Galicia 1981-2021: "O investimento en infraestruturas mudou as dinámicas económicas pero estragouse o territorio con desfeitas urbanísticas"

Teresa Táboas en 2009 xunto ao daquela conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o vicepresidente Anxo Quintana CC-BY-NC-SA Foto: BNG | Montaxe: Praza Pública

A Autonomía fai 40 anos e durante as cinco fins de semana de agosto falamos con cinco persoas representativas dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta, das que tentamos tirar unha imaxe transversal da Galicia das catro últimas décadas

Hai 40 anos, no período que vai do 21 de decembro de 1980, no que se aprobou en referéndum o Estatuto, ao 20 de outubro de 1981, cando se celebraron as primeiras eleccións ao Parlamento, Galicia comezou a concretar a súa autonomía política. Nestas catro décadas afondouse nela e en transformacións non só políticas senón da sociedade en xeral que ao longo das cinco fins de semana de agosto repasamos con cinco persoas representativas dun ou doutro xeito dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo). Todos foron tamén deputados nalgún momento e polo tanto electos pola cidadanía, e pola diversidade das súas orixes xeográfica, profesional, partidista ou por idade axudan a configurar unha imaxe transversal dos últimos 40 anos de Galicia, que se complementa co podcast Retrocorenta no que ao longo deste ano vimos facendo un exercidio de memoria colectiva.

Tras as tres primeiras entregas da serie con Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, Fernando Salgado e Pilar Rojo, o cuarto gran goberno que tivo a Xunta, con Touriño á fronte, contou entre 2005 e 2009 como conselleira de Vivenda coa nacionalista Teresa Táboas. Filla de emigrantes nacida en México (1961), a onde volve periodicamente, é arquitecta de profesión, presidiu ese colexio oficial tanto en Pontevedra como a nivel galego e tras o paso pola consellería aínda sería deputada do BNG ata 2012.

Que facía vostede en 1981 cando se aprobou o Estatuto?

Estudando para ser arquitecta, en segundo curso.

Interesada xa pola política?

O meu corazón sempre estivo no nacionalismo. Como estudante prepáraste para unha disciplina pero non te desligas da contorna. Chámame a atención a xente que se di apolítica. Sempre tiven un sentido da política como o que se encarga do público e sempre tiven consciencia desde que lembro de que quería o mellor para Galicia e de que un Estatuto, dependendo de como se redactara, daría pé a que en anos posteriores se podería afondar máis no autogoberno. Un estatuto non se escribe para telo nunha vitrina.

Cal foi o principal cambio de Galicia nestas catro décadas?

“O investimento en infraestruturas mudou as dinámicas económicas pero estragouse o territorio con desfeitas urbanísticas”

Evidentemente o país mudou, igual que o fixeron os demais países da nosa contorna, pero quizais hai dous cambios que eu particularmente salientaría. Por unha banda o importante investimento en infraestruturas viarias que evidentemente mellorou a mobilidade, e polo tanto as dinámicas económicas, e quizais para mal, o estrago do noso territorio polas desfeitas urbanísticas.

Teresa Táboas e Anxo Quintana © BNG

Cal foi a medida política tomada no marco das competencias autonómicas que considera máis importante neste tempo?

“Aínda quedan moitas competencias por transferir, temos ferramentas dabondo para afianzar o autogoberno”

Non salientaría ningunha en particular, e aínda que quedan moitas competencias por transferir, temos ferramentas dabondo para afianzar o autogoberno. E o exemplo de que isto é posible foron todas as políticas impulsadas dende o goberno do que tiven a honra de formar parte.

Cal é a medida da que se sinte máis orgullosa de tomar ou de influír ou de axudar a que se tomase?

A Lei de Vivenda, ou as Normas do Hábitat, o Plan Sectorial de Vivenda Protexida, o primeiro do Estado, que por certo quedou aparcado por mor da crise. O plan de creación de solo empresarial. 

Cal foi o seu peor momento como conselleira?

