O PP impide investigar a trama Zeta para "non politizar"

Tellado, con Paula Prado durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Galicia, xullo de 2007. A preocupación cidadá pola corrupción está por baixo da media do Estado e o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, propón que cada grupo do Parlamento "teña dereito a impulsar dúas comisións de investigación por lexislatura sen necesitar o apoio do resto da Cámara". Aquela proposta nunca saíu adiante, nin co Goberno de PSdeG e BNG nin tampouco no retorno do PP. Así, para crear unha comisión de investigación segue sendo necesario o aval da maioría absoluta do lexislativo, a mesma que os conservadores empregaron esta mañá para vetar a comisión de investigación sobre a trama Zeta de falsos cursos de formación, solicitada conxuntamente por AGE e BNG e apoiada polo resto da oposición. Trátase, xustifican, de non "politizar" o asunto.

Despois de que, durante as últimas semanas, o levantamento do segredo do sumario permitise coñecer a estrutura da trama corrupta que presuntamente lideraba Gerardo Crespo, incluíndo a declaración de supostos sobres de diñeiro negro "destinados ao PP" e múltiples conexións persoais ou políticas cos populares, Alternativa e Bloque non ven máis saída que a investigación e asunción de responsabilidades políticas. "Por dignidade, asuman a investigación", reclama dende AGE Juan Fajardo, quen advirte de que a trama non está composta de "catro listos que se fan de ouro", senón que consiste nunha rede de "intercambio de favores" cos cartos públicos como combustible.

"Non sei se se decatan de que están sobre un auténtico volcán, da dimensión da indignación social ante os continuos casos de corrupción", subliña o nacionalista Jorquera, quen salienta ademais que diversas revelacións do sumario poden non constituír "un ilícito penal" pero ser "incompatibles co servizo público". "Por iso hai que investigar no ámbito político", explica. Esa aposta atopou tamén apoio no PSdeG, que a través de Marisol Soneira sinala que neste caso se abordan "cousas gravísimas", como que "o presidente da Xunta informou unha persoa de escoitas da Policía". "En calquera país o presidente dá explicacións e denuncia o calumniador, se é calumnia", afirma. En todo caso, o "problema" vai alén do concreto e chega á "concepción ética", lamenta.

Jorquera: "Non sei se se decatan de que están sobre un auténtico volcán de indignación social ante os casos de corrupción"

Para escenificar o rexeitamento a estes argumentos o PP escolleu o seu novo voceiro, Miguel Tellado, quen ademais foi xefe de gabinete da Consellería de Traballo entre 2009 e 2011, anos nos que, segundo a UDEF, a trama aínda operaba. Aínda que o propio sumario acredita que o caso estourou en 2011 pola denuncia de dúas ex traballadoras das empresas investigadas, Tellado teima en que a denuncia partiu da Xunta "por iniciativa propia". Por isto e porque "xa hai unha investigación xudicial en marcha" cre que "non procede a creación da comisión de investigación". Tamén porque aprobala significaría "politizar" o asunto e "desprestixiar a formación" e, por extensión, ao persoal público que "avalía" as subvencións.

Tellado teima en que a denuncia partiu da Xunta, aínda que a iniciaron dúas traballadoras

O ex man dereita da conselleira Beatriz Mato ve nesta solicitude pouco máis ca unha "estratexia da oposición" para "converter a política galega nunha lameira". "Pretenden facer un xuízo sumarísimo, abrir unha causa xeral, ser inquisidores do século XXI" e mesmo "axustizar o Goberno", acrecenta. Así e todo, o número tres de Feijóo no PPdeG aproveita a tribuna para pedirlle explicacións ao PSdeG polos "correos electrónicos" que Crespo lle dirixiu ao ex conselleiro de Traballo Ricardo Varela -en idéntico ton remitiullos ao propio Feijóo- e pola operación Pokémon, caso polo que tamén lle reclama contas ao BNG. "Tentan sacar tallada política dun asunto que, por moito que lles doa, non atallaron cando gobernaban", agrega, antes de acusar "o bipartito" de concederlle ás entidades de Crespo máis axudas que o PP".

Fajardo: "Teñen medo a que quede claro a que unha trama corrupta pagaba sobres en negro ao PP"

"Quere que se investigue a concesión de cursos tamén durante o bipartito? Ningún problema!", retou Jorquera, quen lamenta que Tellado se refuxie nunha estratexia de "mente, que algo queda" ao tempo que lembra que propio Bloque xa preguntou pola trama en 2010 "e vostedes contestaron que todo marabilloso". "En todas as revelacións do que se fala é de pago de sobres en negro ao PP", subliña o nacionalista, nun contexto no que, dende AGE, Fajardo se amosa convencido de que a negativa a investigar ten a súa orixe no "medo a que quede claro que unha trama de corrupción" achegaba eses "sobres" aos populares. "Alguén ten medo a que un amigo do presidente que acostuma a pernoctar en Monte Pío compareza neste Parlamento?", pregúntase, en referencia ao presunto conseguidor da rede, Pachi Lucas.

Tellado, con Paula Prado durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.