A Autonomía fai 40 anos e durante as cinco fins de semana de agosto falamos con cinco persoas representativas dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta, das que tentamos tirar unha imaxe transversal da Galicia das catro últimas décadas
Hai 40 anos, no período que vai do 21 de decembro de 1980, no que se aprobou en referéndum o Estatuto, ao 20 de outubro de 1981, cando se celebraron as primeiras eleccións ao Parlamento, Galicia comezou a concretar a súa autonomía política. Nestas catro décadas afondouse nela e en transformacións non só políticas senón da sociedade en xeral que ao longo das cinco fins de semana de agosto repasamos con cinco persoas representativas dun ou doutro xeito dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo). Todos foron tamén deputados nalgún momento e polo tanto electos pola cidadanía, e pola diversidade das súas orixes xeográfica, profesional, partidista ou por idade axudan a configurar unha imaxe transversal dos últimos 40 anos de Galicia, que se complementa co podcast Retrocorenta no que ao longo deste ano vimos facendo un exercidio de memoria colectiva.
Tras as catro primeiras entregas da serie con Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, Fernando Salgado, Pilar Rojo e Teresa Táboas, o quinto presidente que tivo a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contou con Agustín Hernández (Madrid, 1961) como conselleiro Medio Ambiente e Infraestruturas entre 2009 e 2014. Pero este galego de adopción neofalante que comezou a vivir en Galicia con 25 anos xa fora director xeral de Obras Públicas con Fraga entre 1998 e 2005, traballara despois para a Deputación de Pontevedra e ao saír da consellería seguiría coñecendo outros postos como o de alcalde de Santiago entre 2014 e 2015 ou o de presidente do Consello Económico e Social que ocupa actualmente.
¿Que facía Vostede en 1981 cando se aprobou o Estatuto?
No curso 80/81 estaba no segundo ano da Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos en Madrid. Era o curso máis complicado posto que era o primeiro ano con materias específicas da profesión, o que marcaba que continuaras coa carreira ou que abandonaras. Era moi esixente e polo tanto foi un ano de encerro e de estudo.
Xa pensaba na política? En que momento os cargos técnicos que foi ocupando pasaron a ser políticos?
"Empecei como director xeral en 1998 e en 2009 chamáronme do partido dicindo que non atopaban a miña ficha, e era porque non estaba afiliado, así que aí me afiliei”
Eu comecei como director xeral desde unha vocación totalmente técnica. O salto á política xurdiu como consecuencia de que tras entrar nunha estrutura pola porta técnica, dáste de conta de que se non te involucras, se non das o paso, podes quedar sen unha proxección que che interesa, profesional e no ámbito da xestión pública, e daquela involúcraste máis. Con independencia de que estás situado onde ideoloxicamente estás cómodo, claro. Pero eu como director xeral, entre 1998 e 2005, non estiven afiliado ao PP. Na oposición Alberto pediume que me implicase, en 2006, e cando gañamos as eleccións chamáronme do partido porque non atopaban a miña ficha para o congreso interno que celebramos. Díxenlles que non a atopaban porque non estaba afiliado, así que aí me afiliei. O que buscaban en min era un currante que resolvese problemas.
Cal foi o principal cambio de Galicia nestas catro décadas?
Comecei a vivir en Galicia en Febreiro de 1987, polo que a miña referencia temporal arranca nese ano. O avance foi inmenso dende entón. Especialmente no referente aos equipamentos e infraestruturas de todo tipo: as tecnolóxicas, as educativas, as sanitarias, as culturais, as viarias, etc... Ese salto cara á modernidade tamén significou un cambio de mentalidade e unha apertura de Galicia cara o exterior. Durante estes anos a proxección de Galicia cara ao exterior, en España e no mundo, incrementouse dunha forma moi notable. Probablemente a difusión do fenómeno Xacobeo, como algo máis que un acontecemento exclusivamente relixioso, tivo moito que ver.
“A lei da sede das institucións de 1982 foi un primeiro paso para rachar cos enfrontamentos entre sur e norte e impulsou Santiago como capital de todos os galegos”
Cal foi a medida política tomada no marco das competencias autonómicas que considera máis importante neste tempo?
Quizais non sexa a máis importante pero considero que foi transcendente: A aprobación da Lei 1/1982 de fixación da sede das institucións autonómicas de Galicia. Foi un primeiro paso para rachar cos enfrontamentos entre o sur e o norte de Galicia. Posibilitou o inicio dun período do impulso de Santiago de Compostela como a capital de todos os galegos.
Cal é a medida da que se sinte máis orgulloso de tomar ou de influír o de axudar a que se tomase?
