Eterno retorno. O pasado febreiro o PP permitiu coa súa abstención iniciar o proceso para que o Parlamento volvese pedir ao Goberno de España as competencias en materia de tráfico e seguridade viaria, as mesmas que xa aprobara pedir en 2008 co aval dunha unanimidade que naufragou dous anos despois, ao chegar ao Congreso dos Deputados. Na mesma liña, aínda que cun peso político menor por ser unha decisión non vinculante, o PP vén de acceder a que a Xunta pida ao Goberno central a competencia de xestión das bolsas de estudo, a mesma que o Executivo galego chegou a asinar co Ministerio de Administracións Públicas en tempos da coalición de PSdeG e BNG.
Na etapa da coalición de PSdeG e BNG o daquela vicepresidente, Anxo Quintana, chegara a pechar co Goberno de España un paquete de competencias que incluída as bolsas de estudo
O 23 de decembro de 2008 o daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, acudiu na súa calidade de responsable das relacións institucionais do Goberno galego á Comisión Mixta de Transferencias Galicia-Estado. Coa delegación estatal encabezada pola daquela ministra de Administracións públicas, Elena Salgado, Quintana rubricara varios acordos sobre transferencias pendentes, entre elas a das bolsas. O propio Goberno de España informara de que este acordo se encadraba no disposto no Real Decreto que, dende 2007, "prevé o traspaso" destas axudas ás comunidades autónomas. Agregaba ademais o "compromiso" de ambos gobernos para adoptar medidas transitorias para "preparar" e culminar a transferencia.
Pero esa culminación nunca chegou. Tampouco a das demais transferencias acordadas naquela xuntanza. Non en van, dende 2008 Galicia non recibiu ningunha transferencia nova e, por primeira vez na historia da autonomía, finalizou dúas lexislaturas seguidas sen incremento do autogoberno.
Rodil (BNG) resalta que a competencia xa fora pactada en 2008 e subliña que se a Xunta a asume pode axustar aspectos das bolsas como o cálculo dos limiares de renda ou os prazos de pagamento ao estudantado
Con este pano de fondo o BNG defendeu este martes no pleno do Parlamento a través da súa vicevoceira, Olalla Rodil, unha iniciativa para volver reclamar a competencia. A propia Rodil evidenciou durante o debate que a competencia das bolsas de estudo xa fora abordada en 2008 e forma parte do paquete de competencias pendentes que, tras o retorno do PSOE ao Goberno central, a Xunta do PP dixo estar disposta a volver pedir.
Cun control directo da xestión de bolsas, sinala Rodil, a Xunta podería axustar as contías das bolsas de estudo a problemáticas e características propias de Galicia, caso por exemplo do estudantado que "queda fóra" dos limiares máximos de renda porque as súas familias "teñen galpóns ou naves agrogandeiras" que incrementan o seu patrimonio a efectos de cálculo, resalta. Do mesmo xeito, subliña, a Xunta tería na súa man adiantar o pagamento das bolsas, evitando que entidades como "o todopoderoso Santander" ofrezan produtos financieros como "o adianto de ata o 95% da axuda ao alumnado co correspondente cobro de comisións e mesmo xuros".
O PP tamén votou a prol da iniciativa, aínda que non é vinculante para a Xunta
O resto da oposición deu á proposta o seu voto a prol e tamén o PP, que malia non reclamar formalmente esta competencia na última década, afirma apoiar a iniciativa "por pura coherencia", en verbas da deputada María Antón. Os populares, di, "entenden" que a reclamación da competencia leva "implícito o custe efectivo dos medios persoais, materiais e informáticos requiridos para desenvolver, con solvencia, as funcións correspondentes á Administración autonómica", isto é, o que acontece con calquera traspaso de competencias.
Deste xeito, o Parlamento pediu por unanimidade á Xunta que reclame ao Goberno de España "a transferencia das competencias correspondentes á xestión das bolsas de axuda ao estudo así como os recursos económicos correspondentes a elas". Esta declaración política non é vinculante e a Xunta pode optar por non atendela, como a anterior.