Galicia 1981-2021: "En 1981 a Xunta era só a imaxe da autonomía, sen competencias, e agora é a panacea e a responsable de todo"

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, segundo pola dereita, nunha imaxe da coñecida como Comisión dos 16 que en 1979 elaborou o anteproxecto do Estatuto que despois sufriría diversas modificacións antes de ser aprobado CC-BY-NC-SA Foto: Arquivo Parlamento de Galicia | Montaxe: Praza Pública

A Autonomía fai 40 anos e durante as cinco fins de semana de agosto falamos con cinco persoas representativas dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta, das que tentamos tirar unha imaxe transversal da Galicia das catro últimas décadas

Hai 40 anos, no período que vai do 21 de decembro de 1980, no que se aprobou en referéndum o Estatuto, ao 20 de outubro de 1981, cando se celebraron as primeiras eleccións ao Parlamento, Galicia comezou a concretar a súa autonomía política. Nestas catro décadas afondouse nela e en transformacións non só políticas senón da sociedade en xeral que ao longo das cinco fins de semana de agosto repasamos con cinco persoas representativas dun ou doutro xeito dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo). Todos foron tamén deputados nalgún momento e polo tanto electos pola cidadanía, e pola diversidade das súas orixes xeográfica, profesional, partidista ou por idade axudan a configurar unha imaxe transversal dos últimos 40 anos de Galicia, que se complementa co podcast Retrocorenta no que ao longo deste ano vimos facendo un exercidio de memoria colectiva.

Antes mesmo daquel primeiro goberno democrático de Galicia xa era conselleiro preautonómico, e seguiuno sendo con Albor e Fraga ata 1996 -de Educación, Relacións Institucionais ou Cultura, en distintos momentos-, Victor Manuel Vázquez Portomeñe (Taboada, 1934). Avogado, redactor do Estatuto e despois senador ata 2008, o Xacobeo é a súa creación que máis se lembra, pero el fai memoria dalgúns outros feitos máis.

Que facía vostede en 1981, cando se aprobou o Estatuto?

No proceso autonómico son indisociables o 1980 e o 1981. Neses anos, era conselleiro preautonómico, meramente político, ou sexa, sen funcións executivas. E seguindo os propósitos do partido en que militaba, a UCD lucense, non me limitaba tan só a asistencia e participación nos consellos da Xunta, senón que buscaba o contacto directo cos cidadáns, os que, con outros compañeiros, tentabamos de explicar o novo principio organizativo do Estado, consagrado na Constitución e baseado na estrutura autonómica de España. Naturalmente falabamos das históricas aspiracións de Galicia nese eido, que criamos fielmente plasmadas naquel Estatuto dos 16, precedente inmediato do actual Estatuto de Autonomía.

Como lembra aquel proceso ‘dos 16’ previo ao Estatuto finalmente aprobado?

A asemblea de parlamentarios de Galicia [congresistas e senadores galegos elixidos nas primeiras eleccións estatais de 1977] nomeou unha comisión, que integramos 16 membros pertencentes a sete partidos políticos distintos, e ideoloxicamente distantes. Non obstante, entendémonos porque, sen excepción, mantiñamos o espírito da transición, que se traducía en sinceros afáns de diálogo e consenso. O resultado foi a unanimidade na maior parte do texto que elaboramos, fondamente autonomista pero coidando, claro está, de non quebrar o texto constitucional.

Portomeñe, nunha imaxe do Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

Como foi despois chegar ao Estatuto?

“Vendo a escandalosa abstención do referendo, a divulgación do Estatuto que fixemos na UCD de Lugo foi un fracaso avultado”

Recordo que no ano 1980 Galicia foi escenario de manifestacións multitudinarias na Coruña e en Vigo contra a famosa cláusula que bautizamos como da ‘aldraxe’. Era aquela célebre Disposición Adicional 3.2 do texto que a UCD central, en clara rotura coa galega, introducira na súa proposta, e que creaba non só a inseguridade xurídica senón tamén a política, ao deixar as competencias de Galicia ao albur de futuras leis ditadas polas Cortes Xerais. A finais de setembro de 1980, as forzas políticas chegaron aos chamados Pactos do Hostal, que suprimiron a tan traída Disposición Adicional e introduciron outras modificacións naquela proposta da UCD central, que volvían a achegar o texto ao Estatuto dos 16. Foi aceptada polas Cortes Xerais, que por fin aprobaron o noso Estatuto de Autonomía. E sometida a referendo o 21 de decembro de 1980, foi ratificado polos galegos pero cunha abstención que case hai que tildar de escandalosa, de nada menos que do 72%. Aclaro que entre a convocatoria e a celebración do referendo, a UCD de Lugo enviounos a algúns de nós a explicar as bondades da Autonomía e do texto estatutario. Fronte á UCD central, tomamos a iniciativa de divulgar o Estatuto con todos os nosos esforzos, faciámolo de veras. Pero vendo o resultado, o noso “éxito” cabe cualificalo, polo tanto, de fracaso avultado. E recordo, como anécdota, que en ocasión de dirixirme a Viveiro dende o meu domicilio de Chantada, a impartir a correspondente charla, o meu coche parou nunha recta entre Guntín e Lugo, e comezou a fumegar o motor de maneira aparatosa e alarmante. Fuxín del e dos seus arredores, pensando que, se ía a arder, que o fixera el soíño. E alí quedei ata que unha grúa o veu a recoller. Viveiro quedou sen as miñas explicacións, tal vez convencido de que pouco perdía.