“A medida da que me sinto máis orgulloso foi, como subdirector xeral, participar na posta en marcha de Sogama; Galicia tiña centos de vertedoiros sen control”
Son consciente do grao de polémica que pode reflectir esta resposta pero sen dúbida foi a miña participación na posta en marcha do proxecto de Sogama. Era subdirector xeral da Xunta e participei no proxecto. Estamos falando de mediada a década dos 90. Galicia tiña centos de vertedoiros espallados pola súa xeografía sen control e causando un impacto inaceptable. O goberno decidiu impulsar un proxecto integral e global de recollida e tratamento do lixo para Galicia, que ademais fora innovador. Foi un proxecto xestionado con ambición técnica e tecnolóxica e tamén con moita negociación política para atopar un emprazamento que non xerara un rexeitamento que fixera inviable o proxecto. Houbo un comité de expertos que asesoraban ao goberno no que estaban personalidades da talla dos profesores Bao, Macías ou Redondo. E dende unha perspectiva máis sentimental e persoal, o viaduto da variante de Noia ten unha especial significación para min. Vivín en Noia durante anos e, sen desmerecer ningún lugar de Galicia, porque non podería elixir un, o Barbanza tenme conquistado. Ademais de facilitar as comunicacións entre as dúas marxes da ría, o viaduto é hoxe en día un referente na paisaxe.
O peor momento como conselleiro foi a tarde-noite de Angrois, nunca esquecerei o que vin”
Cal foi o seu peor momento como Conselleiro?
Sen dúbida a tarde-noite do 24 de xullo de 2013 en Angrois. Estiven no lugar do accidente desde os primeiros instantes ata altas horas da madrugada. Nunca esquecerei o que vin.
Vostede é madrileño pero durante a súa actividade institucional sempre se esforzou por falar galego. A pregunta é sinxela: por que?
“As institucións propias de Galicia ‘son en Galego’ e polo tanto os responsables institucionais temos a obriga de expresarnos utilizando o galego”, di este madrileño chegado a Galicia con 25 anos
Considero que as institucións propias de Galicia "son en Galego” e polo tanto os responsables institucionais temos a obriga de expresarnos utilizando o galego. Desde o máximo respecto á liberdade individual e practicando o bilingüismo harmónico, os responsables das institucións galegas deben expresarse na nosa lingua. O que máis lamento é que, como aprendín a lingua “de oído”, non me expreso tan correctamente como quixera, teño importantes carencias léxicas e ortográficas pero, con todo, avancei moito no emprego do galego, tamén en relacións persoais, fóra do institucional.
Como variou a participación das mulleres en política nestes 40 anos?
“Hai que valorar o papel das primeiras mulleres que chegaron a postos de responsabilidade porque as medidas de conciliación non eran as que existen hoxe”
Sen dúbida é un dos cambios máis intensos dos derradeiros anos. Pasamos en poucos anos de ser noticia que un goberno tivera unha muller entre os seus membros, a normalizar a presenza de mulleres en todos os ámbitos. O cambio foi intenso, aínda que queda percorrido para acadar unha normalización total da presenza da muller. Non precisamente no ámbito político, senón no referente aos postos de responsabilidade no ámbito da empresa, a educación ou a investigación. Hai que valorar o papel das primeiras mulleres que iniciaron esa senda, posto que é certo que fai uns anos as medidas de conciliación non eran as que existen hoxe en día e, a pesares diso, moitas mulleres percorreron o camiño dunha carreira profesional de éxito, superando ditas barreiras.
Cando usou por primeira vez un teléfono móbil no exercicio dun cargo público?
Non me lembro. Penso que foi a finais dos 90.
E a primeira vez que usou internet?
Tampouco lle podo dar unha data exacta diso. Sei que tiven acceso antes no ámbito persoal que no desempeño da función pública. Como exemplo do avance tecnolóxico que vivimos nas últimas décadas, cando comecei a traballar no salto hidroeléctrico de santa Uxía de Ézaro, en Dumbría, ano 1987, tiñamos que percorrer uns 5 quilómetros para chegar ao que denominabamos o “bar do teléfono” que era o sitio con teléfono máis cércano desde a obra. Hoxe, e xa dende fai anos, podes contactar desde ese mesmo punto con calquera parte do mundo a través do móbil, ou ter acceso a internet. Xa sei que pasaron anos pero a min paréceme que foi onte.
Cal é a viaxe oficial que lembra máis accidentada?
