Pontón reclama todas as competencias pendentes do Estatuto e un "debate sereno" tras a pandemia para afondar no autogoberno

Acto do BNG polo 40º aniversario do Estatuto nos xardíns do Pazo de Fonseca (Santiago), sede do Parlamento entre 1982 e 1989 CC-BY-NC-SA BNG

Cando, hai agora 40 anos, foi promulgado o vixente Estatuto de Autonomía, o Bloque Nacionalista Galego aínda non existía como tal. Sería fundado ao ano seguinte co impulso de formacións soberanistas que, como a AN-PG e a UPG, se opuxeron ao texto estatutario ao velo insuficiente en materia de autogoberno e recoñecemento nacional para o país.

Ao fío do 40º aniversario do Estatuto, a líder do BNG chama a abordar tras a pandemia "un novo status político que nos recoñeza como o que somos, unha nación" cunha "nova relación co Estado, de tipo confederal"

Catro décadas despois, o BNG é a primeira forza da oposición no Parlamento de Galicia. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, foi este 6 de abril nun acto convocado ao fío do aniversario do Estatuto para sintetizar o roteiro da formación en materia de autogoberno: dende despregar de vez as competencias pendentes no texto de 1981 ata abordar, tras a pandemia un "debate sereno" que permita afondar no autogoberno e plasmar o "status de nación".

Defende Pontón que, catro décadas despois, xa é posible afirmar que o balance do Estatuto ten un amplo compoñente de "frustración". En parte, por ser un texto "forxado no molde do centralismo" e referendado con "escaso entusiasmo". Mais tamén porque as formacións que exerceron o Goberno durante máis de tres décadas "non foron quen de pelexar polo pleno desenvolvemento" do propio texto estatutario.

Pontón intervén no acto do BNG polo 40º aniversario do Estatuto, este 6 de abril CC-BY-NC-SA BNG

Con este pano de fondo, explica, o "horizonte" do BNG "é claro". "Queremos mellorar a vida da xente cun novo status político que nos recoñeza como o que somos, unha nación; unha nova relación co Estado, de tipo confederal". Esa é a posición que o Bloque quere defender nun "debate sereo e tranquilo no Parlamento" que, considera, debe abordarse "unha vez que superemos" a pandemia.

Pontón ve "imprescindible abrir a transferencia" das arredor de 70 competencias pendentes no actual Estatuto: "O mínimo que se pode esixir é que cumpran a lei; despois de 40 anos é tempo suficiente"

Asegura a portavoz nacional do BNG formular esta proposta non implica que non siga sendo "evidente" que o actual partido do Goberno, o PP, "non quere unha Galiza máis forte". "Doce anos con cero competencias son o retrato dun Goberno que non confía no país" nin "quere responsabilizarse da súa marcha", un "balance triste" que "non vai impedir que consideremos imprescindible abrir a transferencia de todas as competencias pendentes no actual Estatuto", unhas 70 avaladas pola unanimidade do Parlamento dende hai máis dunha década. "O mínimo que se pode esixir é que cumpran a lei" e "despois de 40 anos, é tempo suficiente".

Estes dous eixos, despregamento a curto prazo das competencias pendentes e abordar un "novo status" a longo prazo son, segundo Pontón, a mellor vía para "superar o pasado, a melancolía e o conformismo" e "sentar as bases da Galiza do porvir". "A gran tarefa desta década", considera, vai ser "pensar e construír unha nova Galiza" que non pase por "simples reformas", senón por un "salto cara ao futuro" que sitúe o país "na vangarda das nacións" e non como "figurante dunha historia escrita por outros".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.