A Autonomía fai 40 anos e durante as cinco fins de semana de agosto falamos con cinco persoas representativas dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta, das que tentamos tirar unha imaxe transversal da Galicia das catro últimas décadas
Hai 40 anos, no período que vai do 21 de decembro de 1980, no que se aprobou en referéndum o Estatuto, ao 20 de outubro de 1981, cando se celebraron as primeiras eleccións ao Parlamento, Galicia comezou a concretar a súa autonomía política. Nestas catro décadas afondouse nela e en transformacións non só políticas senón da sociedade en xeral que ao longo das cinco fins de semana de agosto repasamos con cinco persoas representativas dun ou doutro xeito dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo). Todos foron tamén deputados nalgún momento e polo tanto electos pola cidadanía, e pola diversidade das súas orixes xeográfica, profesional, partidista ou por idade axudan a configurar unha imaxe transversal dos últimos 40 anos de Galicia, que se complementa co podcast Retrocorenta no que ao longo deste ano vimos facendo un exercidio de memoria colectiva.
Tras as dúas primeiras entregas da serie con Víctor Manuel Vázquez Portomeñe e Fernando Salgado, o terceiro presidente que encabezou a Xunta, Manuel Fraga, tivo xa como conselleira a Pilar Rojo (A Coruña, 1960), de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado entre 2003 e 2005. Pero antes esta arquitecta de profesión xa comezara a traballar na administración e en 1996 era nomeada delegada provincial en Pontevedra da Consellería de Cultura, para despois ser deputada no Parlamento de Galicia que acabaría presidindo entre 2009 e 2016, momento desde o que aínda pasaría polo Congreso e, agora, o Senado.
Que facía vostede en 1981 cando se aprobou o Estatuto?
Estaba na Universidade. Estudaba Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
Xa participaba en política? En que momento entrou nela?
Xa tiña inquietudes, sempre me gustou a política e estaba ao tanto, pero non estaba politizada. Pensaba máis en cambiar o mundo a través da arquitectura (ri). En que momento entrei? Pois pouco a pouco. Nas nosas ceas e comidas de amigos había conversas, sen darme conta de repente me din se me faría cargo da delegación de Cultura da Xunta en Pontevedra [a finais de 1996] a un ano das eleccións. E dixen que si porque só quedaba un ano. Se non sirvo, voume, pensei. E non foi Mariano Rajoy quen me meteu, como hai quen pensa. Eu son amiga de Mariano desde os 16 anos, pero foi outra persoa que llo propuxo ao daquela conselleiro, Xesús Pérez Varela.
Cal foi o principal cambio de Galicia nestas catro décadas?
“A descentralización administrativa e o autogoberno permitiron achegar solucións aos problemas de Galicia e unha mellora xeral do benestar”
Eu diría, con carácter xeral, a mellora da calidade de vida dos galegos. A descentralización administrativa que supuxo o Estado das Autonomías, e o incremento do autogoberno, permitiu achegar solucións aos problemas de Galicia, e con iso, conseguir unha mellora xeral do benestar.
Cal foi a medida política tomada no marco das competencias autonómicas que considera máis importante neste tempo?
A constitución e o desenvolvemento das distintas institucións de autogoberno de Galicia, en particular a xestión da Sanidade.
Cal é a medida da que se sinte máis orgullosa de tomar ou de influír ou de axudar a que se tomase?
“A Lei de Igualdade de 2004 foi xunto coa vasca a primeira dunha comunidade autónoma e nela baseouse Zapatero para a lei estatal”
Traballabamos en moitas areas. Eu comentaba moitas veces que tiñamos unha consellería ‘ómnibus’. Levabamos temas de familia, xuventude, deporte, voluntariado… E na última etapa, maiores e discapacidade, e de nós dependía tamén o antigo Servicio Galego de Igualdade. De xeito sincero, creo que traballamos moito en cada unha das areas. Fixemos algunhas cousas e lexislamos sobre temas de relevancia. Eu destacaría a Lei de Igualdade [de 2004], a primeira, xunto coa vasca, dunha comunidade autónoma. E ao mellor non todo o mundo o sabe, pero nela baseouse o goberno ZP [do socialista José Luis Rodríguez Zapatero] para a lei estatal. E a destacaría porque parece que sempre é a esquerda a que fai segundo que cousas, e non é certo: o PP foi sempre pioneiro na súa aposta polas mulleres, e aos datos me remito: a primeira presidenta do Congreso, do Senado, a primeira presidenta dunha comunidade autónoma ou a primeira secretaria xeral dun partido político, por poñer tan só uns exemplos, foron do PP. E iso no é por casualidade.
Cal foi o seu peor momento como conselleira?
Houbo momentos moi intensos, pero creo que a morte de Erika, unha nena da que xa tiñamos asinada a tutela, pero o seu pai, para evitalo, matouna esa mesma noite, foi terrible para todos humanamente, e estou segura que ninguén de nós a esqueceremos nunca.
E o peor momento como presidenta do Parlamento?
Neste caso diría, por destacar algo concreto, algún momento no que se tentaba faltar o respecto no debate. Pero con carácter xeral, teño moi bos recordos desa etapa. Ser presidenta do Parlamento de Galicia foi unha verdadeira honra que non esquecerei xamais. E esa é a miña lembranza.
