A Operación Zeta regresa coa declaración do empresario que sinalou a Feijóo

Gerardo Crespo © Xunta

A operación Zeta regresa meses despois. E faino coa declaración do presunto líder da trama, Gerardo Crespo, o empresario que sinalou a Feijóo e outros importantes cargos do PP. Até o de agora acollérase ao seu dereito a non declarar e alegara descoñecer de que o acusaban ante a ausencia de informes da Axencia Tributaria sobre os cartos presuntamente defraudados, ata 20 millóns. Pero este martes, máis de dous anos despois da súa detención, respondeu ás primeiras preguntas ante a titular do xulgado de instrución número 6 da Coruña que leva o caso. 

Crespo está considerado o presunto líder da trama que tería defraudado 20 millóns públicos en cursos de formación

Este empresario, militante do PP e antigo líder veciñal coruñés está considerado o presunto líder dunha suposta trama de falsos cursos de formación e captación e xestión irregular de fondos públicos. A xuíza tenta esclarecer a presunta comisión de delitos de fraude de subvencións, estafa e malversación, ademais doutros derivados como falsidade documental, suborno ou branqueo. En total, son 55 os investigados. 

Antes de entrar no xulgado, e como fixo anteriormente en numerosas ocasións, Crespo dixo ser "totalmente inocente" e manifestou as súas ganas por comparecer ante a xuíza. Ao saír, e logo de declarar durante máis de tres horas, asegurou estar "tranquilísimo". "En paz xa estaba pero saio máis tranquilo", advertiu tras responder unicamente ás preguntas do seu letrado e a un par da Fiscalía. Nas respostas insistiu en que executou todos os cursos para os que recibiu subvencións. 

O empresario di ser "totalmente inocente" e declárase "máis tranquilo" logo de declarar ante a xuíza

Do que Crespo diga depende que a operación Zeta salpique de novo ou non tanto a Feijóo como outras importantes figuras do PPdeG logo de que altos cargos da Xunta estean xa sendo investigados. Desde que estourase o caso en outubro de 2014, o empresario coruñés incide en subliñar as complicidades que o uniron durante lustros con destacados dirixentes políticos para sacar adiante os seus negocios. Sinalou a varios e ameazou con tirar da manta "pouco a pouco". 

Para iniciar e estender o que a Policía define como "caza de cartos públicos" Crespo teceu unha rede na que non faltaban os agasallos para os políticos e tampouco, segundo declarou en comisaría a súa ex contable, as doazóns en metálico para o PP. Segundo os axentes, os integrantes da trama constituían asociacións co propósito de apañar subvencións, mesmo inventando algunha delas que non tiñan nin socios e para as que falsificaban datos e cumprir así os requirimentos das administracións. 

Crespo defende a súa actividade como unha "prestación de servizo" á sociedade e critica a instrución por "tendenciosa"

En declaracións aos medios tras a declaración, Crespo defendeu a súa actividade como unha "prestación de servizo" á sociedade e criticou por "tendenciosa" a instrución. Segundo defende, hai informes que conteñen "grandes erros de vulto" e está "feito de parte para apoiar un sumario tendencioso, preconcibido e que colle o que interesa e o que non, descártao". "Parece mentira por parte da Axencia Tributaria", engade. "Os nosos clientes eran os alumnos, pero a Administración, dalgunha maneira, nacionalizou o sector e esa Administración comezou a ser o noso cliente principal pero non deixou de ser unha prestación de servizo", insistiu en declaracións que recolle Radio Coruña.

 

De Lucas, o 'conseguidor'

Segundo eses informes dos axentes, para engraxar a maquinaria da rede, Crespo -propietario da academia Azetanet, que xa non está autorizada para impartir cursos de Traballo- contaría coa axuda do empresario Pachi de Lucas, o amigo do presidente da Xunta ao que o investigado lle abonaba cantidades periódicas para gratificar os seus labores de intermediación, segundo os axentes.

Precisamente, a última novidade do caso antes da declaración deste martes fora a ampliación en 25 nomes -tras os 30 iniciais- a lista de persoas investigadas e entre as que se inclúe Francisco Ramón de Lucas, Pachi de Lucas, o considerado conseguidor da trama, a quen Gerardo Crespo situara no "círculo íntimo" de Feijóo. Xunto a el, tamén pasaron a ser investigados os dous anteriores directores xerais de Formación e Colocación da Xunta: Pastor Fuenteseca, do bipartito, e Ana María Díaz, do PP.

No caso de Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente e a quen a investigación relaciona tamén con Crespo, agora é citada en calidade de testemuña. No inicio da investigación Mato admitiu que chegou a recibir un bolso como agasallo de Azetanet e as escoitas da Policía revelan diversos alusións a ela.

Logo da declaración deste martes, o día 15 será a quenda de Eliseo Calviño, o que fora presidente de Caype, outra das entidades investigadas. Con todo, Gerardo Crespo solicitou declarar outro día máis en canto estean á súa disposición os informes que pediu a súa defensa sobre a actividade do seu grupo empresarial. Neles rebaterá documentacións do sumario, como as que criticou, con documentos propios e sobre as súas empresas nos que demostraría a legalidade da súa actividade empresarial. Ademais, aclarou que a operación aberta contra el e o seu grupo acabaron por "crebar" a súa empresa e que agora afronta débedas e un posible desafiuzamento. 

Correo de Crespo a Feijóo con copia oculta a Pachi Lucas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.