Dende hai varias semanas, diversos departamentos da Xunta están a utilizar unha nova imaxe corporativa en actos públicos, materiais impresos e insercións publicitarias. Trátase dun redeseño que atinxe ao anagrama e á tipografía dun logotipo que o Goberno galego utiliza dende hai dezasete anos cando, en plena crise do Prestige, o Executivo que presidía Manuel Fraga desbotou o logo que identificara a Xunta dende 1985.
Ao contrario do que sucedeu daquela, o actual Goberno non desbotou por completo -cando menos, de momento- o vello deseño. Non en van, nas últimas semanas mesmo chegaron a celebrarse actos nos que o novo logotipo está a convivir co anterior, o mesmo que o gabinete de PSdeG e BNG 'herdou' de Fraga e cuxos usos regulou por decreto o Executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo no outono de 2009.
No Goberno restan importancia a esta mudanza, que atribúen á intención de adaptarse aos soportes dixitais, e din non prever implantala de maneira masiva nin reformar o decreto que regula a imaxe corporativa dende hai máis dunha década
Fontes da Xunta consultadas por Praza.gal admiten a existencia desta mudanza nesta recta final da lexislatura e a escasas semanas das eleccións, pero réstanlle importancia. Aseguran que a súa intención responde unicamente á de adaptar a imaxe corporativa da Xunta á súa inserción en soportes dixitais, especialmente no que atinxe á tipografía, e especifican que o Goberno non prevé realizar investimentos en mudanzas de cartelaría, papelaría, rótulos de vehículos ou outros elementos gráficos.
As fontes consultadas tampouco prevén, cando menos de momento, unha reforma do decreto que regula a imaxe da Xunta dende 2009. Non obstante, a que están a empregar tanto en soportes dixitais como en mobiliario e paneis de actos públicos ou mesmo sinais anunciadores de obras públicas afástase notablemente dos criterios marcados polo manual de imaxe corporativa aínda vixente. Mentres, noutros soportes como o sitio web oficial, permanece o antigo.
As normas de 2009, para afastarse do bipartito
Na recta final da lexislatura, o Goberno do PP comeza a desbotar unha imaxe que volveu adoptar como propia tras o período do Executivo da coalición de socialistas e nacionalistas, etapa na que cobraran maior peso na imaxe corporativa os nomes das diferentes consellerías. No ano 2009, o Executivo xa presidido por Feijóo daba esa imaxe corporativa por "asumida con éxito pola cidadanía" e sinalaba que contaba cun "altísimo recoñecemento entre a poboación". Por iso a plasmara cunhas poucas variacións no devandito manual.
Daquela aseguraban que a aplicación "do símbolo e do logotipo" da Xunta deran lugar a "algunhas deficiencias" por existir unha "multiplicidade de logotipos representativos da Administración" que impedían unha "visión homoxénea". O argumento político, non reflectido por escrito, vinculárano á necesidade de borrar a imaxe de "dous gobernos" que, segundo os populares, existira durante o bipartito. Case ao mesmo tempo, suprimiran emblemas daquel Executivo como a denominación Galescola para as escolas infantís.
O novo deseño afástase das normas de imaxe corporativa aínda vixentes en aspectos como a tipografía e as súas cores
Así, decidiran limitar o uso dos nomes das consellerías, secretarías, direccións xerais e outros departamentos á "papelería oficial", "sinalización de edificios" e "publicacións específicas das consellerías". Para todo o demais pasou a utilizarse unicamente a imaxe e denominación Xunta de Galicia cunhas normas fixadas por decreto e que agora o Executivo está a cambiar pola vía dos feitos.
Así, por exemplo, a normativa aínda vixente establece que o logotipo da Xunta utiliza a tipografía creada especificamente para o Goberno galego en 2003, de cor negra na súa versión habitual e branca, na negativa. O mesmo decreto e o propio manual especifican que "os elementos do interior do símbolo" da Xunta son "sempre, brancos". Tamén está fixada a cor branca para as liñas que arrodean o anagrama na versión negativa do logo.
As variacións están a ser introducidas despois de que a Secretaría de Medios contratase un "manual de aplicación da marca institucional en campañas"
Malia a estas especificacións e aínda que a Xunta di non prever unha reforma do manual nin do decreto no que se basea, o novo logotipo non respecta as súas indicacións. A tipografía utilizada é diferente e, as máis das veces, está a abandonar a cor negra para ser substituída polo azul do anagrama, que tampouco é o estipulado na paleta de cores do manual de imaxe corporativa, senón un ton diferente, máis escuro. Ademais, a cor dos elementos interiores do logotipo, lixeiramente redeseñados, deixa de de ser branca para pasar a ser transparente.
Todas estas variacións na imaxe corporativa da Xunta están a ser introducidas despois de que a Secretaría Xeral de Medios, órgano con dependencia directa da Presidencia da Xunta, contratase a elaboración dun novo "Manual de aplicación da marca institucional en campañas", documento que cando menos polo momento non é público. O traballo foi encomendado á empresa coruñesa Prohibida la entrada al laboratorio por 8.000 euros.
O terceiro logotipo da Xunta
No caso de asentarse a súa utilización -decisión que, en calquera caso, corresponderá ao Goberno que saia das eleccións do 5A-, este sería a terceira imaxe corporativa consolidada no Goberno galego. O primeiro, implantado en 1985 tras varias imaxes provisionais no comezo da autonomía, foi sinónimo da Xunta durante practicamente dúas décadas. En plena crise do Prestige, o Goberno de Fraga argumentou que o desbotaba porque fora "revelando problemas de lexibilidade inherentes á súa propia construción formal" que deran lugar "a unha considerable dispersión na súa aplicación".
O logotipo aprobado en 2003 e as súas lixeirísimas variacións de 2009 conviven nos últimos anos, así e todo, con outras imaxes corporativas que a Xunta utiliza con asiduidade. Isto sucede moi especialmente coa marca Galicia que foi concibida en 2011 con fins de promoción turística e que, en virtude dun decreto aprobado naquel mesmo ano, foi agregada a practicamente todas as imaxes corporativas do Goberno galego. O mesmo sucede na actualidade, como en anteriores Anos Santos, coa marca do Xacobeo 2021.