O mes de novembro de 1979 estivo caracterizado pola mobilizacións social e dos partidos de esquerda contra os intentos da UCD, secundada pola prensa madrileña, de recortar o proxecto de Estatuto de Autonomía, a aldraxe. Unha vez concedido o autogoberno a Catalunya e Euskadi, Galicia debería ser o tapón e o exemplo para o resto de territorios.
En 1979 Galicia marchaba con atraso no proceso para acadar seu autogoberno; na primavera Catalunya e Euskadi dispúñanse a votar en referendo os seus Estatutos de Autonomía e aquí os traballos de redacción apenas comezaran. É certo que o motor de todo o proceso autonómico durante a Transición foron as reivindicacións catalás. O sentimento identitario catalán, demostrado en multitudinarias mobilizacións (na celebración da Diada, o 11 de setembro de 1977, máis dun millón e medio de persoas manifestáronse en Barcelona reivindicando a autonomía), obrigou o goberno de UCD a acelerar a reinstauración da Generalitat, e tamén acelerou a aprobación do seu Estatut.
Porén, ao longo deses primeiros meses de 1979 a Comisión dos 16, formada por representantes de todos os partidos -UCD, AP, PSOE, PCG, POG, PG e PTG- agás o BNPG e o PSG, que rexeitaron participar, elaborara un proxecto de Estatuto progresista e á altura dos textos vasco e catalán. Malia os recortes efectuados polas sucesivas comisións dos once e dos nove, dominadas pola UCD, o proxecto presentado nas Cortes seguía contando cun respaldo unánime de case todas as forzas políticas galegas, incluídos os nacionalistas de Unidade Galega.
Porén, os dous principais partidos (sobre todo UCD), así como a prensa madrileña, non concibían a autonomía como un dereito dos cidadáns de Galicia, Euskadi e Catalunya. E unha vez que os problemas catalán e vasco foron solucionados, coa aprobación dos seus respectivos Estatutos, o Goberno de Suárez (co apoio editorial da prensa da capital do Estado e dalgúns sectores do PSOE) decidiu que chegara o momento de racionalizar o proceso autonómico. E a Galicia, como terceira e derradeira nacionalidade histórica, tocáballe o papel de chivo expiatorio, de exemplo limitador para os restantes territorios. A prensa galega comezaba a facer popular a denominación de aldraxe para condensar estes agravios.
Para Xosé Antón Gaciño e Manuel Rivas (no libro Crónica dunha frustración), Galicia foi considerada durante todo o período da Transición como unha autonomía de segunda clase: “Os manexos dos políticos centralistas priváronlle do dereito que, a pesares de todo, tiña a ser tratada como as outras dúas nacionalidades históricas do Estado. Sen necesidade de chegar ás reaccións case espontáneas do 22 de novembro e 4 de nadal de 1979 había datos abondo para considerar que o pobo galego ten unha conciencia elemental da súa personalidade colectiva, pero os sociólogos oficiais (...) non tiveron en conta eses datos, e Galicia continuou, ao longo de todo o proceso de consolidación da democracia controlada, encasillada no capítulo de pobos susceptíbeis de ser sometidos a discriminación”.
Unha vez que os problemas catalán e vasco foron solucionados, coa aprobación dos seus respectivos Estatutos, o Goberno de Suárez (co apoio editorial da prensa da capital do Estado e dalgúns sectores do PSOE) decidiu que chegara o momento de racionalizar o proceso autonómico
Esta estratexia foi xustificada por varios editoriais de El Pais. O primeiro deses textos (O Estatuto de Galicia: entre o temor e a ambigüidade) foi publicado o día 16 de novembro e nel o xornal viña recoñecer entreveadamente a Euskadi e Catalunya como únicas nacionalidades históricas, sen ter en conta o fixado na Constitución. O editorial foi contestado ao día seguinte por outro de El Ideal Gallego, Galicia humillada, publicado na súa portada: "O máis indignante que se está producindo é a terxiversación, ante a opinión pública do resto de España, do verdadeiro carácter da reivindicación autonómica galega. Chegar a identificala co mantemento do aparello caciquil para quen loitaron, e mesmo deron a vida, polo autogoberno de Galicia. Cando os insultos desa categoría se aplican a un país secularmente marxinado e oprimido por un poder central (que se servía precisamente dos caciques como intermediarios) e cando poden chegar a salpicar a lembranza de homes como Bóveda, fusilados por defender a autonomía de Galicia, o insulto convértese en provocación".
Así, en outubro e novembro o texto chegou á Comisión Constitucional do Congreso, onde necesitaba do apoio da UCD e o PSOE para ser aprobado. O consenso ao que se chegara en Galicia e os precedentes catalán e vasco auguraban unha resolución rápida. Pero o conto foi outro. As modificacións que efectuou a Comisión Constitucional nos meses de outubro e novembro de 1979 afectaron a temas fundamentais do Estatuto, coma as competencias ou a organización territorial. A transformación máis importante foi a coñecida como Disposición Transitoria terceira (nun comezo, artigo 32.4), que definía a delimitación unilateral por lei das Cortes Xerais nas materias competenciais compartidas, e eliminaba a iniciativa do Parlamento autónomo para a súa cesión, tendo que agardar á vontade (mesmo sine die) do Congreso. É dicir, na práctica, o Estatuto nacía sen competencias, estaba baleiro.
