40 anos do outro 4 de nadal: o día que Galicia protestou contra os recortes no seu Estatuto de Autonomía

Manifestación autonomista na Coruña durante a Transición Dominio Público Praza Pública

Máis de 100.000 persoas manifestáronse o 4 de nadal de 1979 contra os recortes no Estatuto de Autonomía aprobado en Galicia

"Jornada en defensa de una auténtica autonomía". O 4 de decembro de 1979 La Voz de Galicia dedicaba a súa portada ás manifestacións convocadas ese día en todo o país para protestar contra os recortes efectuados en Madrid contra o proxecto de Estatuto de Autonomía redactado e aprobalo pola Asemblea de Parlamentarios. Ese martes ao redor de 100.000 persoas saíron ás rúas (40.000 na Coruña, 30.000 en Vigo) convocadas polo POG, o PCG, o PG ou o PSdeG. "Ayer, más de 100.000 personas contra el Estatuto de Autonomía", titulou La Voz o 5 de decembro. 

As marchas non foron tan masivas coma as do 4 de nadal de 1977, cando case medio millón de persoas se manifestaron nas cidades galegas en demanda do inicio dun proceso autonómico para Galicia, como viña de ser posto en marcha en Cataluña e Euskadi. Porén, a mobilización de 1979 tivo un carácter máis político e un obxectivo máis definido. Nas marchas de 1977, apoiadas por todos os partidos agás AP e BNPG e mesmo impulsadas dende as Deputacións provinciais controladas pola UCD, a reivindicación autonomista era imprecisa e abstracta, era esencialmente 'aquilo concedido a vascos e cataláns' ao que Galicia tamén podía aspirar.

En cambio, Camilo Nogueira, daquela no Partido Obreiro Galego (POG), si destaca a importancia destas segundas mobilizacións, destacando que "hoxe sería imposible sacar á rúa centos de miles de persoas á rúa, como se fixo naquel momento, reivindicando un estatuto de nacionalidade. É moi gratuíto dicir que iso non tiña significado, porque si que o tiña".

A clave do recorte era que Galicia e Andalucía debían servir de freo á desenvolvemento do Estado das Autonomías

En cambio, o ciclo de mobilizacións dos meses de novembro e decembro de 1979 partía dunha aldraxe concreta: o proxecto de Estatuto acordado en Galicia por todos os partidos viña de ser descabezado no Congreso dos Deputados, nun pacto entre as direccións estatais de UCD e PSOE, nunha negociación liderada por José Pedro Pérez-Llorca, Fernando Abril Martorell e Alfonso Guerra. A clave era que Galicia e Andalucía (que tamén negociaba neses momentos o seu Estatuto de Autonomía) debían servir de freo á desenvolvemento do Estado das Autonomías. Unha vez concedido o autogoberno a Cataluña e Euskadi, o resto de Estatutos debían ser simples descentralizacións. Galicia (con maioría de UCD) e Andalucía (onde o PSOE era o máis votado) marcarían o nivel máximo das restantes rexións, esquecendo a súa consideración como nacionalidades.

De feito, tamén este 4 de decembro Andalucía celebra o aniversario das súas masivas mobilizacións cidadás en defensa do seu autogoberno, que en 1977 encheron as rúas desta comunidade. Esta efeméride, moi reivindicada alí, pasa en cambio moi desapercibida en Galicia.

Portada de La Voz de Galicia do 22 de novembro de 1979 © La Voz de Galicia

O PSdeG de Ceferino Díaz, o PCG de Geluco Guerreiro e o POG de Camilo Nogueira (e tamén outras forzas, como PTG, MCG ou PG) moveron durante esas semanas as súas bases

O proxecto de Estatuto, recortado ao máximo (de feito, todas as súas competencias dependían da súa concesión posterior polas Cortes), foi finalmente aprobado cos votos a favor de UCD, o rexeitamento de PSOE e PCE e a ausencia de AP e nacionalistas vascos e cataláns. Os socialistas galegos, cunha participación moi destacada de Ceferino Díaz, xogaron duro e conseguiron convencer ao resto do seu partido para opoñerse finalmente ao recorte. Algo que non fixeron os deputados galegos de UCD, en principio tamén opostos ao texto.

Tanto o PSdeG coma o PCG de Geluco Guerreiro coma o POG de Camilo Nogueira (e tamén outras forzas, como PTG, MCG ou PG) moveron durante esas semanas as súas bases, comezando as mobilizacións o 22 de novembro, un día no que La Voz de Galicia saíu á rúa titulado a catro columnas na súa portada "Hoy, jornada en defensa de la dignidad nacional de Galicia". O papel da prensa galega foi fundamental na mobilización da cidadanía contra a "aldraxe". E tamén El Ideal Gallego publicou varios editoriais alertando do "erro histórico" que supuña o recorte da autonomía galega e da "humillación" que estaba a sufrir Galicia. O editorial 'Galicia humillada' respondía ademais a outros editoriais e artigos de opinión publicados pola prensa de Madrid, dende El Alcázar a El País, que defendían e xustificaban o descabezamento do Estatuto galego.

A mobilización contra a aldraxe  non chegou a ser masiva, pero si adquiriu unhas dimensións sociais importantes, que desbordaron mesmo ás organizacións que convocaban as manifestacións

As mobilizacións contra a aldraxe (que se converteu no concepto de moda) partían dun sentimento de humillación que durante estas semanas se estendeu polos sectores máis activos da cidadanía galega. Non chegou a ser masivo, pero si adquiriu unhas dimensións sociais importantes, que desbordaron mesmo ás organizacións que convocaban as manifestacións. O comercio do centro das cidades pechou durante horas as súas portas, houbo vixilias nas Casas do Concello de todo o país e leváronse a cabo concentracións de alcaldes e concelleiros, disoltas polos antidisturbios na Praza do Obradoiro mentres cantaban o himno galego.

O sentimento de frustración puido facer emerxer un sentimento de agravio, que ten paralelismos co proceso que se está a vivir en Cataluña nos últimos anos a raíz da amputación do novo Estatut decidida polo Tribunal Constitucional en 2010. Con todo, a realidade é que os meses seguintes a mobilización polo autogoberno descendeu de novo en Galicia, regresando á limitada mobilización anterior. Había unha sensación de impasse, de incerteza, resolta nos últimos meses de 1980 grazas a que unha UCD xa moi feble aceptou "desaldraxar o aldraxado", recuperando unha boa parte do proxecto de Estatuto que fora recortado no Congreso (aínda que non todo). 

A autonomía galega, que fora reivindicada con énfase e convencemento nas rúas o 4 de nadal de 1979, escolleu nacer nun ambiente de apatía e indiferenza

Os Pactos do Hostal deron forma a ese novo compromiso e abriron o camiño cara á aprobación do Estatuto no referendo do "anque chova vota". Finalmente non choveu, pero a participación ficou no 28%. A autonomía galega, que fora reivindicada con énfase e convencemento nas rúas o 4 de nadal de 1979, escolleu nacer nun ambiente de apatía e indiferenza. A autonomía naceu sen apenas autonomistas, aínda que nos anos seguintes o propio proceso de autogoberno amosou algunhas das posibilidades que este novo proceso abría.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.