As Encrobas: 40 anos dunha loita icónica

Fotografía de Xosé Castro tirada do documental 'As Encrobas. A ceo aberto' © 'As Encrobas. A ceo aberto'

"De adolescente tiña un pesadelo recorrente; oía unhas alarmas, empezaban uns bombardeos e corría a gardarme nun pazo que había na zona. Soñeino durante moitos anos". O único real daquel soño eran aqueles sons; alarmas, si, pero de cintas transportadoras das máquinas que traballaban nas Encrobas, furando no burato que levou por diante unhas 40 aldeas e centos de casas desta parroquia de Cerceda convertida en mina. Xosé Bocixa -músico, xornalista e cineasta natural desta zona- fai memoria de todo aquilo agora que hoxe se cumpren 40 anos da rebelión das veciñas e veciños para evitar a ocupación forzosa por parte da empresa Lignitos de Meirama. As mulleres labregas zoupando con paraguas nos gardas civís, a poboación correndo polo monte enfrontándose ás forzas de seguridade con sachos e paus, os detidos e os desmaios son o símbolo dunha loita social que empezou un chisco antes e durou moitos máis anos. Unha imaxe, sobre todo feminina, que simbolizou moito en plena Transición e da que este 15 de febreiro hai xusto catro décadas. 

Neste 15 de febreiro cúmprense 40 anos da mobilización máis simbóica e de máis repercusión na loita das Encrobas

Bocixa -director de As Encrobas. A ceo aberto, documental sobre o conflito- tiña dez anos daquela. Súa nai foi unha das protagonistas que se enfrontou á Garda Civil, aquelas que saltaron ás portadas en icónicas fotografías. "Lembro confusión, sorpresa, xente brava berrando, reunións...", di daquela época. Este domingo, 40 anos despois, os veciños volveranse reunir na que se denomina Marcha da memoria, un "acto poético-artístico pero tamén reivindicativo e de lembranza para aqueles que pelexaron". Haberá intervencións de protagonistas e testemuñas e, de novo, paraugas e aparellos de labranza para tirar as fotos. Antes, o sábado, Ecoar organiza na Nave 1839 da Coruña unha xornada na que o propio Bocixa e membros da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños falarán sobre a importancia daquela loita. 

Veciñas e testemuñas volveranse reunir este domingo para lembrar e reivindicar a aqueles que pelexaron contra as expropiacións forzosas

Aquel conflito empezara un pouco antes daquel día frío e húmido de febreiro. En 1975, Unión Fenosa decidiu explotar un xacemento de lignito pardo no subsolo do val das Encrobas, onde vivía gran parte da poboación desta parroquia duns 1.500 habitantes. Optou pola extracción a ceo aberto, o que supoñía desaloxar 400 familias coas súas vivendas, leiras e modo de vida. O ditador Franco, no último Consello de Ministros que presidiu antes da súa morte, aprobou un expediente de expropiación forzosa. A empresa, de non chegar a acordos de compravenda cos afectados, podía facerse cos terreos polo procedemento de urxencia.

Tras varias expropiacións, en agosto de 1976 unhas 5.000 persoas maniféstanse na Coruña aplaudidos ao paso por cidadáns que coñecían xa o conflito pola prensa. Coa consigna repetida e tamén simbólica de "a terra é nosa e non de Fenosa", a mobilización acaba coa intervención das forzas de seguridade. Logo de varios intentos máis de ocupación, a sociedade incrementaba o seu interese por unha problemática que coincidía con toda a efervescencia política e anceios de cambios que traía a Transición.

Veciños, sobre todo anciáns e mulleres, enfrontáronse á Garda Civil con paus, paraugas ou sachos. Houbo varios detidos e feridos

O último dos intentos da compañía, xa cuns 80 gardas civís como aliados, bateu cuns 200 veciños, moitos deles anciáns e mulleres que foron acadando o apoio masivo da sociedade. Enfrontáronse co que tiñan -sachos, paus, galletas ou paraugas- e as fotografías tiradas por Xosé Castro, fotógrafo de La Voz de Galicia, fixeron o resto. Houbo agresións, desmaios, carreiras, berros, tensión... E o conflito ocupou portadas e programas como Informe Semanal. Pero, sobre todo, unha imaxe icónica: labregas á fronte, defendendo as súas terras ante axentes con tricornio e capa. Tan simbólica que mesmo serviu para atribuírlle a aquela loita social características que nada tiñan que ver co que ocorría e que conseguiu tamén que apañaran apoios case unánimes. 

Aquela xornada de tensión que durou toda unha mañá hai hoxe 40 anos foi clave para que a empresa abandonase o procedemento expropiatorio aberto e iniciase as negociacións coas persoas afectadas para adquirirlles os seus terreos. E a batalla, xa enfocada a conseguir as mellores condicións e evitar os continuos abusos e afectacións medioambientais, continuou. "Vin tirar a primeira casa en 1977 e a última que desapareceu foi en 2004", advirte Bocixa, que abandonou Gontón, o seu lugar, a mediados dos anos 90 mentres ollaba como desaparecían aldeas enteiras. "O burato ía medrando a medida que tamén medraba eu", advirte mentres lembra como, até non hai tanto, veciños convivían ao carón con casas en ruínas e con "leiras que se convertían en varias polo desnivel de varios metros que causaban as obras". 

Moitos daqueles veciños acabaron traballando na mina e compaxinando aquel labor coa súa vida na aldea ata que As Encrobas desapareceron de vez. Na memoria de todos, aquela mañá do 15 de febreiro no que houbo varios detidos, algúns tan coñecidos e mobilizados naquela loita como o crego Ramón Valcarce, desde aquela e para sempre o cura das Encrobas

Fotografía de Xosé Castro tirada do documental 'As Encrobas. A ceo aberto' © 'As Encrobas. A ceo aberto'
Ramón Valcarce na súa igrexa © Irmandade Moncho Valcarce

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.