Este 31 de decembro de 2020 abre a Porta Santa da Catedral de Santiago por primeira vez dende o derradeiro día de 2010. Será o sinal de inicio do Ano Santo compostelán do 2021, a celebración que a Igrexa católica desenvolve nos anos en que o 25 de xullo cadra en domingo, durante os cales "a Igrexa concede singulares grazas espirituais aos fieis", como explica o Arcebispado compostelán.
Dende o nacemento do Xacobeo en 1993, a Xunta acompañou a celebración relixiosa do Ano Santo cun programa de óptica turística marcado por grandes eventos agora incompatibles coa COVID
Pero, dende os anos 90 do século pasado, o comezo do Ano Santo éo tamén do Xacobeo, o programa turístico, festivo e cultural impulsado dende a Xunta a partir de 1993 de xeito paralelo ao evento relixioso. Aqueles gobernos de Manuel Fraga e de conselleiros como Víctor Vázquez Portomeñe -o pai político de Pelegrín- e Jesús Pérez Varela converteron o Xacobeo, ao abeiro dun crecemento exponencial das peregrinacións a Santiago, nunha celebración marcada polos macroeventos, festivais e demais celebracións de óptica esencialmente turística. De todos eses actos incompatibles coa pandemia do coronavirus.
A propia Xunta vén asumindo nos últimos meses que case nada poderá ser como prevía neste Xacobeo 2021, que ía ser o primeiro con Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta sen estar constrinxido por unha crise económica como a que marcou o de 2010. En condicións normais, o Goberno galego presentaría a apertura da Porta Santa como o inicio dun inmenso programa que desta volta non é posible realizar a causa da COVID-19, cando menos de momento, motivo que leva a Xunta a pregar por que a Igrexa acceda a aplicar unha inusual prórroga do Ano Santo cara a 2022.
A propia Xunta presenta esa reformulación de xeito cru nas contas da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo para 2021. A previsión de ingresos desta empresa pública para 2021 cae un 87%, de 3,3 millóns de euros a apenas 392.000, por mor dunha caída practicamente idéntica no número de peregrinos previstos para os albergues: de máis de 407.000 a uns 35.000, un 91% menos.
A S.A. do Xacobeo reduciu un 90% a previsión de chegada de peregrinos para 2021 por mor da COVID
No Camiño haberá menos camiñantes e nas vilas e cidades, nula marxe para os eventos masivos. Mostra disto é o acto programado pola propia Xunta para inaugurar o Xacobeo, un evento "de reducidas dimensións, acorde coa situación sanitaria", consistente na interpretación de pezas musicais por parte do gaiteiro Carlos Núñez acompañado, a distancia, por unha trintena de artistas. O vídeo, producido por Ollovivo, será retransmitido pola Televisión de Galicia e pola propia Xunta a través de internet, así como en pantallas instaladas en prazas dalgunhas capitais estranxeiras, como Milán ou Bos Aires. A retransmisión do acto pódese seguir no enlace que segue a continuación.
Asegura a Xunta que esta montaxe pretende ser a primeira mostra de que o Xacobeo "está chamado a ser motor de recuperación emocional e económica para toda Galicia tras a pandemia", en verbas da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. A propia alto cargo da Vicepresidencia primeira do Goberno galego puña nesa presentación as súas esperanzas en que a Igrexa acceda a prorrogar o Ano Santo. "Estariamos encantados de que esa prórroga avalada fose posible" e ademais, se "a hai", o Xacobeo "é adaptable e estamos preparados".
A prórroga do Ano Santo reclamada pola Xunta para prolongar o Xacobeo non causa entusiasmo no Arcebispado de Santiago e o seu titular subliña a vertente "espiritual" da celebración
Pero, alén dos desexos expresados por Feijóo e múltiples responsables da Xunta, o certo é que a Igrexa católica non emitiu polo momento sinal ningún a prol desa prórroga. Este 29 de decembro, na súa mensaxe cara á apertura do Ano Santo, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, centraba a súa alocución nos fieis e indicaba que, nun contexto de pandemia, para a institución relixiosa ten aínda máis sentido concibir o Camiño como un percorrido "interior", xa que peregrinar a Compostela "non é só andar quilómetros".
Tampouco realizou ningunha mención a esa eventual prórroga na súa homilía na cerimonia da Translatio, celebrada na Catedral de Santiago este 30 de decembro con Feijóo como delegado da Casa Real. O Arcebispado de Santiago chega así á súa celebración máis senlleira tras uns meses nos que os seus máximos responsables non amosaron entusiasmo ningún pola idea en público e tampouco en privado, malia ás peticións de institucións do Goberno galego e tamén do Concello de Santiago. Nesta liña, o propio arcebispo vén reiterando que para a Igrexa, o Ano Santo é unha celebración "espiritual" e independente dos fastos do Xacobeo.
A decisión final, depende, en calquera caso, do Vaticano e o precedente tampouco é o máis favorable. Sitúase en 1937, cando o papa Pío XI accedeu a continuar o Ano Santo durante 1938. Foi nun contexto marcado polo golpe de Estado de 1936 e as íntimas relacións entre a Igrexa e os golpistas, que se manifestaron, por exemplo, na peregrinación de Francisco Franco a Santiago en decembro de 1938, xa como autoproclamado xefe do Estado, na mesma viaxe en que quedou co Pazo de Meirás.
Se, finalmente, esta postura do arcebispado compostelán se mantivese e o Ano Santo rematase cando corresponde, o 31 de decembro de 2021, a Xunta tería na súa man continuar con eventos ligados ao Xacobeo todo o tempo que considerase oportuno. De entrada, as exencións fiscais para os patrocinadores do evento están xa prorrogadas polo Estado durante 2022. A anterior ocasión na que a Xunta amagara con pedir un Ano Santo extraordinario, no ano 2011 -alegando a pertinencia para dinamizar a economía en plena crise e a coincidencia co 800º aniversario da consagración da Catedral de Santiago-, a Igrexa non o aceptou.