Aniversario ás agachadas polos 40 anos das primeiras eleccións galegas (sen politizar)

O Parlamento resultante das primeiras eleccións constituíuse no compostelán Pazo de Xelmírez CC-BY-SA Praza Pública

Se vostede segue a actualidade política estatal é posible que, nos últimos anos, advertise a aparición de logotipos baseados no número 40 por tras das intervencións públicas de diversos cargos do Goberno de España, do Congreso dos Deputados ou de parlamentos coma o catalán ou o andaluz, entre outros. Foi a parte máis visual das celebracións que estas institucións viñeron realizando polos cuadraxésimos aniversarios da Constitución española, das primeiras eleccións tras a ditadura ou dos correspondentes estatutos.

Se vostede segue a actualidade política, é posible que nos últimos anos advertise a aparición do número 40 en diversos logotipos institucionais. Este ano a Xunta mudou definitivamente o seu, pero non se advirte tal cifra

Neste 2021, a Xunta tamén mudou definitivamente o seu logo. Comezara a facelo en 2020, pero foi neste 2021 cando desbotou definitivamente a imaxe corporativa que adoptara o Goberno de Fraga tras a catástrofe do Prestige. É un cambio profundo, con apostas tan salientables como renunciar á imaxe corporativa do Sergas para integrala na da propia Xunta, co obxectivo de que a cidadanía perciba sen dúbida que é o Goberno galego o que presta os servizos sanitarios. 

O novo manual, coma o vello, define o xeito de integrar a marca da Xunta con outras institucionais, caso do Xacobeo 21-22, cuxo logotipo figura en toda a publicidade, papelaría e soportes físicos onde o Goberno galego está presente. En ningún deles figura o número 40. Tampouco na imaxe corporativa do Parlamento, que si reflectira visualmente nas súas comunicacións anteriores efemérides da historia autonómica.

Manifestación a prol da autonomía galega, o 4 de nadal de 1977 en Vigo Dominio Público Praza Pública

É precisamente o lexislativo o que, cando menos ata agora, canalizou a maior parte dos actos organizados para conmemorar os corenta anos transcorridos dende a aprobación en 1981 do actual Estatuto de Autonomía e dende a celebración, naquel mesmo ano, das primeiras eleccións. As conmemoracións, obviamente condicionadas pola pandemia, veñen consistindo esencialmente en sinxelos actos institucionais ou mesas redondas con xuristas, representantes electos da época e algúns cargos actuais ou pasados de empresas editoras de xornais impresos. A maioría, en horario de mañá, entre semana e no propio recinto parlamentario, que tamén vén acollendo algunha exposición ao respecto.

A maioría das conmemoracións polo 40º aniversario do Estatuto e das primeiras eleccións consisten en sinxelos actos institucionais con xuristas ou algúns cargos da época, a maioría en horario de mañá, entre semana e en recintos pechados ao público xeral

Tamén a Xunta optou por este baixo perfil, mesmo máis. Unha exposición itinerante que ten como como eixo central paneis con comparacións de diversos datos sobre a Galicia de hai catro décadas e a actual combinouse cunha xornada celebrada esta semana en recintos pouco dados ao espallamento social: a sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e un salón nobre do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago. 

É certo que nesas xornadas da Xunta si interviñeron cargos políticos actuais ou do pasado recente -caso do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ou do seu antecesor, Emilio Pérez Touriño- e que algúns dos seus discursos foron alén do ritual. Pero non o é menos que o groso das mensaxes dos actos conmemorativos de lexislativo e Executivo, catro anos despois dos feitos que propiciaron a súa propia existencia, oscilan entre a fría análise xurídica e as evocacións saudosistas dun tempo agora eloxiado como escenario de grandes e case fraternais consensos. 

Alberto Núñez Feijóo, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, na xuntanza na que fracasou o único e último intento de reforma do Estatuto, en xaneiro de 2007 © Ana Varela

Escasísimo oco houbo -ou está a haber- para analizar os conflitos políticos e sociais dos anos en que naceu a autonomía. As fortes mobilizacións sociais que viviu Galicia en diversos eidos nos tempos inmediatamente posteriores á ditadura  (das Encrobas á AP-9, á reconversión naval ou ás tractoradas, entre outras moitas), o entusiasmo das manifestacións a prol da autonomía, o Estatuto da aldraxe e os acordos partidarios que o fomentaron, a posterior decepción, a atonía cidadá entre a que se celebrou o referendo, os feitos políticos que propiciaron a configuración do sistema de partidos ou de medios, a cuestión da capitalidade ou tantas outras están practicamente ausentes.

Está a haber escasísimo oco para analizar os conflitos políticos e sociais da época. Aínda menos para popularizar a conmemoración entre a sociedade, nin a xeito de celebración nin -moito menos- como reflexión sobre o autogoberno galego, a súa historia e o seu presente

Igualmente, custa apreciar nas programacións oficiais a existencia de vontade por popularizar entre a sociedade a conmemoración dos 40 anos de autogoberno, mesmo aproveitando a mellora evidente da pandemia da COVID. Xa for a xeito de celebración -dende a oficialidade do idioma ata a existencia de medios de comunicación públicos ou dun sistema sanitario público cos seus principais centros de decisión en Galicia- ou de reflexión sobre o autogoberno mesmo. 

Cando restan apenas dous meses de 2021, un observador externo podería pensar que a maioría gobernante en Galicia preferiu non menear en exceso unha efeméride que pode suscitar, por exemplo, interrogantes a respecto dunha parálise na transferencia de competencias que xa dura case 13 anos, sobre o estatus de Galcia no Estado ou mesmo en relación á aparcadísima reforma do Estatuto tras o fracaso naquel esquecido cumio da residencia oficial de Monte Pío a comezos de 2007. Optou, ao cabo, por non "politizar", petición ou esixencia á que é habitual que recorra o propio presidente da Xunta cando quere facer ver que existe un único xeito correcto ou posible de afrontar problemas ou fenómenos netamente políticos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.