O 6 de abril de 1981, hai agora corenta anos, era promulgada a Lei Orgánica de Estatuto de Autonomía para Galicia, que fora aprobada con escaso entusiasmo no referendo do 21 de decembro do ano anterior e que o Boletín Oficial do Estado publicaría o 28 de abril daquel mesmo mes. Galicia accedía así á autonomía política pola vía contemplada na Constitución para as nacionalidades históricas, definición que fora outorgada aos territorios que chegaran a iniciar o proceso autonómico na II República; no caso galego, entre ecos do Estatuto de 1936.
A autonomía naceu nun ambiente político marcado polos ecos do 23-F e lonxe do entusiasmo que alimentara as reivindicacións autonomistas na fin da ditadura e as mobilizacións contra o 'Estatuto da aldraxe'
O texto nacía nun ambiente político estatal marcado polos ecos do golpe do 23F. No caso galego, pouco quedaba do movemento que alimentara as reivindicacións autonomistas na fin da ditadura. Tamén esvaecera o espírito das mobilizacións contra o coñecido como Estatuto da aldraxe, a tentativa de que a autonomía galega nacese, a efectos prácticos, baleira de competencias mediante o recorte do coñecido como Estatuto dos Dezaseis. O fastío semellaba ser a tónica dominante.
Malia todo, a autonomía botaba a andar. En agosto, o Consello de Ministros presidido por Leopoldo Calvo Sotelo daba luz verde á celebración das primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia e fixábaas para o 20 de outubro. Daqueles comicios, que tamén foron os do principio da fin da UCD, saíu un Parlamento de seis forzas políticas que investiu a Gerardo Fernández Albor, de Alianza Popular, como primeiro presidente. AP lograra dous escanos máis que a UCD (26 fronte a 24) e a primeira forza da banda esquerda era o PSdeG, con 16.
Ao atribulado Goberno de Albor, que acabaría polas bravas coa moción de censura de 1987 e tamén ao do socialista Fernando González Laxe e mais ao presidido por Manuel Fraga correspondeulles recibir o groso das competencias contempladas no Estatuto para despregar a autonomía política galega. Algunhas, tan relevantes como as de educación, servizos sociais ou sanidade. Só ata 1990, cando o correspondente Real Decreto de transferencias a Galicia propiciou a remuda do Insalud polo Servizo Galego de Saúde, chegaran noventa paquetes de traspasos.
Tras o despregamento inicial nos 80, dende o pulo de mediados dos 90, no tempo dos pactos de González e Aznar con PNV e CiU, os traspasos de competencias a Galicia só reviviron fugazmente na etapa da coalición de PSdeG e BNG
A mediados dos anos noventa do pasado século, o desenvolvemento estatutario galego volveu coller pulo. En boa medida, entre os ecos dos pactos do derradeiro Goberno de Felipe González e do primeiro de José María Aznar co PNV e mais con Convergència i Unió, que propiciaron novos traspasos sobre a base das reivindicacións dos gobernos vasco e catalán para a transferencia de competencias pendentes en cadanseus estatutos. Coa fin do século chegou a maioría absoluta de Aznar e con ela, a práctica paralización dun proceso que só reviviu fugazmente a mediados da década seguinte, con José Luis Rodríguez Zapatero na Moncloa e o Executivo da coalición PSdeG-BNG na Xunta.
A reforma fracasada e os últimos traspasos
Foi naquel mandato no que se abordou a que ata agora foi a única tentativa de reformar o Estatuto de Autonomía. Co impulso inicial dos grupos do goberno, a principios de 2006 botaba a andar por unanimidade de PSdeG, BNG e PP a comisión encargada de redactar o novo texto. Os traballos avanzaron a bo ritmo e, segundo fontes de todas as partes, o grao de acordo chegou a ser realmente elevado.
No entanto, as negociacións de socialistas, nacionalistas e populares no Parlamento encallaron nalgúns aspectos especialmente sensibles nun tempo político marcado por outra reforma, a do Estatuto de Catalunya. O rango legal da lingua galega no articulado do novo Estatuto ou a definición nacional de Galicia no seu preámbulo. Eses foron os principais asuntos trasladados a outra mesa negociadora con só tres participantes, os daquela tres líderes das forzas con representación parlamentaria: Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana polas forzas que sustentaban o Goberno e Alberto Núñez Feijóo, polo daquela único partido da oposición.
En xaneiro de 2007 descarrilou de vez a reforma do Estatuto que comezara por unanimidade. Ao chegar á Xunta en 2009, Feijóo prometeu que retomaría o proceso, pero nunca o fixo. Dende aquela, o país transita polo período máis prolongado da historia da autonomía sen novas competencias
Touriño, Quintana e Feijóo citáranse para o 17 de xaneiro de 2007 na residencia oficial de Monte Pío co propósito declarado de "desbloquear" a reforma. Antes, os partidos seguiran negociando e, segundo aseguraran anos despois algúns dos participantes naquelas conversas, o grao de acordo chegara a ser "moi elevado", practicamente total. Pero o certo é que, tras varias horas de xuntanza, o novo Estatuto descarrilara. Segundo PSdeG e BNG, porque Feijóo "mandou parar", na liña política sostida pola dirección estatal do PP e tamén para non propiciar un éxito político que sería capitalizado polos socios do Goberno. Segundo o PP, porque o texto ía demasiado lonxe nas pretensións do socio nacionalista da coalición.
Tras o fracaso, dende a Xunta propuxéranse afondar no autogoberno mediante a negociación co Estado das transferencias abeiradas no Estatuto de 1981 que aínda non foran transferidas. Dende algunhas de menor entidade ata outras con fonda pegada na vida da cidadanía e tamén de evidente contido político e mesmo simbólico, como o tráfico e a seguridade viaria, que daría lugar ao despregamento da Policía galega.
Socialistas e nacionalistas finalizaran o seu mandato cunha ducia de novas competencias. O PP, que as descualificara como "traspasiños", regresou á Xunta en 2009 asegurando estar disposto a retomar a reforma estatutaria dende o poder cunha "completa" proposta que, en verbas de Alberto Núñez Feijóo, si ía ser unha "fotografía da maioría social" do país. Nos anos seguintes, Feijóo ofreceu múltiples prazos para a presentación dunha reforma que nunca chegou a iniciarse. Todas as iniciativas formuladas dende a oposición para facelo foron rexeitadas pola maioría popular, revalidada tres veces máis en 2012, 2016 e 2020.
Ata agora non houbo reforma estatutaria, pero o despregamento do Estatuto que agora fai catro décadas tampouco avanzou un milímetro. O país encadeou por primeira vez tres lexislaturas completas sen que a Xunta sumase unha soa competencia nova. A que semella máis próxima, a da autoestrada AP-9, reiniciou a súa tramitación no Congreso dos Deputados o pasado febreiro. A Xunta di tamén agora ter interese noutras, como a do dominio público marítimo-terrestre, que xa o Goberno de coalición de PSdeG e BNG comezara a negociar.
Este é o pano de fondo co que Galicia conmemora o cuadraxésimo aniversario da súa autonomía política. O Goberno galego non celebra acto ningún pola efeméride, mentres que o Parlamento a lembra coa entrega das súas medallas, neste 2021 dedicadas á Xeración Nós. Pola banda da oposición, tanto o BNG como o PSdeG organizan este 6 de abril actos de seu a respecto de cadansúas visións do autogoberno, o Estatuto e a súa reforma.