Santalices evoca o Estatuto do 36 como "semente" da actual autonomía no cuadraxésimo aniversario do referendo de 1980

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, pronuncia a súa intervención sobre o 40º aniversario do Estatuto, o 21 de decembro de 2020 © Parlamento de Galicia

Este 21 de decembro cumpríronse corenta anos do referendo no que, por ampla maioría entre a escasísima participación, foi aprobado o vixente Estatuto de Autonomía galego. Malia á data redonda, o silencio político ao respecto foi practicamente total. Non existiu conmemoración ningunha por parte do Goberno galego e a única lembranza dende as principais institucións do país chegou nunha breve intervención do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, durante o pleno que debateu as emendas á totalidade aos Orzamentos Xerais de 2021.

A excepción da breve intervención do presidente do Parlamento, o silencio político e institucional en torno ao cuadraxésimo aniversario do referendo do Estatuto foi practicamente total

Antes do remate da sesión matinal, o xefe do lexislativo tomou a palabra para "recordar" o aniversario do referendo do "marco xurídico sustentador da autonomía política" de Galicia, que "en datas posteriores se foi desenvolvendo paseniñamente, pero con tanta solidez como nas democracias consolidadas". Como xa fixera noutras ocasións -e ao contrario do que vén sendo habitual dende a Xunta-, Santalices liga abertamente a actual autonomía co primeiro Estatuto, o referendado en 1936, no marco da II República e co impulso clave dos galeguistas ata xusto o día ante de que o golpe de Estado o frustrase.

Neste cuadraxésimo aniversario do Estatuto votado en 1980 e en vigor dende 1981, "rendemos tributo a todas as persoas que se entregaron en corpo e alma á elaboración" do texto e "sortearon toda clase de atrancos antes de ser plebiscitado", dixo. Mais tamén "homenaxeamos, por suposto, a cantos ofreceron o mellor de si na conformación das diferentes propostas elaboradas na década dos 30 do pasado século" e que "culminaron co referendo estatutario" do 28 de xuño de 1936.

"A semente, adormecida na ditadura, acabou por ofrecer o seu froito, aínda que serodio, en forma de recoñecemento constitucional á nosa condición de nacionalidade histórica"

"Por desgraza -continuou o presidente do Parlamento-, o estourido da Guerra Civil impediu completar a tramitación daquel Estatuto nas Cortes" -acabaríano sancionando as Cortes republicanas no exilio, en 1938-, se ben "a semente, adormecida na ditadura, acabou por ofrecer o seu froito, aínda que serodio, en forma de recoñecemento constitucional á nosa condición de nacionalidade histórica". Cómpre, coida, "reflexionar" sobre "o moito que, co concurso de todas e todos, ten avanzado Galicia" grazas á autonomía política.

Neste sentido, Santalices sinala que nestas catro décadas se rexistrou "o período de maior crecemento económico e estabilidade social de toda a nosa historia". "Se Galicia posúe e exerce unha autonomía plena, coas súas propias institucións de autogoberno", que tamén está a piques de chegar aos 40 anos de existencia, "é consecuencia do Estatuto que hoxe conmemoramos. Cómpre recordalo sempre e, moi especialmente, no día de hoxe", convidou.

Entrega do Estatuto galego nas Cortes republicanas, en xullo de 1936 © Nomes e Voces

Aínda que o aniversario do referendo tampouco foi conmemorado dende o Parlamento alén de este discurso, si é previsible que o lexislativo si desenvolva máis actividades ao respecto durante 2021, cando se cumprirán 40 anos da entrada en vigor do texto estatutario e da constitución da propia Cámara por primeira vez. Así o suxeriu o propio Santalices o pasado outono nunha entrevista con Praza.gal, na que tamén deixou aberta a poarta a "ensamblar" esta conmemoración coa do 85º aniversario do Estatuto de 1936.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.