A Cámara recoñece coas súas medallas á Xeración Nós, de cuxa “semente e exemplo imperecedoiros” declara “tributaria” á Galicia actual
O 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía foi celebrado este martes polo Parlamento co recoñecemento coas súas medallas anuais á Xeración Nós como impulsora do “truncado” Estatuto de 1936, do que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, lembrou que “blindou” Galicia como nacionalidade histórica hai agora catro décadas. Unhas medallas que foron entregadas de xeito simbólico ás catro únicas fundacións que lembran os persoeiros máis salientables da Xeración Nós -Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Antón Losada Diéguez- pero que van dirixidas a outros moitas persoas participantes nas súas actividades e discípulas daquel grupo. “Un conxunto extenso e heteroxéneo de galegos bos e xenerosos que antepuxeron a idea de Galicia a todo o demais”, salientou Santalices.
"Nunca tan poucos fixeron tanto por tantos", salienta o presidente da Cámara dunha xeración cuxo "sacrificio apenas lles foi recoñecido en vida"
Segundo o acordo unánime do Parlamento que outorgou as medallas deste ano, con elas preténdese “recoñecer o compromiso galeguista da Xeración Nós no seu centenario”, un “conxunto de persoas cosmopolitas, europeístas, cultas e vangardistas” cuxa experiencia “rematou abruptamente co golpe de Estado de 1936” pero cuxa “semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros”. A Cámara declara a Galicia actual “tributaria da semente depositada pola Xeración Nós” e o vixente Estatuto de Autonomía “herdeiro e continuador do truncado estatuto de 1936, froito do esforzo e do compromiso” daquelas persoas.
Na súa intervención o presidente do Parlamento salientou o “sacrificio que apenas lles foi recoñecido en vida” dos galardoados, dos que lembrou que “unha ducia foron asasinados”, como Ánxel Casal, “unha vintena sufriron o exilio”, como Castelao, e outros moitos foron “depurados ou condenados ao ostracismo”, como Otero Pedrayo. O estatuto de 1936, que o popular Santalices presentou como fundamental para a obtención do actual que agora fai 40 anos, “non tería sido tal sen a conciencia galeguista espallada por moitos, entre eles a Xeración Nós”. “Nunca tan poucos fixeron tanto por tantos”, sentenciou.
Feijóo reivindica a Constitución como garante do autogoberno galego plasmado nun Estatuto que di herdeiro de "un galeguismo tan afable como reivindicativo"
Tras a entrega das medallas, o acto pechouno o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cun discurso que comezou reivindicando a Constitución. “O marco democrático que dá pulo e garante o autogoberno é a Constitución española de 1978, foi consubstancial a liberdade dos españois co autogoberno dos seus pobos”, salientou. Sobre os galardoados, segundo Feijóo “a Xeración Nós elabora no seu muíño ideolóxico ideas motrices que seguen alimentando o autogoberno e que moven en dirección de avance, nunca de retroceso”, ideas que situou como presentes no “primeiro estatuto que foi esnaquizado en 1936 coa Guerra Civil” e que “finalmente se plasman no Estatuto vixente”. “Un galeguismo tan afable como reivindicativo”, dixo.
Pouco antes do inicio do acto, e sen que a Xunta organizase nesta xornada ningunha celebración propia do Estatuto, o presidente Feijóo compartiu nas redes sociais unha mensaxe de lembranza da efeméride acompañada dunha imaxe del mesmo esgrimindo na tribuna do Parlamento, no debate de política xeral de 2017, un exemplar do texto galego e outro da Constitución cun escudo pre-democrático: “40 anos do Estatuto. 40 anos de autogoberno, liberdade, prosperidade e pluralidade en defensa dos intereses dos galegos. Hoxe celebramos unha Galicia que ten na autonomía un marco de presente e futuro para resolver problemas reais e tender pontes. Co mesmo espírito, sigamos”.