40 anos das primeiras eleccións galegas: "Non só queríamos que nos votasen, senón ser didactas da democracia"

Rajoy intervén no acto polo 40 aniversario das primeiras eleccións galegas © Parlamento de Galicia

"Tomamos aquelas eleccións de maneira solemne, mesmo inxenua. Pretendimos non só que nos votasen, senón ser didactas da democracia", explicou Víctor Vázquez Portomeñe, durante o acto que acolleu este mércores o Parlamento para conmemorar o 40 aniversario dos primeiros comicios autonómicos, celebrados hai xusto catro décadas, o 20 de outubro de 1981. 

Vázquez Portomeñe, candidato daquela e posterior deputado, foi un dos participantes nun acto que contou coa presenza de cadanseu representante dos catro grupos parlamentarios xurdidos daquelas primeiras eleccións: el mesmo polo Grupo Centrista, Mariano Rajoy (Alianza Popular), Xerardo Estévez (Grupo dos Socialistas de Galicia) e Camilo Nogueira, membro de Esquerda Galega e integrante do Grupo Mixto.

Acto polo 40 aniversario das primeiras eleccións galegas © Parlamento de Galicia

"Ninguén me deu ningunha instrución e non lin o programa do partido porque chegara a última hora", dixo Rajoy sobre a campaña daquelas eleccións

Todos, como lembrou Portomeñe, viviron cunha "emoción palpable" o proceso preautonómico que desembocou nas eleccións e no que el, como membro do partido, comprobou "os dous rostros que asomou a UCD: o da galega, convencida e profundamente autonomista, e o da central, que viviu das contradicións". O tamén ex-conselleiro lembraba como os mitins acababan sendo faladoiros e debates abertos entre políticos e asistentes, así como o bo ambiente da Cámara xurdida das urnas. 

"Aquel Parlamento foi unha Cámara con sentido da convivencia e de cordialidade", advertiu Portomeñe nunha gabanza do debate e o respecto institucional que compartiron todos os convidados. "Foi o triunfo da palabra, do falar para contrapoñer e concertar; parlamentar e argumentar solidamente, con vontade de incorporarse ao contrario", engadiu o socialista Xerardo Estévez, que comparou o "paso adiante inesquecible" que ao seu ver supuxeron os gobernos de González Laxe e Pérez Touriño na Xunta coa "política institucionalizada, forte e potente" do de Fraga e de figuras como Xosé Luís Barreiro e Mariano Rajoy. 

Precisamente, o ex-presidente do Goberno de España e hai 40 anos o deputado máis novo no Parlamento galego, encheu de anécdotas o seu relato para lembrar que a aqueles comicios do outono de 1981 el e moitos outros políticos chegaron "con carencias e moi pouca experiencia". "Supliámolo cunha enorme ilusión", engadiu Rajoy, que recoñeceu que nos mitins dicía o que lle petaba. 

"Ninguén me deu ningunha instrución e non lin o programa do partido porque chegara a última hora", dixo entre risas, para logo lembrar que a vitoria de Alianza Popular produciuse de forma inesperada: "Gañamos para o estupor de todos e da propia AP", dixo, antes de deixar unha das súas típicas frases cargadas de retranca ao reflexionar sobre o apoio maioritario do electorado galego ao centrodereita naquela altura: "Nunca o souben, será porque aquí somos así, ata que deixemos de selo, se o deixamos de ser algún día, cousa que eu ignoro; o certo é que as cousas son como son".

Constitución do primeiro Parlamento galego, no Pazo de Xelmírez, con Mariano Rajoy na Mesa ©

Rajoy, que lembrou que o debate sobre a capitalidade na Cámara rematou "con labazadas físicas, pero entre xornalistas, non entre deputados" logo de que Francisco Vázquez, "consumise máis quendas que calquera dos deputados nunha lexislatura enteira", rematou cunha louvanza ao modelo autónomico, cuxa proba de "éxito", dixo, é o "desenvolvemento de Galicia ligado ao seu Estatuto".  

Todo, como lembrou Camilo Nogueira, malia os "comezos difíciles" da etapa autonómica que deron, segundo dixo, paso a "unha corrente de encontro importante". El, como o resto dos ex-parlamentarios presentes no acto, gabaron a figura de Antonio Rosón, presidente na época preautonómica. Ademais, o político nacionalista lembrou a súa aposta pola lingua galega e a relación con mundo da filosofía, así como os seus intentos por fomentar a "cordialidade" con Manuel Fraga malia as evidentes e fondas diferenzas ideolóxicas. 

Pola súa banda, o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pechou o acto poñendo en valor os avances do país nos últimos 40 anos, así como un "galeguismo compartido, non limitado por fronteiras partidarias" que, ao seu ver, foi e é "esencial para erguer a nova Galicia". Ademais, aproveitou para censurar "os diferentes populismos que son a versión moderna das tendencias antidemocráticas" e advertir da "persecución de obxectivos ilusorios"

Fíxoo Feijóo antes de pechar a súa intervención lembrando unha pasaxe e declaración do ex-presidente dos Estados Unidos, Abraham Lincoln, pouco despois de que o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, abrise o faladoiro reivindicanco “un mellor coñecemento da nosa historia”. “Por desgraza, moitos dos nosos coetáneos saben tanto ou máis dos primeiros presidentes estadounidenses que dos feitos e das personalidades aos que debemos a estabilidade e o benestar dos que España e Galicia gozamos nos nosos días”, advertira. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.