“En xaneiro de 1998, cando o Discoverer Enterprise rompeu a ponte das Pías en Ferrol, cruzamos a ría grazas a unha lancha que pasaba nese momento pola zona, mentres varios conselleiros chegaban en helicóptero co presidente con expresión de susto”
O 13 de xaneiro de 1998, con motivo do accidente do Discoverer Enterprise encomendáronme dirixirme ao lugar dos feitos para supervisar sobre o terreo as actuacións a levar a cabo para resolver as incidencias xeradas pola rotura da ponte das Pías. Eu era responsable das obras hidráulicas da Xunta e coa rotura da ponte quedou sen servizo a tubaria de abastecemento a Ferrol co que a cidade quedaba sen subministro. Tardei moitísimo en chegar posto que o atasco era monumental. Temos que lembrar que daquela a AP-9 unicamente chegaba a Miño. Dende alí a única estrada era a Nacional. Estando xa en Fene, diante da popa do barco empotrado no viaduto, contactaron desde o gabinete da consellería para que foramos a Ferrol a unha xuntanza co director xeral de Estradas que viña de Madrid. Como non eramos capaces de acceder por estrada, dado o atasco, conseguimos cruzar a ría cunha lancha que pasaba xusto nese momento pola zona (desde a beira fixemos sinais ao piloto que amablemente nos cruzou á outra marxe). Aquel día o presidente da Xunta tiña axenda na illa da Toxa e desprazouse ata Ferrol en helicóptero. O vendaval era dos que facían época e aínda lembro as expresións de susto dos acompañantes do presidente, entre os que estaban varios conselleiros, cando baixaron do helicóptero e contaban a experiencia vivida. Lembro tamén como aquel accidente posibilitou que a reconstrución da ponte fora con catro carrís en lugar dos dous que tiña a ponte orixinal. Por parte da Xunta de Galicia fomos capaces de instalar en tempo récord unha tubaria nova polo fondo da ría para recuperar o subministro en poucos días. En concreto o servizo logrouse restituír en nove días. Por certo, obra executada por unha empresa galega de Santiago, Espina&Delfín.
Que obra de arte (música, literatura, arquitectura, pintura…) lle di a vostede máis sobre estes 40 anos en Galicia?
Sen dúbida, a rehabilitación e restauración da obra de arte de referencia en Galicia, a Catedral de Santiago, coas que se conseguiu achegarnos ao seu aspecto orixinal e desfrutala en todo o seu esplendor. Mencionar tamén a colección de arte do Parlamento de Galicia, especialmente a pintura. Non sei quen tivo a idea orixinal, pero cónstame que o presidente Santalices dá moita importancia a esa faceta do noso Parlamento: Pousa, Quesada, Peteiro, Criado, Lamazares, Laxeiro, Sucasas, Barreiro, Pulido e moitos outros. Gran idea a de recoller no Parlamento unha mostra ampla da arte galega contemporánea. E xa dende un punto de vista puramente sentimental, dúas expresións artísticas que me conmoveron e me deslumbraron dun xeito moi intenso: o concerto que celebrou Carlos Núñez en Castrelos o 18 de xullo de 2004 e a película Mar Adentro. Son dúas referencias que me sitúan mentalmente en Galicia en todo o seu esplendor, especialmente coa película de Amenábar polas súas paisaxes e música, tamén a clásica coa magnífica aria da ópera Turandot. Parece mentira que un director chileno e un actor principal nado en Las Palmas de Gran Canaria, Bardem, sexan capaces de conseguir ese grao de identificación con Galicia.
Como imaxina a Galicia de 2061, dentro doutros 40 anos?
“Galicia vai camiñando cara a ser un territorio con inmensos espazos baleiros, cun problema demográfico importante, envellecida pola falta de futuro para a xente moza”
Esta contestación ten, na miña opinión, dúas versións. Como creo que será Galicia e como me gustaría que fora. Penso que por desgraza Galicia vai camiñando cara a ser un territorio con inmensos espazos baleiros, cun gran desequilibrio entre a zona costeira, o eixo atlántico entre Vigo e A Coruña, e o resto do país. Un territorio no que as actividades económicas que xeran máis valor engadido (industria manufactureira, I+D+i, novas tecnoloxías, dixitalización, etc...) cada vez terán menos peso. Unha Galicia económicamente centrada nos servizos máis que no sectores industriais ou tecnolóxicos. Unha Galicia cun problema demográfico importante, envellecida pola falta de futuro para a xente moza. Fronte a esa tendencia, gustaríame pensar que entre todos seremos capaces de rachar con esa realidade e acadar unha Galicia máis próspera, capaz de xerar actividades de maior valor engadido aproveitando a súa riqueza natural e paisaxística. Ser capaces de poñer en valor o noso rural como fonte de produtos de proximidade e de gran calidade e tamén como lugar para vivir en base á utilización das novas tecnoloxías. Unha Galicia conectada física e dixitalmente, que pode competir con calquera outro territorio de España, Europa e o mundo en pé de igualdade, ofrecendo un atractivo territorial e climático inigualable. Unha Galicia que sexa capaz de fixar a súa xuventude ao seu territorio e tamén ser atractiva para xente de fora. Neste escenario Galicia podería, sen dúbida, ser un referente da península ibérica para vivir é prosperar.
- Podes reler aquí a serie de cinco conversas sobre a evolución de Galicia desde a aprobación do Estatuto hai 40 anos que fomos publicando ao longo das fins de semana de agosto.