Que lembra das primeiras elección autonómicas?

“Nas primeiras eleccións a ‘aldraxe’ da UCD central foi explotada con habilitade polos demais partidos, incluída AP”

Todo, porque a elas concorrín nas listas da UCD de Lugo. Celebráronse o 20 de outubro de 1981, cunha abstención tamén alta, do 57%, e gañounas Alianza Popular con 26 escanos. A UCD obtivo 24, o PSOE 16, o Bloque [BNPG-PSG] 3 e o Partido Comunista e Esquerda Galega un escano cada un. A UCD, que concorría convencida da súa vitoria, ata o punto de que o candidato á Presidencia, Quiroga Suárez, afirmaba que era máis difícil que perdera ca que o Amazonas cambiara o seu curso, terminou derrotada porque non a galega senón a central cometera errores de vulto. O máis grave, a denostada ‘aldraxe’, que os demais, incluída AP, explotaron con habilidade e eficacia. Eu saín deputado naquela primeira lexislatura, e logo repetín nas tres seguintes. En total, estiven no Parlamento Galego 16 anos, a maior parte como conselleiro e portavoz do grupo parlamentario.

Cal foi o principal cambio de Galicia nestas catro décadas?

Primeiro, tivo España, e en consecuencia Galicia, unha transición dende un estado ditatorial a unha democracia plena. Fíxoo dende o diálogo e o consenso, sen revivir as feridas do pasado e sen lanzarse á cara a súa historia de enfrontamentos. Foi un proceso que nos aplaudiron todas as nacións democráticas da nosa contorna e do que, no meu criterio, e creo que no da maioría dos españois, debemos sentirnos orgullosos. Foi a todas luces un fito histórico. Segundo, a nosa Constitución, resultado da transición, deseñou un estado unitario pero non un estado uniforme. Recoñeceu as autonomías, cada cal coas súas peculiaridades pero, consideradas como un sumando no acervo común de España. Hoxe o principio autonómico, os estatutos e a Constitución constitúen, no sentir xeneralizado dos cidadáns, unha triloxía asumida e frutífera. E terceiro, canto antecede, que constitúe cambios indiscutibles e profundos, eu considéroo meramente instrumental respecto do gran obxectivo da política, que non é nin poder ser outro que lograr que o país prospere e, con el, tódolos cidadáns, en todos os campos, cultural, social e económico. E podo afirmar que, con máis ou menos acerto, todos os gobernos de Galicia así o intentaron a través dunha serie de accións que buscaban ese progreso. 

Cal foi a medida política tomada no marco das competencias autonómicas que considera máis importante neste tempo?

“O Xacobeo e Galicia Calidade situaron a Galicia no mundo; o primeiro levantou áreas deprimidas de Galicia e o segundo dotou de orgullo e difusión á creatividade dos galegos”

Se vostede me pregunta cal ou cales foron as accións políticas de máis incidencia no cambio de Galicia, e me demanda sinceridade absoluta, direille que o Xacobeo e Galicia Calidade. Ambas tiveron a virtualidade de situar a Galicia no mapa de Europa e do mundo. Juan Fernández, que deseñou Galicia Calidade, anticipouse ao seu tempo e dotou de orgullo e difusión á creatividade dos galegos respecto das súas producións. E o Xacobeo levou a Galicia a todo o mundo, ata o punto de que, sen erro, podemos afirmar que non hai un só medio de comunicación dalgunha importancia na terra que non se teña ocupado do Camiño de Santiago e da súa meta que é Compostela de Galicia. Converteuna en destino de multitudes e recibimos cidadáns de cento noventa nacións, coas positivas consecuencias culturais, sociais e económicas que significa, a imitación do que sucedeu nos esquecidos séculos da baixa idade media. Levantou áreas deprimidas de Galicia e deu pulo ás que non eran. Teño oído con algunha frecuencia que con Zara e a Citroën de Vigo, o Xacobeo é a gran industria de Galicia. E por favor, non miremos esta desdichada paréntese a que nos obrigou a pandemia, porque detrás de tempos, veñen tempos. En resumo, Galicia fíxose máis europea e universal, conforme anhelaban os nosos escritores da Xeración Nós. Este foi, a meu criterio, o gran cambio da nosa terra.

