O PSdeG realizou este sábado unha afirmación de galeguismo, reivindicando o seu papel na consecución do autogoberno en Galicia, na redacción do Estatuto e na propia xestión e construción da Autonomía. Fíxoo nun acto no que, entre outros, interviron os dous presidentes socialistas cos que ata agora contou a Xunta, Fernando González Laxe e Emilio Touriño, que acompañaron o actual líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.
O PSdeG realizou este sábado unha afirmación de galeguismo, reivindicando o seu papel na consecución do autogoberno en Galicia e na propia xestión e construción da Autonomía
Os socialistas levaron a cabo no parque compostelán de Bonaval este acto de conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía, aprobado en referendo en decembro de 1980 e que entrou en vigor o 6 de abril de 1981, hai 40 anos. No acto tamén interviron José Vázquez Fouz, un dos integrantes da Comisión dos 16; Margariña Valderrama, membro da executiva do PSdeG durante a Transición; Noa Díaz, secretaria de Cultura do PSdeG, e coordinadora do libro ‘A esforzada conquista da autonomía’; e mais Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela.
González Laxe destacou que “nós non queriamos uniformidade” senón que “se tiveran en conta as nosas particularidades” nunha sorte de “federalismo asimétrico”
Emilio Pérez Touriño salientou que a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia “foi o resultado da mobilización, da loita e do esforzo” e defendeu que o PSdeG foi “motor” daquel proceso polas súas “firmes conviccións galeguistas” e pola súa “crenza na capacidade de Galicia”. Así mesmo, Touriño reivindicou que “a autonomía ten dado a Galicia un froito de extraordinario éxito” en termos de avance económico, social e de dereitos “e contribuíu a que créramos en nós mesmos, a crear conciencia de galeguidade a través do recoñecemento da nosa diversidade lingüística e cultural”.
De igual xeito, Fernando González Laxe afirmou que “se existe o Estatuto de Autonomía, é grazas a nós”, porque “sempre tivemos unha forte identidade galeguista” e “un íntimo nivel de compromiso co noso legado histórico” que nos levou a frear “a aldraxe”. “O Estatuto non foi unha carta outorgada. Houbo que loitalo, traballar por el”, engadiu González Laxe, sinalando que “nós non queriamos uniformidade” senón que “se tiveran en conta as nosas particularidades” nunha sorte de “federalismo asimétrico”.
Caballero destacou a liña que une “a loita histórica, patriótica” dos galegos que no ano 36 acadaron a primeira carta estatutaria cos que o lograron no ano 81
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pechou o acto, reafirmando que “o galeguismo que fixo avanzar no ano 81 o noso autogoberno ten que seguir impregnando o PSdeG cara aos retos do futuro". Caballero destacou que “ao igual que hai 40 anos conseguimos un estatuto de primeira, seguiremos traballando agora por unha Galicia mellor”.
O líder dos socialistas galegos destacou a liña que une “a loita histórica, patriótica” dos galegos que no ano 36 acadaron a primeira carta estatutaria cos que o lograron no ano 81; cos que, en 2007, con Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta, “tentaron levar a nosa norma fundamental a maiores cotas” e cos que, en 2021, “defendemos que o autogobernos é a mellor forma de xestionar os retos do futuro”.
"Actualizar" o Estatuto
“Necesitamos un novo acordo de país que permita que as mellores ideas e iniciativas reciban os fondos e os recursos que precisan para o progreso e o avance de todos", dixo Caballero
Finalmente, Gonzalo Caballero avogou por enfrontar “o reto” de “actualizar” o estatuto unha vez superada a crise derivada da pandemia. “Agora todo o noso esforzo está en facer as mellores políticas para os galegos e as galegas ante a crise”, dixo. O líder do PSdeG garantiu que seguirá demandando novas competencias para Galicia, como o traspaso da AP-9, ou as transferencias de tráfico ou inspección laboral.
“Necesitamos un novo acordo de país que permita que as mellores ideas e iniciativas reciban os fondos e os recursos que precisan para o progreso e o avance de todos. Por iso propúxenlle ao presidente da Xunta que nos reuniramos cada certo tempo”, explicou, para destacar a importancia do diálogo e dos acordos para a reactivación, engadido que ve a Laxe e a Touriño como a súa “referencia para servir a Galicia”.