Galicia 1981-2021: "A medida máis decisiva da autonomía, porque marcou o seu desenvolvemento, foi que Xunta e Parlamento estivesen en Santiago"

Fernando Salgado, primeiro pola esquerda, nunha imaxe do Goberno presidido por Fernando González Laxe que asumiu a Xunta en 1987 CC-BY-NC-SA Foto: Arquivo Parlamento de Galicia | Montaxe: Praza Pública

A Autonomía fai 40 anos e durante as cinco fins de semana de agosto falamos con cinco persoas representativas dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta, das que tentamos tirar unha imaxe transversal da Galicia das catro últimas décadas

Hai 40 anos, no período que vai do 21 de decembro de 1980, no que se aprobou en referéndum o Estatuto, ao 20 de outubro de 1981, cando se celebraron as primeiras eleccións ao Parlamento, Galicia comezou a concretar a súa autonomía política. Nestas catro décadas afondouse nela e en transformacións non só políticas senón da sociedade en xeral que ao longo das cinco fins de semana de agosto repasamos con cinco persoas representativas dun ou doutro xeito dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo). Todos foron tamén deputados nalgún momento e polo tanto electos pola cidadanía, e pola diversidade das súas orixes xeográfica, profesional, partidista ou por idade axudan a configurar unha imaxe transversal dos últimos 40 anos de Galicia, que se complementa co podcast Retrocorenta no que ao longo deste ano vimos facendo un exercidio de memoria colectiva.

Tras a primeira entrega da serie con Victor Manuel Vázquez Portomeñe, as conversas seguen con Fernando Salgado (Monterroso, 1953), conselleiro de Economía e Facenda con Laxe entre 1987 e 1990. Xornalista de profesión á que volveu reiteradamente, tamén sería secretario xeral de Comunicación con Touriño entre 2005 e 2009 e profesor universitario.

Que facía vostede en 1981 cando se aprobou o Estatuto?

Aquel ano de 1981 lémbroo ben por dúas boas razóns: Galicia acadou o autogoberno que moitos ansiabamos e naceu o meu primeiro fillo, Daniel. Cando se publicou a lei orgánica do Estatuto, eu estaba de traslado, de Madrid a Galicia: acababa de incorporarme, inmediatamente despois do golpe de Estado do 23-F, a La Voz de Galicia. En Madrid, como cronista parlamentario de Mundo Obrero, tocárame seguir os debates sobre o Estatuto de Galicia, tanto na comisión constitucional como no pleno do Congreso. E xa na Coruña, como fundador e primeiro xefe da sección de economía do diario, fun testemuña dos primeiros pasos da autonomía, especialmente na vertente económica e financeira.

Cal foi o principal cambio de Galicia nestas catro décadas?

“Só as dúas brutais crises que atravesamos neste século, que truncaron as expectativas de toda unha xeración, explican o revisionismo dos logros alcanzados”

O excepcional crecemento da renda e do benestar reflicten a profunda transformación que experimentou Galicia nestas catro décadas. O PIB por habitante multiplicouse case por tres, ata superar os 24.000 euros, o que supón un crecemento superior á media española. No tocante á calidade de vida, non hai cor nin comparanza posible entre as dúas épocas. Hoxe vívese máis tempo e moito mellor que hai catro décadas. Unicamente as dúas brutais crises que atravesamos neste século, que truncaron as expectativas de toda unha xeración, explican o revisionismo dos logros alcanzados.

Fernando Salgado co presidente Touriño na súa segunda etapa na Xunta, como secretario xeral de Comunicación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Cal foi a medida política tomada no marco das competencias autonómicas que considera máis importante neste tempo?

“A medida máis decisiva da autonomía, porque marcou o seu desenvolvemento, foi que a Xunta e o Parlamento estivesen en Santiago”

A medida máis decisiva, porque marcou todo o desenvolvemento da autonomía, foi a recollida na lei máis breve e máis polémica de cantas ten aprobadas o Parlamento de Galicia. É unha lei de 1982 que só consta de dous artigos e pouco máis dunha ducia de palabras. No artigo primeiro desígnase a Santiago de Compostela como sede do Parlamento, da Xunta de Galicia e das diversas consellerías. No artigo segundo dise que o Tribunal Superior de Xustiza residirá na Coruña. Aquela primavera ardeu Troia. A decisión provocou o rexeitamento xeral dos coruñeses e fracturou todos os partidos. O alcalde da Coruña, que era de UCD, puxo a bandeira da cidade a media hasta e incluso ameazou con convocar un referendo para independizar A Coruña da comunidade autónoma. Santiago convertíase de facto na capital de Galicia, aínda que houbo que agardar vinte anos, ata o 2002, para que se aprobase o seu estatuto de capitalidade.

Cal é a medida da que se sinte máis orgulloso de tomar ou de influír ou de axudar a que se tomase?

