Caballero evoca os Pactos do Hostal no aniversario do Estatuto e anuncia a reclamación de 30 competencias pendentes

Gonzalo Caballero, con Leiceaga e membros do grupo parlamentario do PSdeG, ante o Hostal dos Reis Católicos conmemorando o 40º aniversario do Estatuto CC-BY-NC-SA PSdeG

Nas vésperas do cuadraxésimo aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, que se cumpre este 6 de abril, o PSdeG reivindicou o seu papel como clave no proceso estatutario. O galeguismo dos socialistas que, defendeu o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, "fixo avanzar no ano 81 o noso autogoberno" é o que "ten que seguir impregnando o PSdeG cara aos retos do futuro"

O PSdeG celebra o 40º aniversario do Estatuto reivindicando o seu "galeguismo inclusivo" fronte á "política da inacción de Feijóo" e tamén "fronte a aqueles que defenderon o separatismo", sinala Gonzalo Caballero

Na propia xornada do aniversario, Caballero regresou ás portas dun dos lugares clave para os acordos políticos que, non sen atrancos, acabaron dando lugar ao vixente texto estatutario, o Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, histórico emprazamento que prestou o seu nome aos Pactos do Hostal. Aqueles acordos, reivindica o líder socialista, "permitiron que Galicia tivese unha autonomía de primeira" e non ficase atrás. Por iso, explicou, foi o lugar que escolleu neste 2021 para explicar as súas reivindicacións de "actualización" da norma fundamental da autonomía.

Defende Caballero que o PSdeG aspira a seguir representando o "galeguismo inclusivo" fronte aos case doce anos de Goberno do PP "nos que a política de Feijóo foi a da inacción, sen asumir unha nova transferencia" de competencias. Mais tamén "fronte a aqueles que se situaron á marxe do Estatuto e que defenderon o separatismo ou o independentismo".

Os actos do PSdeG polo 40º aniversario do Estatuto comezaron o pasado día 3, cun acto de Caballero cos ex-presidentes Laxe e Touriño e participantes nas negociacións do Estatuto (na imaxe) CC-BY-NC-SA PSdeG

Gonzalo Caballero estivo interveu nesta conmemoración xunto ao coordinador do PSdeG no Congreso e no Senado, Xoaquín Fernández Leiceaga. Sinala o senador que, tras once anos sen novas transferencias, o Goberno do PP na Xunta está a situar Galicia como "nacionalidade de segunda división", cun nivel de competencias "mesmo por tras dos Estatutos reformados de Valencia ou Andalucía". É por iso que, defende, mentres non chegue unha reforma do Estatuto, o PSdeG volve reivindicar o traspaso de competencias pendentes, moitas delas obxecto de amplos acordos, mesmo de unanimidades, durante máis dunha década no propio Parlamento galego, pero sen chegar a virar en realidade.

Entre as transferencias que o PSdeG se propón reactivar destaca a de tráfico e seguridade viaria, que implicaría o despregamento da Policía galega regulada por lei dende 2007 e que naufragou no Congreso en 2010

Deste xeito, o PSdeG proponse procurar reactivar a petición ao Goberno de España de competencias que mesmo comezaran a negociarse en tempos do Executivo de coalición dos socialistas co Bloque na Xunta, tales como a xestión do litoral. Tamén a Inspección de Traballo, o Catastro ou a FP náutico-pesqueira. Tamén outra transferencia de contido tanto práctico como simbólico, a das competencias sobre o tráfico e a seguridade viaria, que implicarían o despregamento da Policía galega regulada por lei dende 2007 e que xa fracasou nunha ocasión ao chegar ao Congreso dos Deputados, no ano 2010.

Estas iniciativas, sinalan os socialistas no aniversario do Estatuto, servirán para reivindicar un "federalismo da eficacia, que atenda os intereses dos cidadáns" ao dar "máis solidez ao autogoberno" galego. A xuízo de Leiceaga, esta é unha vía "máis produtiva, máis útil, que permite maiores consensos" que unha reforma do Estatuto á que o PSdeG "non renuncia", pero cuxa concreción semella practicamente imposible na actualidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.