Como cre que influíu sobre o uso da lingua galega a existencia mesma da autonomía?
“A partir do Estatuto, a lingua comezou a convivir con normalidade co castelán”
Eu creo que normalizouna! E deulle un pulo importante. A partires do Estatuto, pasiño a pasiño, a nosa lingua comezou a empregarse cada día máis no día a día, e sobre todo comezou a convivir con absoluta normalidade co castelán.
Como variou a participación das mulleres en política nestes 40 años?
Nestes anos as mulleres témonos incorporado á política cada vez máis. No Parlamento de Galicia, mesmo chegamos a ser maioría na lexislatura 2012-2016. E hoxe vese con total normalidade, non só a deputadas nos parlamentos, ou presidentas, senón tamén ministras, presidentas dunha comunidade autónoma, secretarias de Estado ou alcaldesas. A nosa incorporación á política significa a nosa incorporación á participación coma cidadáns na vida da nosa comunidade, e xa non ten marcha atrás.
Cando usou por primeira vez un teléfono móbil no exercicio dun cargo público?
Creo recordar que cando comecei na política, como delegada provincial de Cultura en Pontevedra.
E a primeira vez que usou internet?
“O paso do correo tradicional ao e-mail foi vertixinoso”
Lémbrome de como pasamos dun teléfono móbil tamaño xigante aos móbiles de hoxe, nos que levamos connosco un ordenador conectado, o paso do correo tradicional ao e-mail dunha maneira vertixinosa. O feito de poderte comunicar a través de internet dun xeito instantáneo ou de ter ao alcance dun clic calquera información ten sido a gran revolución.
Cal é a viaxe oficial que lembra máis accidentada?
A verdade é que non recordo ningunha viaxe oficial accidentada. Pero desde unha perspectiva persoal, creo que o nivel de desenvolvemento das infraestruturas galegas en todo este tempo ten sido espectacular.
Ademais de ser conselleira e presidenta do Parlamento, vostede foi deputada e é senadora. Como percibe a visión da Xunta como administración, máis alá dos gobernos puntuais, no resto do Estado?
Creo que máis aló do Padornelo, neste momento a Xunta vese como exemplo de bo facer. Galicia é unha comunidade que se ve como modelo de xestión no resto de España. Ultimamente temos o exemplo na xestión da pandemia pola Xunta de Galicia, onde se ten demostrado que os datos epidemiolóxicos son dos mellores de España. Algo terá que ver como se xestionou… Hai de feito medidas que se teñen implantado en Galicia que despois tiveron o seu traslado a outras comunidades e mesmo adoptounas o goberno central. E aos galegos continuamente pregúntannos en Madrid como facemos en Galicia isto ou o outro… Eu síntome moi orgullosa de ser galega e de representar a Galicia en Madrid.
Preguntáballe máis ben pola visión como autonomía en si, mesmo como nacionalidade histórica. Vese a Galicia como a Euskadi ou Catalunya?
“Como dicía Fraga, a nosa maneira de ser españois é ser galegos"
Creo que si se ten esa visión de autonomía histórica, pero tamén niso Galicia é un modelo de comunidade histórica con lingua e cultura propia pero integrada en España e leal, fronte á deslealdade de Catalunya e en parte de Euskadi. Como dicía Fraga, a nosa maneira de ser españois é ser galegos.
No eido da súa propia profesión ou formación académica, a arquitectura e o urbanismo, cal foi o principal cambio nestes 40 anos?
“Na miña profesión, a arquitectura, nestes anos cambiou o recoñecemento das cidades para as persoas, e a partir desta pandemia haberá máis cambios”
O recoñecemento das cidades para as persoas. A reivindicación de cada vez máis espazos verdes e de lugares para o ocio. Espazos sostibles que contribúan á mellora do desenvolvemento social, cultural e urbano das cidades. Creo que a partir desta pandemia haberá máis cambios, asociados ao modelo de vivenda pola necesidade de conseguir espazos mellores e máis habitables. E nestes 40 anos tamén cambiou o maior coñecemento e respecto da nosa arquitectura tradicional e a defensa do patrimonio.
Que obra de arte (música, literatura, arquitectura, pintura...) lle di a vostede máis sobre estes 40 anos en Galicia?
“Co tempo, afastada do debate político, a Cidade da Cultura será unha nova icona de Galicia”
Como obra arquitectónica interesoume moito a Cidade da Cultura, pola imaxe de vangarda e modernidade que se tentou transmitir de Galicia, como contrapunto e complemento ao modelo histórico de Santiago. Estou convencida, que co tempo e afastada do debate político, a Cidade da Cultura será, e en parte xa o é, unha nova icona de Galicia.
Como imaxina a Galicia de 2061, dentro doutros 40 anos?
“Se seguimos como ata agora, dentro de 40 anos Galicia será a rexión máis forte de España”
Aspiro a que nos próximos corenta anos non esquezamos que as persoas son o importante e que sigamos traballando para incrementar o seu benestar, pois para iso ten que servir a política. Estou convencida de que se seguimos como ata o de agora, Galicia, dentro de 40 anos, será a rexión máis forte de España.