“A creación das universidades da Coruña e Vigo e do Sergas son medidas das que estamos orgullosos todos os que compartimos goberno con Laxe”

Hai dúas medidas das que estamos orgullosos todos os que compartimos goberno baixo a presidencia de Fernando González Laxe: a creación das universidades da Coruña e Vigo, que permitiu articular un sistema universitario galego descentralizado e con campus especializados en todas as cidades de Galicia, e a creación do Sergas, a peza fundamental do sistema galego de saúde. Persoalmente, como conselleiro de Economía e Facenda, estou especialmente satisfeito dos Orzamentos da comunidade autónoma para 1988, radicalmente expansivos, os primeiros aprobados nas datas que sinala a lei e que permitiron financiar as innumerables obras realizadas nos dous anos de goberno Laxe: auditorios e centros educativos, parque tecnolóxico de Ourense, urbanización de Fontiñas e creación da Escola Galega de Administración Pública…

Cal foi o seu peor momento como conselleiro?

“O peor momento como conselleiro foi en febreiro de 1989 cando cincuenta alcaldes de Ourense, capitaneados polo de Nogueira de Ramuín, que se chamaba José Luis Baltar, se pecharon na consellería”

Quizais o de febreiro de 1989, cando máis de cincuenta alcaldes de Ourense, todos eles conservadores, ocuparon as dependencias da Consellería de Economía e advertiron que non abandonarían o peche ata que os recibise. Querían coñecer os criterios de reparto do fondo de cooperación local, dotado con máis de 3.200 millóns de pesetas, que eu puxera en marcha para financiar obras e servizos en concellos con menos de 20.000 habitantes. En realidade, aquel plan amolaba sobre todo ás deputacións provinciais, porque desmontaba un dos seus mecanismos clientelares. Os victorinos, como os definiu un dos columnistas da época, estaban capitaneados polo alcalde de Nogueira de Ramuín, que se chamaba José Luis Baltar. Permaneceron un día e unha noite na consellería. Despois de que deran por rematada a ocupación, funos recibindo, pero un a un, e sen presións.

Fernando Salgado, á dereita, na presentación en 2016 do libro recompilatorio dos discursos de Touriño no Parlamento de Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta non era nada en 1981 e hoxe a cidadanía mesmo lle atribúe políticas ou feitos que non son da súa responsabilidade. Como foi ese proceso nos primeiros anos?

“Poucos daban un peso pola autonomía e agora nada do que sucede en Galicia, á marxe de quen ten as competencias, é alleo ás institucións de autogoberno”

Certo, é a lei do péndulo. A autonomía galega naceu no medio da máis absoluta precariedade, poucos daban un peso por ella. A participación no referéndum do Estatuto reduciuse a un 28 por cento. E incluso, dos poucos que o votaron, a quinta parte fíxoo negativamente. Durante a preautonomía e aínda despois, quen mandaba e quen facía e desfacía era o gobernador civil e os seus delegados. Logo empezaron as transferencias e os galegos empezaron a percibir que asuntos fundamentais, como a educación dos seus fillos ou a súa saúde, dependían de e había que tratalos en Santiago. O péndulo foise movendo cara ao outro extremo e agora nada do que sucede en Galicia, á marxe de quen ten as competencias, é alleo ás institucións de autogoberno.

Como cre que influíu sobre o uso da lingua galega a existencia mesma da autonomía?

“As elites seguiron instaladas no castelán e utilizaron o galego como lingua ritual”

Influencia positiva, con reparos. Hai case medio século que o profesor Alonso Montero, no seu Informe dramático sobre la lengua gallega, facía un diagnóstico atroz sobre o futuro da lingua galega. Tiña os días contados, se non se incorporaba decididamente ao sistema educativo e aos medios de comunicación. En 1983 aprobouse un plan de rescate, chamado Lei de normalización lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento. É certo que as elites seguiron instaladas no castelán e utilizaron o galego como lingua ritual: os deputados falan en galego na tribuna e castelán na cafetería. Pero, aínda así, o cambio foi positivo. A lingua B recuperou o seu prestixio e deixou de ser o idioma do patán e do paifoco. O peor é o retroceso dos últimos lustros. Tanto que xa se volve a esgrimir o informe de Alonso Montero como exemplo de profecía que se vai cumprir.

Como variou a participación das mulleres en política nestes 40 años?

O cambio foi drástico. Abonda, para percibilo, un par de exemplos. Nos gobernos de Fernández Albor e de González Laxe non houbo ningunha conselleira. Creo recordar que a primeira muller que se sentou no Consello da Xunta foi Manuela López Besteiro, xa con Fraga. No goberno de Emilio Pérez Touriño xa había máis conselleiras que conselleiros e tamén, aínda que non botei a conta, máis directoras xerais que directores.

Cando usou por primeira vez un teléfono móbil no exercicio dun cargo público?

“A nosa prioridade en telecomunicacións era colocar un teléfono de emerxencias en cada parroquia, logo de negociar cos veciños para que nos deixaran chantar os postes nas leiras”

A primeira vez foi en 2006, cando Pérez Touriño me nomeou secretario xeral de Comunicación. Nos tempos de Laxe, esas cousas non existían. A nosa prioridade en telecomunicacións era colocar un teléfono de emerxencias en cada parroquia, logo de negociar cos veciños para que nos deixaran chantar os postes e os aramios nas súas leiras. Nos coches oficiais tiñamos uns aparellos xigantescos, máis parecidos ás emisoras que se empregaban na Segunda Guerra Mundial que a un móbil moderno. Nunca souben da súa utilidade porque nunca o utilicei. Cando ías de viaxe, o que facías era parar nun bar que tivera teléfono para que che deran novidades da consellería.

