Unha ducia de carteis das primeiras eleccións ao Parlamento galego
O 20 de outubro de 1981, hai 40 anos, celebráronse as primeiras eleccións ao Parlamento galego, 10 meses despois do referendo que aprobou -sen entusiasmo- o Estatuto de Autonomía, dando inicio ao actual autogoberno. Eses primeiros comicios foron gañados, contra todo prognóstico, pola Alianza Popular de Xerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, nun día no que o Amazonas cambiou o seu curso...
-
01
E o Amazonas cambiou o seu curso
Nos meses anteriores ás eleccións, poucas persoas dubidaban de que a UCD sería a forza máis votada, a pesar de que xa comezaban a ser visibles moitos conflitos internos e de que en Galicia carecía dun líder claro. Dous anos antes, nas segunda eleccións xerais, UCD obtivo 17 dos 27 escanos en xogo en Galicia, cun 48% que case triplicaba á segunda forza, o PSdeG-PSOE (17%).
O propio candidato ucedeo, José Quiroga, presidente da Xunta preautonómica, chegou a dicir que era máis probable que cambiase de curso o Amazonas que unha derrota de UCD. Pero así foi.
-
02
A vitoria de Alianza Popular
Ao final AP obtivo 26 dos 71 deputados, fronte aos 24 de UCD que se esfarelaría nos meses seguintes. As eleccións tiveron unha participación baixísima (46,3%), moi semellante á dos comicios do pasado ano 2020, marcados pola COVID (48,9%). Podes probar aquí de novo canto sabes sobre a historia das eleccións ao Parlamento galego
-
03
Galegos coma ti
Na vitoria de AP tivo moito que ver o carisma do líder estatal do partido, Manuel Fraga, que non se presentaba nestas eleccións pero que era o gran protagonista en carteis e mítins. O triunfo dos populares asentouse, sobre todo, na provincia da Coruña, onde superou a UCD por 9 escanos fronte a 5, mentres que os centristas se impuxeron en Lugo e Ourense.
-
04
Cartel do PSdeG en 1981
A terceira forza foi o PSdeG-PSOE, liderado por Francisco Vázquez, que obtivo 16 escanos. Entre eles catro galeguistas independentes: Ramón Piñeiro, Benxamín Casal, Carlos Casares e Alfredo Conde.
-
05
Francisco Vázquez, líder do PSdeG-PSOE
Un ano máis tarde, o debate sobre se A Coruña ou Santiago debía ser a capital de Galicia motivou o marcha do Parlamento de Francisco Vázquez, que en 1983 se converteu en alcalde da cidade herculina.
-
06
Cartel de Bloque-PSG en 1981
O Bloque (unión da UPG e a ANPG) presentouse ás eleccións en coalición co PSG, que anteriormente formara parte da Unidade Galega xunto con POG e PG. Liderado por Bautista Álvarez, obtivo o 6% dos votos e 3 escanos.
-
07
Cartel do Bloque-PSG en 1981
A negativa dos tres deputados de Bloque-PSG (B. Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido) a acatar a Constitución motivou a súa expulsión do Parlamento, ao que o BNG -xa con esta denominación- non regresou ata 1985 da man de Xosé Manuel Beiras.
-
08
Camilo Nogueira, no Parlamento
Unha boa parte dos integrantes do Partido Obreiro Galego, xunto con militantes do PTG e doutras forzas de esquerda fundaron en decembro de 1980 Esquerda Galega. Na súa primeira cita electoral obtivo un escano por Pontevedra, levando á cámara a Camilo Nogueira
-
09
Cartel de EG en 1981
Nas eleccións de 1985, xa en coalición co PSG (PSG-EG), a formación obtivo tres escanos coa súa proposta de esquerda nacional.
-
10
Cartel do PCG en 1981
O PCG tamén obtivo un único deputado nas eleccións de 1981, o de Anxo Guerreiro pola Coruña
-
11
"Dálle forza ao voto"
"Dálle forza ao voto" era o lema da formación, que obtivo os seus mellores resultados en Ferrol, A Coruña, Vigo, Cangas ou O Grove, entre outros concellos.
-
12
Cartel do PG en 1981
Declarándose herdeiro do Partido Galeguista da Segunda República, o partido refundárase en 1978, contando co apoio dalgunhas figuras destacadas, como Ramón Martínez López. Integrouse primeiro en Unidade Galega, pero disolta esta coalición, uns meses antes dos comicios de 1981, o PG xira cara ao centro-dereita, un espazo non que non foi quen de obter representación.
-
13
"Somos galegos"
Liderado por Alfonso Álvarez Gándara (e con outros integrantes de peso, como Manuel Beiras ou Avelino Pousa Antelo), o PG obtivo algo máis do 3% dos votos co lema "somos galegos"
-
14
Cartel da LCR/MCG en 1981
Un total de 18 listas presentáronse ás eleccións, entre elas a formada pola unión da Liga Comunista Revolucionaria e o Movemento Comunista de Galicia, que non pasou do 0,5% dos votos.
-
15
Cartel da Candidatura Independiente en Defensa de la Capitalidad de La Coruña
Tamén se presentou a 'Candidatura Independiente en Defensa de la Capitalidad de La Coruña', unha lista que defendia ese obxectivo e que non pasou do 1,4% dos votos na provincia herculina.
-
16
Unha nación por diante
O 19 de decembro de 1981 tivo lugar no salón sinodal do Pazo de Xelmírez a constitución do Parlamento (cuxas sesións trasladáronse despois ao Pazo de Fonseca). A data foi escollida como homenaxe á asemblea de concellos que nesa mesma data, en 1932, votara o proxecto de Estatuto aprobado en 1936, e Antonio Rosón foi elixido presidente do Parlamento cos votos de AP e UCD.
Era o inicio do autogoberno en Galicia, que se foi construíndo nos anos seguintes, con máis ou menos ambición en cada momento, a través de leis e institucións. Unha oportunidade para construír un país, como defendía Esquerda Galega neste cartel.