Entre o 8 e o 11 de xullo de 1926, ano santo xacobeo, un grupo de integrantes da Xeración Nós levaron a cabo unha peregrinación entre Ourense e Compostela. Participaron, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Lois Feixóo, Vicente Risco, Antón Sánchez, Afonso Vázquez Monxardín ou Xavier Pardo, que en tres días e medio percorreron a distancia que separa as dúas cidades.
Participaron, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Lois Feixóo, Vicente Risco, Antón Sánchez, Afonso Vázquez Monxardín ou Xavier Pardo
Aquela viaxe foi narrada posteriormente por Xavier Pardo en “A Nosa Terra” nunha serie de crónicas publicadas entre xullo de 1926 e abril de 1927 baixo o título “No camiño de Santiago: vieiros de fe, vieiros de ideal”. Este mércores o Consello da Cultura iniciou a retransmisión en tempo real nas redes sociais, case un século despois, daquel percorrido, seguindo as anotacións realizadas por Pardo. Así, en Facebook e Twitter poderemos ler ata este sábado o avance daquela viaxe, que pasou por Amoeiro, O Carballiño, Silleda, Chapa, Bandeira, Balboa, Ponte Ulla, o Pico Sacro, Sergude, Rodiña, Susana, entrando en Compostela polo Castiñeiriño e Pontepedriña.
Aquela viaxe foi narrada posteriormente por Xavier Pardo en “A Nosa Terra” nunha serie de crónicas publicadas entre xullo de 1926 e abril de 1927
"Emprendemos o camiño. A cidade esperta cos primeiros coches. O Miño pasa maxestoso. As olladas dunhas rapazas garridas que levan legumes ao mercado son para nós. Fítannos estrañamente. As nosas fasquías de turistas teñen de chamar a atención", puidemos ler a primeira hora desta mañá, no inicio da andaina en Ourense. Pasan por Ponte Ceballos ("non ten interese ningún, pero vén indicada no mapa de Fontán") e dende Castro de Beiro observan os montes de Oseira, comentando a crónica que "o mosteiro de Oseira foi testemuño, nun día non moi afastado, da salvaxe e sanguenta xornada na que a Garda Civil matou a tiros a sete labregos e feriu a outros doce, cando se negaron a que o baldaquino barroco fora desmontado".
Despois de pasar pola igrexa de Beiro, da que foi párroco o líder agrarista Basilio Álvarez ("Temos unha dobre lembranza para el. A admiración por aquelas distantes datas nas que erguía todo o agro celta coa súa máxica voz. Pero tamén xenreira, para o home que se deixou engaiolar e non tivo o valor de seguir no seu posto"), chegan a xantar a Amoeiro ("Hai tendas, casas boas e un bo campo da feira. Súbennos ao segundo andar, onde nos sirven ovos fritidos con xamón, carne guisada, queixo, viño bravo e café con augardente. Todos se deitaron a descansar").
O Consello da Cultura Galega explica que "os homes de Nós eran católicos moi practicantes" e, ademais, "eran moito de andar a pé"
O especial complétase cun artigo de Afonso Vázquez Monxardín, neto dunha das personalidades da peregrinación, na que comenta en clave cultural e actual a relevancia e repercusión dese itinerario. O Consello da Cultura Galega explica que "os homes de Nós eran católicos moi practicantes, polo que non resulta estraño que fixeran o Camiño de Santiago en Ano Santo e nun momento no que primaba o espírito peregrino por riba dun itinerario concreto". "Ademais, tamén permite coñecer un trazado inexistente a día de hoxe, pero que en 1926 non estaba tan definido un camiño para chegar a Santiago", engade. Así mesmo, os homes da Xeración Nós "eran moito de andar a pé e, de feito, unha boa parte da base do grupo, e tamén do Seminario de Estudos Galegos, "xira ao redor dese coñecemento directo do terreo".
Non todos fixeron o percorrido completo dende Ourense, pois tanto Florentino López Cuevillas coma Alfonso V. Monxardín uníronse á expedición en Silleda, onde chegaran no Castromil. De igual xeito, o grupo que entrou en Compostela o 11 de xullo era algo máis numeroso, pois Lois Tobío, Ramón Martínez López ou Antonio Fraguas, que daquela eran estudantes do Seminario de Estudos Galegos, fóronos agardar ao Pico Sacro.
“Daban as dez no grave relox da Catedral cando facíamos a nosa entrada polas tortuosas e sempre suxestivas rúa de San-Yago. A emoción que sentimos, dimpois de catro días de longo camiñar pol-o corazón da Terra, non é fácilmente descriptibel”
“Daban as dez no grave relox da Catedral cando facíamos a nosa entrada polas tortuosas e sempre suxestivas rúa de San-Yago. A emoción que sentimos, dimpois de catro días de longo camiñar pol-o corazón da Terra, non é fácilmente descriptibel”, escribe Xavier Pardo nas súas crónicas. "Como perenne lembranza de iste noso camiñar pol-a terra en precura do Sant-Yago, gardamos todos, a ‘Compostela’, diploma valioso que ao correr dos anos terá virtud de nos falar sempre d´unha das mais groriosas etapas da nosa vida”, engade.
O Consello da Cultura Galega destaca que o obxectivo desta iniciativa é contar esta viaxe "do mesmo xeito que pensamos que terían contado os seus protagonistas, se contaran coa tecnoloxía actual". Para as súas crónicas, Pardo valeuse de notas “sacadas do minucioso Diario de Viaxe", que ía escribindo Vicente Risco, polo que en boa medida son as palabras de Risco as que estes días poderemos ler minuto a minuto nas redes sociais.