O ministro de Transportes avanza que os orzamentos do Estado que se presentan este martes prevén solucións ao “agravio real que representan as peaxes da AP-9”
Cando en 2017 os executivos do PP na Xunta e no Goberno central admitiron que o AVE coa Meseta non ía estar rematado en 2018, como viña asegurando ata pouco antes a ex-ministra popular Ana Pastor, anunciaron un novo prazo, o de finais de 2019 para rematar as obras e o de 2020 para a súa entrada en servizo.
Este luns, na inauguración da metade dos douscentos quilómetros que faltaban por rematarse, entre Zamora e Pedralba de la Pradería, na comarca de Seabra, o ministro de Transportes, José Luis Ábalos confirmou que as novas previsións coas que traballa son as de “ter todas as obras concluídas a finais de ano e a posta en servizo, sempre que a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria no lo autorice, para o segundo semestre de 2021”.
“Galicia está más cerca de España”, salientou este luns a conselleira de Infraestruturas, que agradeceu o esforzo aos sucesivos gobernos centrais desde o de Zapatero e o ministro de Fomento José Blanco
A nova data supón que a liña non entre en servizo -a excepción dos 17 quilómetros máis próximos a Ourense, nos que aínda non se moveu unha pedra- ata a metade do ano Xacobeo, o que ata hai uns meses era visto pola Xunta como un novo agravio contra Galicia. A chegada da pandemia e as súas restricións, e a intención do Goberno central de prolongar o estado de alarma ata maio, coincidiu cun rebaixamento da presión sobre os prazos do AVE por parte do Goberno galego, que ao tempo intenta que a Igrexa secunde a súa proposta de prolongar as actividades do Xacobeo ata 2022.
Este luns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, insistiu en que o AVE segue sendo a “prioridade número un en materia de infraestruturas para Galicia” e que desexa que se abra canto antes, pero xa non fixo da data concreta un motivo de agravio. Pola contra, amosou o seu agradecemento aos sucesivos gobernos centrais desde o de Zapatero e o ministro de Fomento José Blanco salientando que coa inauguración deste luns “Galicia está más cerca de España”.
Na súa intervención, ademais da nova data para o remate da liña, Ábalos avanzou tamén que os orzamentos do Estado que o Goberno central prevé presentar este martes incluirán algún tipo de solución ao que definiu como o “agravio real que representan as peaxes da AP-9, que este Goberno por primeira vez vai enfrontar, como se verá nos presupostos”, cuestión sobre a que non concretou nada máis.
Os investimentos para Galicia veñen reducíndose no orzamentos xerais do Estado de xeito progresivo a medida que se foron rematando os treitos máis complexos do AVE
As contas estatais para 2021 chegarán tras varios anos nos que os investimentos para Galicia veñen reducíndose de xeito progresivo a medida que se foron rematando os treitos máis complexos do AVE coa Meseta. Dos máis de 2.100 millóns para investimentos directos consignados en 2009 pasouse aos menos de mil millóns de 2018, o último orzamento estatal aprobado, polo Goberno de Mariano Rajoy, e prorrogado desde aquela.
Unha cifra que dificilmente poderá aumentar significativamente o próximo ano ante a ausencia de novas grandes obras que xa conten cos seus proxectos construtivos redactados, o paso previo a poder encargar os traballos físicos de construción que son os que requiren o groso dos cartos. Nas fases previas de redacción e estudo dos proxectos están numerosas actuacións por toda Galicia desde hai anos sen que haxa unha expectativa real de que comecen a construírse nalgún momento.