O Xacobeo como evento civil paralelo ao Ano Santo é salientado sempre como a súa principal achega a Galicia. Arrepíntese de algo na súa concepción?

“Co Xacobeo se de algo me teño que lamentar é de que varios e, no meu criterio, transcendentes programas que deseñaramos, foron arrombados polo meu sucesor, Pérez Varela”

Toda obra humana é susceptible de mellorarse, pero o que se di arrepentir, non me arrepinto de nada do feito, porque todo o xulguei, e sigo xulgando, como útil para conquerir o obxectivo que pretendiamos eu e mais o meu inesquecible equipo. E se de algo me teño que lamentar, é de que varios e, no meu criterio, transcendentes programas que deseñaramos, foron arrombados polo meu sucesor. 

Refírese a Xesús Pérez Varela?

Naturalmente. El comezou a súa labor de demolición pola figura aquela entrañable do Pelegrín, que aceptaran as oito comunidades autónomas como símbolo xeralizado para todas, xunto co nome de Xacobeo. E Pérez Varela aquel convenio rachouno. Pero prefiro esquecelo e recordar tan só que o presidente Núñez Feijóo fixo súa a idea do Xacobeo, especialmente a mans do conselleiro Román Rodríguez, e agora tamén do vicepresidente Rueda, con pulos renovados, intelixentes e eficaces. Iso é o que importa. 

Portomeñe aplaude de pé a Fraga na súa elección como presidente, o 31 de xaneiro de 1990 © Arquivo Parlamento de Galicia

Que outra política desenvolvida por vostede cre que quedou escurecida polo Xacobeo?

“No meu mandato Galicia chegou, por primeira vez na historia, á escolarización plena tras singulares esforzos particularmente do profesorado, que nunca esquecerei”

Creo que o Xacobeo non escureceu ningunha acción política de ningún departamento da Xunta. Non era esa a súa finalidade, senón a de constituír un sumando máis no acervo de Galicia. Se acaso, as únicas que escureceu foron as miñas outras accións políticas, por exemplo, o feito de que no meu mandato como conselleiro de Educación Galicia chegou, por primeira vez na súa historia, á escolarización plena en todos os niveis, tras singulares esforzos non só da Administración autonómica, senón, e particularmente, do profesorado, que nunca esquecerei.

A Xunta non era nada en 1981, e hoxe a cidadanía mesmo lle atribúe políticas ou feitos que non son da súa responsabilidade. Como foi ese proceso nos primeiros anos?

No ano 1981 a Xunta, que era aínda preautonómica, foi tan só a imaxe da autonomía, sen apenas competencias e sen as consecuentes facultades executivas. Era lóxico que os galegos percibiran que aquela nova institución pouca capacidade tiña á hora de resolver os seus problemas. E naturalmente que as tornas cambiaron cos anos, cando xa convertida a Xunta en autonómica no ano 1982, e tras a bagaxe competencial que a foi nutrindo, os cidadáns viron nela unha institución con presuposto, facultades e responsabilidades en campos tan fundamentais como o da educación, o da sanidade, o dos servizos sociais, o das infraestruturas, o da cultura e outros máis. Ata o punto de que, en efecto, non só os galegos senón os españois das outras comunidades autónomas teñen a tendencia de considerar a administración autonómica a panacea de todos os males e, polo tanto, a responsable. Talvez as administracións territoriais, concellos, deputacións, autonomías e Goberno central, deberan facer máis pedagoxía e esquecer os habituais afáns de ser os protagonistas de todo.

Cal foi o seu peor momento como conselleiro?

“O peor momento como conselleiro foi cando tras gañar por un voto a toma en consideración da Lei de Ordenación Universitaria subín á tribuna para retirala, convencido de que as leis educativas necesitan consenso”

Cando, tras gañar por un só voto a toma de consideración do proxecto de Lei de Ordenación Universitaria de Galicia, cuxa elaboración nos custara meses e desvelos, e tras longo debate, decidín subir á tribuna do Parlamento e retiralo, convencido de que as leis educativas, para que produzan os seus efectos, necesitan o consenso das forzas políticas. Fiaba moito naquel proxecto, pero non logrei transmitir esa fe nin á Universidade nin aos outros grupos parlamentarios. E paradoxicamente, a miña intervención sacrificando o proxecto recibiu o aplauso xeral dos grupos e louvanzas unánimes nos medios de comunicación. Pero non erradicaron a miña tristeza e sensación de fracaso.