E a primeira vez que usou internet?

O meu primeiro contacto coas novas tecnoloxías debeu ser a mediados ou finais da década de 1980. Foi o día en que La Voz de Galicia nos retirou as vellas máquinas de escribir e as substitíu por uns terminais verdes conectados a un ordenador que ocupaba unha habitación. Pouco despois merquei o meu primeiro PC, que me custou unhas 400.000 pesetas se mal non recordo. Un IBM que tiña dúas aplicacións rudimentarias, un procesador de textos e unha folla de cálculo. Por internet tiven que esperar ata 1992 ou 1993, cando xa era deputado e estaba a piques de marchar a Lugo como director de El Progreso.

E da evolución das infraestruturas de transporte, que visión ten? Algunha lembranza dalgunha viaxe oficial especialmente accidentada?

“Pasamos media vida clamando contra o illamento e incomunicación de Galicia sen decatarnos de que xa non existe, estamos empachados de cemento, é no dixital onde xogamos o futuro”

Pasamos media vida clamando contra a marxinación e illamento de Galicia, aquel territorio periférico, invertebrado e incomunicado, sen decatarnos de que xa non existe. O problema das infraestruturas físicas xa foi superado. Con tres aeroportos, tres autovías de saída ao exterior e algunhas outras transversais, unha autoestrada na franxa atlántica, dous portos exteriores que case se abrazan e un AVE que anuncia a súa entrada, xa estamos empachados de cemento. O desafío agora é outro. Galicia necesita estender e mellorar as infraestruturas de telecomunicación e dixitais. É aí, nese campo, onde nos xogamos o futuro.

Fernando González Laxe intervén, como presidente da Xunta, nun dos primeiros plenos do Parlamento celebrados no Pazo do Hórreo © Parlamento de Galicia

Combinando as súas dúas vertentes profesionais, a de xornalista e coñecedor da economía galega, como de dependentes da Xunta foron nestes anos o xornalismo e a economía galega?

“Empresas e medios de comunicación son poderes interdependentes cos gobernos, o problema xurde cando esquecen a súa dependencia fundamental, do mercado ou da audiencia, e optan por vivir da subvención pública”

O de xornalista e coñecedor da economía recórdame unha anécdota protagonizada por Camilo Nogueira, férreo opositor daquela e bo amigo sempre. Cando González Laxe me nomeou conselleiro de Facenda, sorpresivamente para moitos, Nogueira reaccionou cun símil enxeñoso. Dixo que era coma se o Real Madrid fichase de dianteiro centro a José María García, o máis célebre cronista deportivo da época. Recoñecía ao periodista económico, pero non ao economista autodidacta e sen título. En todo caso, non quero obviar a súa pregunta. Goberno, empresa e medios de comunicación son tres poderes interdependentes, todos dependen nalgunha medida de todos. O problema xurde cando un deses poderes esquece a súa dependencia fundamental. Se a empresa esquece que depende fundamentalmente do mercado, da lei da oferta e da demanda, e opta por vivir da subvención pública, acabará na bancarrota. Se o xornalismo esquece que depende fundamentalmente da audiencia, e que un dos seus obxectivos é o de erixirse en conciencia crítica do poder político, tampouco lle auguro futuro. Xa que logo, xestionar adecuadamente as relacións de dependencia co poder político é a única maneira de sobrevivir a medio prazo.

Que obra de arte (música, literatura, arquitectura, pintura...) lle di a vostede máis sobre estes 40 anos en Galicia?

O Pazo do Hórreo. Non como obra de arte, senón polo que simboliza: a conquista da autonomía, a casa colectiva de todos os galegos, os de aquí e os da outra beira do Atlántico.

Como imaxina a Galicia de 2061, dentro doutros 40 anos?

“Sobre a Galicia de 2061, como suxería Gramsci móvome entre o pesimismo da intelixencia e o optimismo da vontade, pero esa vontade xa non é a miña senón a dos nosos fillos e netos”

Non teño dotes de profeta. Ademais, como suxería Gramsci, móvome entre o pesimismo da intelixencia e o optimismo da vontade. O pesimismo indúceme a pensar que, dentro de corenta anos, Galicia será un deserto de casas sen fume ou un xeriátrico. Sobre todo, se non somos quen de atallar os dous tumores que ameazan con derivar en metástasis: o acelerado destrozo do territorio e o declive demográfico. Fronte a esa visión un chisco apocalíptica, imponse o optimismo da vontade. Pero coa particularidade de que esa vontade xa non é a miña nin a da miña xeración, senón a dos nosos fillos e dos nosos netos. Resumindo, a Galicia de 2061 será exactamente a que queiran construír as novas xeracións de galegos e galegas.

Próxima entrega:

Galicia 1981-2021 | Pilar Rojo: “Co tempo, afastada do debate político, a Cidade da Cultura será unha nova icona de Galicia”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.