Cen anos da revista 'Nós': "Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos"

Portadas da revista 'Nós', na exposición 'Galicia, de Nós a nós', no Gaiás CC-BY Cidade da Cultura

O primeiro número da revista 'Nós' saía do prelo o 30 de outubro de 1920, hai un século, "pra ledicia de todos e pra enseño de moitos"

"Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós". Con estas Primeiras Verbas arrincaba a revista Nós o seu primeiro número, hai agora cen anos, un 30 de outubro de 1920. Impulsada pola xeración do mesmo nome e peza clave na reivindicación nacional e cultural de Galicia, que celebra o centenario dunha publicación símbolo dun movemento que se desenvolveu antes, a un tempo e posteriormente a ela, e que é clave para entender o país de hoxe. 

Foi nunha xuntanza en Pontevedra, en xuño de 1920, cando Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Losada Diéguez e Castelao decidiron que o nome do álbum deste último autor sería tamén o da revista, que vería a luz no outono seguinte e tería unha periodicidade mensual. 

Parte do editorial do primeiro número de 'Nós', de outono de 1920 CC-BY Revista Nós

Naquel 30 de outubro, en Ourense, saía do prelo o primeiro número da revista Nós, "Boletín Mensual da Cultura Galega" e órgano da "Sociedade Galega de Pubricacións Nós", seguindo o ronsel de publicacións como La Centuria, impulsada tamén por Vicente Risco --director da nova publicación-- e Arturo Noguerol en 1917, ou do suplemento Nós que acompañaba o diario coruñés El Noroeste na Coruña en 1918. Pero indo moito máis alá.

A publicación pretendeu ser"a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado"

A revista deixaba claras as súas intencións naquelas Primeiras Verbas que serviron de editorial dunha publicación que, dicía, "ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade, de todol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra". Pero tamén "a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra".

Impulsada e dirixida por Vicente Risco, daquel primeiro equipo fundacional formaban parte tamén Arturo Noguerol como xerente, Xabier Prado Lameiro como redactor xefe, Xulio Gallego como secretario de redacción, e Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas como redactores, aos que acompañaba tamén Castelao que sería, ademais, o encargado do deseño gráfico durante toda a súa historia, ata a desaparición da revista en 1936. 

Cun propósito fundamental de difundir, reivindicar e modernizar a cultura galega, pero tamén poñer o foco noutras culturas europeas, en especial a irlandesa ou portuguesa, Nós pretendía ser "a afirmación pra sempre do verdadeiro ser de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire". Pero, ao tempo, buscaba "suprimir entremediarios antr’o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos", polo que buscaba "abrir as suas páxinas a prestixosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co’a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado".

Florentino López Cuevillas e Vicente Risco, en 1922 CC-BY Familia Tovar Cuevillas

Ao prezo de 60 céntimos --e coa posibilidade de se subscribir aos doce números anuais por 6 pesetas--, a revista sae á rúa con anuncios inseridos en galego, desde Augas de Mondariz ata ópticas, xastrerías, hoteis, fotógrafos de moda, cafés ou seguros, e anima a colaborar ás empresas: "Pra se facer rico un home de negocios, seríalle tan convenente anunciarse no boletín Nós, coma ter boa sorte". Con tarifas desde 12,50 pesetas ata 200 por inserción publicitaria.  

'Nós' imprimiuse nun inicio en Ourense, pero tamén en Pontevedra e, finalmente, na Coruña e Compostela, cando Ánxel Casal se encargou da súa publicación

Foi nos obradoiros de Ourense do xornal La Región onde se imprimiron os quince primeiros números da publicación, ata xaneiro de 1923, pasando os tres seguintes a ser impresos no prelo de Joaquín Poza Covas en Pontevedra. Logo dos problemas económicos e pola chegada da ditadura de Primo de Rivera, que interromperon a saída da revista durante máis de dous anos, Ánxel Casal, responsable da editorial Lar, encárgase de recuperar a publicación no verán 1925 desde A Coruña, ata que en 1931 traslada o seu negocio editorial a Compostela, desde onde publica Nós ata a chegada do fascismo. 

Para aquel número inaugural --cuxa reprodución regala o xornal Nós Diario este xoves aos seus lectores--, no outono de hai un século, o autor portugués Teixeira de Pascoaes enviou o poema Fala do Sol, dedicado "aos jovens poetas galegos" e que inauguraba a revista, cunha "páxina inédita do grande e amada Mestre", tal e como se explicaba na publicación, que contiña tamén a tradución dun artigo de Philéas Lebesgue e textos de historia, política ou economía de Vicente Risco, Florentino L. Cuevillas ou Arturo Noguerol, ademais dunha sección cultural e outra de adeviñanzas. 

Durante os anos que se publicou, a revista centrouse no estudo e reivindicación da identidade galega, afondando en novas liñas de investigación na historia, o pensamento, a etnografía ou a arqueoloxía. Pero teimou tamén en plasmar as novas ideas que chegaban de Europa, incluíndo traducións de James Joyce, por parte de Otero Pedrayo, ou de Martiño de Braga. 

Todo ata o último número (139-144), de xullo a Nadal de 1935, que saíu do prelo pouco antes do golpe de estado militar de 1936 e que non chegou a ser distribuído, quedando tan só dous exemplares que sobreviviron á queima que os sublevados fascistas levaron a cabo na imprenta de Ánxel Casal, asasinado en Cacheiras o 19 de agosto daquel mesmo ano. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.