A comezos de 2020, na recta final da pasada lexislatura, a Xunta comezou a utilizar unha nova imaxe corporativa en actos públicos, materiais impresos e insercións publicitarias. Tratábase dunha evidente variación no anagrama e na tipografía do logotipo que viña identificando o Goberno galego e á Administración autonómica no seu conxunto dende que, en plena crise do Prestige, o Executivo do PP de Fraga deixara atrás o que fora logo da Xunta dende 1985.
Máis dun ano despois de empezar a utilizala, a Xunta aproba por decreto a súa nova imaxe corporativa co correspondente manual de identidade, deixando atrás de vez o logotipo e demais elementos gráficos implantados en 2003 e retocados levemente en 2005 e 2009
Como informou Praza.gal, daquela a Xunta restáralle importancia á mudanza. Preguntadas ao respecto por este xornal, fontes do Goberno galego sinalaran que a mudanza respondía á intención de adaptar a imaxe corporativa a algúns soportes, especialmente dixitais. Non implicaba unha mudanza completa, tampouco investimentos en mudanzas de cartelaría ou rotulacións de edificios ou vehículos, afirmaran. E tampouco, mantiñan, traía consigo unha reforma no decreto que regula a imaxe da Xunta dende 2009.
Durante este ano e medio, a Xunta utilizou a nova imaxe en múltiples soportes sen eliminar por completo a implantada polo Goberno Fraga, asumida con escasos retoques polo Executivo de coalición PSdeG-BNG e retomada polo gabinete do PP con algunhas variacións -dándolle preponderancia á denominación Xunta de Galicia e restrinxindo os nomes das consellerías a uns poucos usos concretos-. Pero de agora en diante, a antiga imaxe corporativa deixa de ser a oficial e pasa á historia definitivamente. Tamén o fai a tipografía creada daquela, agora remudada por unha nova denominada Xunta Sans e o azul corporativo cambia o seu ton.
O Consello do Goberno galego aprobou este 22 de xullo de 2021 un novo decreto de imaxe corporativa. Mesmo antes da súa entrada formal en vigor -para o que se require a publicación no DOG- xa remudou a vella imaxe en espazos tan significativos como os perfís en redes sociais ou o seu sitio web principal, onde substituíu o manual de identidade corporativa aprobado en 2009 por outro novo, elaborado polo estudio coruñés Costa. Dende principios de 2020, o Goberno -principalmente a través da Secretaría Xeral de Medios- viñera encargando a través de contratos menores axustes da nova marca a diferentes usos, como os publicitarios, pero sen un manual enteiro.
Adeus ao 'logo' do Servizo Galego de Saúde
Atendendo ao novo manual, a imaxe corporativa do Sergas dilúese na xeral da Xunta por primeira vez dende a súa creación
A intención do cambio, sinala a Xunta, é contar cun deseño "máis dinámico, moderno e adaptado aos novos tempos da comunicación" que, defende, é "acorde cos cambios da sociedade galega na última década". Busca, indica, "evitar duplicidades que poidan confundir os administrados" e que a marca principal da Xunta actúe como "elemento de cohesión".
Un dos cambios máis perceptibles para a cidadanía, atendendo ao novo manual de identidade corporativa, será a desaparición da imaxe propia do Servizo Galego de Saúde para diluíla na nova identidade visual do Goberno galego. Non en van, este é o organismo elixido en varias das páxinas do manual para exemplificar a nova imaxe. O mesmo sucede con outras imaxes do eido sanitario, como o 061. Será a primeira vez dende a súa creación, a comezos dos anos 90 do século pasado, que o Sergas non luza unha imaxe de seu.
A actual imaxe do Sergas data de 2007, cando o Goberno de coalición inseriu no logo a expresión completa 'Servizo Galego de Saúde' no que o PP considerara "un cambio absurdo" e un gasto innecesario
A actual imaxe corporativa da sanidade pública galega data de 2007, cando o Goberno de coalición a reformou mudando o acrónimo Sergas por Servizo Galego de Saúde e retocando algúns outros elementos gráficos. Daquela, esta mudanza fora duramente criticada polo PP, que a considerara "un cambio absurdo" que traía consigo un gasto innecesario e tamén un erro por desbotar o termo Sergas, que no seu momento fora "moi pensado". Agora, cando menos de momento, a Xunta non detalla o gasto que traerá consigo a nova imaxe que, segundo o seu manual, tamén atinxe a espazos físicos como as sedes institucionais ou os vehículos, alén doutros elementos como a papelaría, publicidade ou soportes dixitais.
En todo este tempo, o logo do Sergas conviviu co da Xunta, pero agora pasará a ser unha versión deste, segundo o reflectido no novo manual. O documento reflicte que si sobreviven outras marcas do Goberno galego ou ligadas a el, que nalgúns casos se modifican para integrar o novo logo. É o caso da Academia Galega de Seguridade Pública, da Fundación Cidade da Cultura ou da marca Galega 100% (referida ao leite).
A terceira imaxe corporativa estable da historia da Xunta
Coa aprobación do novo decreto e o correspondente manual, a Xunta implanta de vez a que é a súa terceira imaxe corporativa estable. A primeira chegou en 1985, tras varias imaxes provisionais nos primeiros anos da andaina autonómica. En plena crise do Prestige, o Goberno de Fraga anunciou que desbotaba o vello e popular logo porque revelara "problemas de lexibilidade inherentes á súa propia construción formal" que deran lugar "a unha considerable dispersión na súa aplicación".
Aquel logotipo aprobado en 2003 e as súas lixeirísimas variacións de 2009 veñen convivindo nos últimos anos con outras imaxes corporativas que a Xunta utiliza con asiduidade. Isto sucede moi especialmente coa marca Galicia que foi concibida en 2011 con fins de promoción turística e que, en virtude dun decreto aprobado naquel mesmo ano, foi agregada a practicamente todas as imaxes corporativas do Goberno galego. O mesmo acontece na actualidade coa marca do Xacobeo 2021-2022 e o novo manual tamén prevé que se manteña esta práctica.