Arredor da "Xeración Nós"

Título accionarial de Nós a nome de Ramón Villar Ponte Dominio Público

Non sempre tivo este nome. Noutrora se dicía “Grupo” ou “Época”, segundo quen escribise. En todo caso, a revista Nós determina o bautismo. O porvir da trepia promotora daquela publicación (Risco, Castelao e Noguerol) representa tres destinos dispares pra a xeración: franquismo, exilio e asasinato.

O éxito do termo “Nós” vencéllase á aparición da editorial de igual nome, con Ánxel Casal de proeiro. O seu obradoiro tipográfico foi a cornucopia da literatura galega. Até que Atila desfixo todo: arderon libros e a pólvora esfragou corpos.

A profesora Olivia Rodríguez, no artigo “Carlos Casares e a Xeración Nós” (2009), sitúa Carvalho Calero como o propiciador desta etiqueta xa denantes da guerra. O entón mozo ferrolán publicou “A xeneración de Vicente Risco” (1934) ligando o grupo á revista e desvelando a ampla docencia ou fonda influencia do director. En 1963, coa Historia da literatura galega contemporánea, usaría “Grupo Nós” e máis adiante, influído pola terminoloxía de Ortega Gasset, adoptaría o definitivo “Xeración Nós”.

A escola, elemento institucionalizador do discurso, fixou esta forma para referírmonos os escritores de entre 1916 e 1936. Así foi como o aprendemos no ensino obrigatorio. E así foi como se difundiu por prensa, radio e televisión. Porén, non todos escribiron nesa revista ou publicaron nesa editorial.

O uso de “Nós” reduce todo o esforzo da xeración a unha actividade literaria cando, pola contra, foi unha das ponlas da acción sociopolítica impulsada polas Irmandades da Fala

Pro, amais, o uso de “Nós” reduce todo o esforzo da xeración a unha actividade literaria cando, pola contra, foi unha das ponlas da acción sociopolítica impulsada polas Irmandades da Fala. Houbo pintura, arquitectura, sindicalismo, debuxo, música, política institucional, seminarios, excursións pedagóxicas, prensa, movementos agrarios, ciencia, asociacións xuvenís etc.

O feito político era o elemento común e a lingua adquirira unha tonelaxe extraordinaria á hora de medir o carácter nacional galego. En realidade, a lingua converteuse no sangue da nación, como xa Murguía albiscara na centuria anterior. Dende este prisma débese estudar a literatura porque cinguir todo á análise textualista, como se a literatura fose unha expresión illada da espiral histórica, dificulta a súa intención-comprensión, acouta o debate a uns termos exclusivamente literarios e oculta a relación (activa ou pasiva) con outros elementos sociais. O texto e o discurso literario non son ignífugos á complexidade do seu tempo.

Ramón Villar Ponte usou en 1951 a etiqueta “Xeración do 16”. A evocación é outra, o significado tamén. Fíxoo durante o discurso de ingreso na Academia Galega. Ramón fora cofundador das Irmandades da Fala. E aquel discurso era unha louvanza broncínea onde emerxen os nomes do seu irmán Antón, Castelao, Casal ou outros. Isto dito no ventre do silencio, dende o interior de Atila. E o xesto non pasou desapercibido.

A vontade de Ramón Villar Ponte ao falar da Xeración do 16 era poñer no mascarón as Irmandades da Fala. O Grupo Galaxia, xestor principal da cultura galega no período franquista, optou por Xeración Nós seguindo as indicacións de Carvalho Calero

Naquel mesmo 1951, no Nadal, ingresaba na Academia Manuel Gómez Román, secretario xeral do Partido Galeguista antes e despois da guerra. O acto fíxose no Casino de Vigo, que el era de status social distinguido. Era autor dun repertorio arquitectónico de excelencia. Pois ben, o seu discurso e a resposta que deu Otero Pedrayo foron censurados por seren previstos dicir en lingua galega: só se permitiu o castelán. O acto encheuse dunha grande emoción, como se recolle nas imaxes de vídeo recuperadas por Miguel Piñeiro no seu docu Rescatada e presentadas o pasado ano no Marco de Vigo, porque ambos académicos eran sabedores da vixilancia e ameazas franquistas cando o desexo era ter sido un extraordinario acto patriótico.

Porén, a vontade de Ramón Villar Ponte ao falar da Xeración do 16 era poñer no mascarón as Irmandades da Fala; reafirmar a decisión sociopolítica que galvaniza a expresión cultural. A mirada é, desta maneira, máis aberta ca Nós.

O Grupo Galaxia, xestor principal da cultura galega no período franquista, optou por Xeración Nós seguindo as indicacións de Carvalho Calero, tótem dos estudos literarios grazas á súa vasta formación académica e á posición que adquiriría tanto en Galaxia como na cátedra universitaria.

Neste 2020, co gallo do centenario de Nós, convén cavilar nas razóns e consecuencias no intre de fixar unha etiqueta pra a historia nosa

Neste 2020, co gallo do centenario de Nós, convén cavilar nas razóns e consecuencias no intre de fixar unha etiqueta pra a historia nosa. Os xeitos de referirse ao proceso (conflitivo) de construción da identidade nacional colectiva conteñen unha intencionalidade que cómpre analizar, pois conforme teñamos unha ou outra óptica obteremos resultados parcialmente distintos.

Porque incluso á hora de fixar o encadre da cámara nun filme, como dicía Passolini, todo é ideoloxía. Estou certo que así é como nos estudos literarios galegos nos ensinou Xoán González-Millán, mente lúcida que precisa de maior presenza na investigación cultural galega. Hai vinte anos publicou o imprescindible Resistencia cultural e diferencia histórica, volume que debera ser lectura obrigatoria e seminario permanente nas facultades de filoloxía e socioloxía da cultura. Un manual de instrucións para a batalla das ideas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.