No Congreso modificouse tamén o número de deputados do Parlamento, xa que o artigo 11.5 pasaba a fixar o número de entre 100 e 125 a “entre setenta e oitenta”. Asemade, fixábase un tope mínimo do 3% sobre o censo para que unha lista electoral puidese obter representación no Parlamento. Finalmente, outra das modificacións afectaba á lingua galega: mantiña a cooficialidade de galego e castelán, pero mentres que no anteproxecto dos 16 establecíase o deber de coñecer ambos os idiomas, a Comisión só fixaba a obriga de coñecer o castelán.
Vixilias contra a aldraxe
A noite do 20 ao 21 de novembro tivo lugar unha vixilia en 17 concellos de toda Galicia para coordinar as mobilizacións contra a aldraxe
A noite do 20 ao 21 de novembro tivo lugar unha vixilia en 17 concellos de toda Galicia para coordinar as mobilizacións contra a aldraxe e a mañá do 21, os alcaldes das sete cidades galegas chegaron a Madrid para entrevistarse con Suárez e Pérez Llorca, que non os recibiron. Este día 21 levouse a cabo en todo o país unha Xornada en defensa da dignidade nacional de Galicia co apoio da prensa e de todos os partidos agás UCD. Centos de políticos, alcaldes e concelleiros de todo o país foron desaloxados da praza do Obradoiro polos antidisturbios no momento en que cantaban o himno galego, e en consecuencia os xornalistas que cubrían o evento (trece medios distintos, incluídos os catro xornais estudados) asinaron un escrito conxunto de protesta.
O día 22 García Sabell publicaba na primeira páxina de El Ideal Gallego un duro artigo titulado: Galicia que como din Gaciño e Rivas na súa Crónica dunha frustración “levantou dos asentos aos máis descangallados e que correría de man en man”. Para Rivas, o artigo de García-Sabell "é como unha badalada que esperta a todos". O artigo de Sabell provoca unha activación no que chamariamos as elites e no resto dos medios, porque os grandes medios eran La Voz e o Faro. Pero ese artigo conseguen que os outros medios non queiran quedar atrás. Ese mesmo día, ademais, La Voz abriu a cinco columnas, titulando con grandes tipos Hoy, jornada en defensa de la dignidad nacional de Galicia.
Durante a Xornada en defensa da dignidade nacional de Galicia tamén tiveron lugar varias manifestacións case que espontáneas en protesta contra a aldraxe
Durante esta Xornada en defensa da dignidade nacional de Galicia tamén tiveron lugar varias manifestacións case que espontáneas en protesta contra a aldraxe, que reuniron entre 40 mil (axencia EFE) e 80 mil persoas (partidos convocantes). O número de participantes estaba lonxe das masivas marchas do 4 de nadal de 1977 pola autonomia nas que se calcula que se manifestaron máis de medio millón de persoas en toda Galicia. Porén, aquelas contaran co impulso de UCD e do seu entramado de poderes, xunto co resto de partidos, e estas foran impulsadas case en exclusiva por PCG e POG e un amplo conxunto de colectivos sociais.
O Estatuto, recortado
Durante as semanas anteriores especulárase coa existencia dun pacto entre UCD e o PSOE, entre Abril Martorell e Alfonso Guerra, para recortar o Estatuto galego
A noite do 21 ao 22, a Comisión Constitucional aprobou cos devanditos recortes o Estatuto co voto a favor da UCD e en contra de PSOE e PCE e a ausencia de AP, vascos e cataláns. Durante as semanas anteriores especulárase coa existencia dun pacto entre UCD e o PSOE, entre Abril Martorell e Alfonso Guerra, para recortar o Estatuto galego e para que unha vez concedido o autogoberno a Catalunya e Euskadi, Galicia fose o tapón e o exemplo para o resto de territorios, o primeiro dos estatutos de segundo nivel. UCD faríao en Galicia, onde era moi maioritara, e o PSOE en Andalucía. Porén, ao final os ucedeos ficaron sós. A UCD galega, que aínda que mantiña unha posición crítica acatou a disciplina de voto do seu partido, apostaba por aprobar o Estatuto (segundo Meilán, de non aprobarse, Galicia tería que agardar cinco anos) e modificalo no propio Parlamento Galego.
El Pais publicou o 23 de novembro un segundo editorial sobre o Estatuto galego (contan que inspirado ou mesmo redactado por Pío Cabanillas) que de novo xustificaba o agravio para Galicia. O texto titulado La larga noche del Estatuto gallego comezaba culpando o Título Oitavo da Constitución de crear “la desmesurada expectativa de una especie de ‘Estatuto tipo’ al que tendrían derecho, con independencia de la intensidad y autenticidad de los sentimientos populares, reivindicaciones históricas y necesidades sociales, todos y cada uno de los territorios”.
O 4 de decembro máis de cen mil persoas (200 mil segundo os organizadores) manifestáronse de novo en todo o país contra a aldraxe nunhas marchas lideradas por PCG, Unidade Galega (POG, PSG e PG) e o PSOE
O 4 de decembro máis de cen mil persoas (200 mil segundo os organizadores) manifestáronse de novo en todo o país contra a aldraxe nunhas marchas lideradas por PCG, Unidade Galega (POG, PSG e PG) e o PSOE. Quedaba por diante un ano de tirapuxas entre unha UCD que buscaba arrefecer o ambiente e que procuraba un pacto con PSOE e PG para reformar o texto. No verán de 1980, co Goberno de Suárez xa moi debilitado, a UCD accedeu a modificar o texto no Pacto do Hostal, no que participaron AP, PSOE, UCD, PCG e PG. Non era o texto dos 16 pero si que se eliminaron boa parte dos motivos de crítica. Despois aínda viñeron un referendo cunha abstención do 70%. Veu tamén o café para todos e tamén a LOHAPA despois do 23F como intento de limitar o Estado Autonómico. Pero ese foi outro conto.