O pasado 31 de decembro, pouco antes das sete da tarde, o nuncio do Papa en España anunciaba, durante a cerimonia de apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago, que a Santa Sé decidira prorrogar o Ano Santo 2021 durante todo o ano 2022 por mor da pandemia. O Goberno galego celebrou abertamente unha prolongación que levaba meses reclamando para así ter un pé relixioso para facer o mesmo co Xacobeo 2021.
Apenas hora e media despois deste anuncio, ás 20:38, un empresario iniciou ante a Oficina Española de Patentes e Marcas os trámites para rexistrar a marca Xacobeo 2022. A finais do pasado mes de febreiro, esta solicitude pasou a ser pública e a propietaria de marcas como Xacobeo ou Xacobeo 2021, a Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, opúxose formalmente ao rexistro de Xacobeo 2022 -a lexislación na materia prevé esa posibilidade-.
O empresario que tentou rexistrar a marca 'Xacobeo 2022' iniciou os trámites apenas unha hora despois de que a Igrexa confirmase a prórroga do Ano Santo, o pasado 31 de decembro
Paralelamente, o Goberno galego comezou a tramitar durante o mes de febreiro o rexistro doutras marcas para denominar este Xacobeo prolongado tanto no Estado como no conxunto da Unión Europea. Así, a Xunta quere ter a exclusiva sobre as marcas Xacobeo 21-22 Galicia e Bienio Santo Xacobeo. Tamén sobre a marca X 21-22. Todo, coa mesma liña gráfica das marcas que xa rexistrara en 2018 para denominar o Xacobeo 2021, marca cuxo uso está regulado por decreto (incluíndo a variante Jacobeo 2021) dende principios de 2019 e que o Goberno galego incorpora en múltiples soportes e eventos, dende a papelaría oficial ata as reunións do Consello da Xunta.
As últimas dúas xestións realizadas por Turismo de Galicia, axencia pública actualmente dependente da Vicepresidencia Primeira, foron encamiñadas a rexistrar as marcas Bienio Santo Xacobeo e X 21-22. Para facelo, o Goberno galego recorreu durante o pasado febreiro á mesma empresa que xestionou o rexistro das marcas do Xacobeo 2021, Gallaecia Patentes y Marcas, unha empresa con sede en Madrid que tamén opera en Santiago. A compañía cobrou 6.292 euros pola tramitación do rexistro da marca Bienio Santo Xacobeo e 10.224,50 por tramitar a marca X 21-22.
Como fixera coa marca Xacobeo 2021, a Xunta quere manter o control das novas marcas Bienio Santo Xacobeo e X 21-22 sobre todo tipo de elementos, dende papelaría ata louza pasando por programas informáticos, roupa, eventos e diversos servizos, entre outros. O empresario que tentou rexistrar Xacobeo 2022 quería poder dispoñer desa marca en eidos como a publicidade, a organización de viaxes, servizos de entretemento, actividades deportivas e culturais, servizos de restauración ou hospedaxes temporais. Para facelo non propuxo ningunha imaxe gráfica, só a denominación.
A Xunta xa tivera que litigar pola marca Xacobeo 93, rexistrada por un empresario que a explotou mentres durou o preito
O Arcebispado de Santiago, pola súa banda, xa activou o proceso para rexistrar a marca Año Santo Compostelano 2021-2022 combinada coa palabra Jubileo. Trátase, como no caso da Xunta co Xacobeo, dunha adaptación da imaxe corporativa que xa deseñara e rexistrara para 2021.
Non é a primeira vez que alguén alleo á Xunta tenta explotar a marca Xacobeo. Así, por exemplo, a marca 'Xacobeo-93' non fora rexistrada coa suficiente antelación por parte da Xunta de Fraga e, cando o foi facer, xa o fixera un empresario monfortino que tamén protagonizou numerosas controversias no eido da política local. O empresario litigou durante anos co Goberno galego nos tribunais e, aínda que a Xunta acabara gañando o preito, o empresario puido comercializar nese tempo produtos coa marca á marxe da empresa pública do Xacobeo e de Turgalicia.