Como cree que influíu sobre o uso da lingua galega a existencia mesma da Autonomía?

“A Autonomía xeneralizou o coñecemento da lingua e normalizou o seu uso”

A Autonomía aprobou, e por unanimidade, a Lei de Normalización Lingüística e ditou as normas de aplicación no campo educativo e nas propias administracións, elaborou varios plans e creou a televisión e a radio autonómicas. Con todas esas iniciativas, notoriamente importantes, xeneralizou o coñecemento da lingua galega e normalizou o seu uso en gran medida. Incluso na miña etapa na Consellería de Educación, amén de desenvolver a lei, despregamos unha campaña que levaba por lema “fálalle galego”, que era a mensaxe a unha nai que, en brazos, sostiña o seu fillo infante. Nela participaron con charlas e coloquios ilustres escritores galegos.

Como variou a participación das mulleres en política nestes 40 anos?

Hai 40 anos a participación da muller en política era escasa. Hoxe é absolutamente normal, froito da loita pola igualdade que os partidos políticos e a sociedade asumiron como un postulado de racionalidade e xustiza.

Cando usou por primeira vez o telefono móbil no exercicio dun cargo público?

Non o recordo. O que si recordo son os fallos reiterados que nos interrompían as conversas, e sobre todo recordo os cabreos que nos asaltaban.

E a primeira vez que usou internet ou avances tecnolóxicos similares?

Lembro que o Xacobeo, en convenio coa telefónica, estableceu no ano 1993 unha sala de videoconferencia, a primeira de Galicia, que eu saiba, que estrearon Fraga e o cardeal Rouco. Hoxe en día creo que as diferencias entre as distintas autonomías, no campo das tecnoloxías, son escasas.

'Camiñante VII', de Antón Pulido, autor cuxa obra Portomeñe salienta ao ser preguntado pola creación artística nestas catro décadas. Imaxe da colección de arte do Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

Cal é a viaxe oficial que lembra máis accidentada?

“A viaxe máis ingrata que lembro foi a Xapón con Fraga, polas présas do presidente, que parecía querer abranguer o país en horas, e os xaponeses teñen outra filosofía”

Fixen tantas, especialmente nos anos 1990 a 1993, data daquel Xacobeo-93, que seríame difícil escoller un tan só. Pero chamado a facelo, penso que foi a segunda que realicei a Xapón, esta vez con Fraga e o seu xefe de gabinete. Máis que accidentado, foi fondamente ingrata polas présas do presidente, que parecía querer abranguer aquel lonxano país, de 120 millóns de habitantes, en días ou en horas. E os xaponeses tiñan e teñen outra filosofía de vida. 

No eido da súa propia profesión ou formación académica, cal foi o principal cambio nestes 40 anos?

“Na miña época a avogacía esixía horas e horas lendo ata atopar a xurisprudencia e hoxe internet permite consultas en pouco tempo”

Internet. E digo que Internet porque hoxe en día almacena codificacións lexislativas e xurisprudenciais verdadeiramente admirables, que permiten a súa consulta en breve espazo de tempo. Na miña época o exercicio da avogacía esixía horas e horas apeando e lendo a letra pequena e abigarrada do Aranzadi ou do Alcubilla, ata atopar a xurisprudencia que resolvía un caso análogo, e lle daba, cando así era, a razón ao cliente. En todo caso, nos 18 anos de avogado, debo admitir que o compañeiro que defendía a contraparte tiña sempre, e recalco o de sempre, o noso respecto e consideración. E non quero dicir que agora non sexa así.

Que obra de arte, (música, literatura, arquitectura, pintura...) lle di a vostede máis sobre estes 40 anos en Galicia ?

Déixeme enumerarlle dúas. A primeira, aquela banda sonora que acompañou a Lei para a Reforma Política de 1976. Era a de “Habla, pueblo, habla”, que a cantos vivimos a transición aínda nos segue suscitando forte emoción. E a segunda, os cadros de Antón Pulido, que teñen unha sublime composición cromática, que a min compórtame emoción estética e modernidade universal, como soñaron os nosos devanceiros na Xeración Nós. 

Como imaxina a Galicia do 2061, dentro doutros 40 anos?

Como unha terra de mil verdes e de mil ríos, na que impera o espírito de convivencia solidaria e de xustiza, desenvolta e orgullosa de si mesma.

Próxima entrega:

Galicia 1981-2021 | Fernando Salgado: “A medida máis decisiva da autonomía, porque marcou o seu desenvolvemento, foi que Xunta e Parlamento estivesen en Santiago”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.