“A batalla que tivemos que dar polas Normas do Hábitat contra algúns promotores e alcaldes foi o momento máis enriquecedor”

Non lembro ningún, todo o contrario, a batalla por exemplo que tivemos que dar polas Normas do Hábitat contra algúns promotores e alcaldes foi seguramente o momento máis enriquecedor e de impulso vital como conselleira.

Como cre que influíu sobre o uso da lingua galega a existencia mesma da autonomía?

Sen o Estatuto de Autonomía a nosa lingua estaría en moito peor estado, sen lugar a dúbidas.

Como variou a participación das mulleres en política nestes 40 años?

“Por sorte en 40 anos mudou a participación das mulleres en política, grazas sobre todo ao impulso das forzas que conformaron o bipartito, primeiro goberno paritario”

Por sorte mudou, e grazas sobre todo ao impulso das forzas políticas que conformaron o chamado goberno bipartito, xa que foi o primeiro goberno paritario do noso país.

Cando usou por primeira vez un teléfono móbil no exercicio dun cargo público?

Non o lembro.

E a primeira vez que usou internet?

No meu estudo como arquitecta, porque fixen e fago sempre uso das novas tecnoloxías. Na miña etapa como decana do Colexio de Arquitectos de Galicia puxemos en marcha o visado dixital por exemplo.

Teresa Táboas nunha reunión como conselleira co alcalde de Vigo, Abel Caballero © Concello de Vigo

Segue viaxando recorrentemente a Mexico, onde naceu e viviu. Como se vía alí Galicia na súa infancia e como se ve agora, tanto entre os mexicanos como entre a diáspora galega?

“A diáspora ve que Galicia foi a mellor, tamén porque países aos que emigraron foron a peor en América latina, pero se a comparación a fas desde os países de Europa que foron avanzando é distinto”

A diáspora tamén é representativa do que é Galicia, ata o punto de que un elemento identitario como puido ser o himno tocouse por primeira vez na Habana. Pero hai varias diásporas galegas, non hai unha soa, como Galicia. Eu coñezo as dúas caras da moeda, aínda que a diáspora en México é pequena en número. De nenos viviamos a cabalo entre Santiago e México, ao mellor dous anos alí, dous anos aquí. Meu pai tivo unha relación moi estreita co exilio e nós estivemos no Instituto Luis Vives [de orixe republicana]. Toda a diáspora ve que Galicia foi a mellor, pero tamén porque países aos que emigraron foron a peor. En América latina invertéronse as tornas, eles foron foron a menos, aínda que ao mellor se a comparación a fas desde os países de Europa que foron avanzando é distinto.

No eido da súa propia profesión ou formación académica, a arquitectura e o urbanismo, cal foi o principal cambio nestes 40 anos?

“En 40 anos fixemos unha viaxe de ida e volta co territorio, primeiro o estragamos e despois tomamos conciencia de que é finito e temos que arranxar aquilo que aínda é posible”

Seguramente a viaxe de ida e volta. Primeiro estragamos o noso territorio, para decatarnos despois, co tempo, das barbaridades que cometemos, e tomar conciencia de que este é finito, e de que temos a responsabilidade de deter as desfeitas e arranxar aquilo que aínda é posible.

Que obra de arte (música, literatura, arquitectura, pintura...) lle di a vostede máis sobre estes 40 anos en Galicia?

Tantas, temos a gran sorte de ser un país de grandes creadores en todos os campos artísticos. Pero ultimamente non sei por que pero canta moito aquela de menos mal que nos queda Portugal de Siniestro Total, seguramente será polo que sucede alén do Padornelo no político. 

Como imaxina a Galicia de 2061, dentro doutros 40 anos?

Imaxino unha Galicia próspera, e xusta. Unha Galicia que sexa quen de levar da mán a vangarda, e o orgullo do pasado. 

Próxima entrega:

Galicia 1981-2021 | Agustín Hernández: “Gustaríame pensar que seremos capaces de rachar co camiño polo que vai Galicia, envellecida pola falta de futuro para a mocidade”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.