun ano para as eleccións municipais, o PP e o Goberno galego matizaron nas últimas semanas o seu argumentario ao respecto para afirmaren que un eventual traslado de Ence ás Pontes estaría ligado, en termos de causa-efecto, coa elección de Valentín González Formoso, alcalde pontés, como novo secretario xeral do PSdeG. Neste contexto, o presidente da Xunta e dos populares en Galicia abonou a pasada fin de semana a tese censurando que un eventual traslado de Ence estea guiado por algún "criterio político". Faino despois de que o propio PPdeG incluíse por dúas veces no seu programa electoral para as eleccións galegas o o traslado "na contorna da comarca de Pontevedra", así como na campaña municipal de 2011, con Telmo Martín como candidato á alcaldía pontevedresa.

Nunha entrevista concedida aos xornais do Grupo El Progreso, publicada por El Progreso e Diario de Pontevedra o pasado domingo, Feijóo aférrase ao "informe do [Consello] Consultivo que ninguén cuestionou" para considerar a fábrica de Ence como parte dos terreos do porto de Marín - o Consultivo non avaliou se Ence se adecúa aos requisitos da Lei de Portos, senón que estudou os argumentos que deu o propio porto asegurando que si o fai- e acusa o Goberno central de "paralizar" a "busca" de posibles terreos alternativos "en Pontevedra".
O presidente da Xunta e do PP en Galicia reduce a controversia pola permanencia de Ence na ría ao "punto de vista estético" mentres o Supremo ditamina se avala ou non as tres sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga concedida polo Goberno de Rajoy para que a pasteira continuase nos terreos públicos da ría de Pontevedra
"Nese contexto -di Feijóo en referencia a Formoso- aparece un alcalde que quere esa industria no seu concello", o que o leva a concluír que "o PSOE quere que Ence marche ás Pontes" mentres que o PP "quere que permaneza na comarca de Pontevedra". "Se Ence quere investir onde está agora pero non lle deixan manter o que ten ou ampliar, non estamos en contra de que se fagan proxectos noutro concello, pero non se pode desmantelar unha industria nunha comarca para trasladala a outra por criterio político", defende.
"Preocuparíame a existencia de intencionalidade política para pechar nun sitio para abrir noutro", agrega o presidente da Xunta nas devanditas declaracións aos xornais do Grupo El Progreso, nas que reduce a controversia pola permanencia de Ence na ría ao "punto de vista estético", xa que "acreditamos a salubridade das augas e non o dicimos nós, dio a confraría de pescadores". A permanencia ou non en Pontevedra depende actualmente de se o Supremo considera adecuada ou non a prórroga para que a compañía siga ocupando terreos públicos na beira da ría e non atinxe a cuestións ambientais ou de calidade das augas.