A xuíza da Operación Zeta ve "confirmado con rotundidade" que o empresario Pachi de Lucas, ubicado pola investigación entre as amizades do presidente da Xunta, actuou como 'conseguidor' da suposta trama corrupta e por iso o citou como investigado -antiga imputación- para responder dun presunto delito de tráfico de influencias. Este mércores, como hai trece meses, Alberto Núñez Feijóo viuse forzado a abordar a cuestión no Parlamento e outra volta volveuse negar a aclarar se De Lucas chegou a influír na concesión de axudas públicas ou nalgunha outra decisión do Goberno. Os seus únicos amigos, proclama o presidente, son "os intereses xerais de Galicia".
Nesta ocasión a pregunta foi formulada polo voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, que evocando a "tan divertida como inmoral" obra d'As amizades perigosas instou o titular da Xunta a deixar de se presentar como "unha cándida pomba" que só é "vítima dos malos" e da súa propia "inxenuidade". Feijóo, afirma, ten a obriga de aclarar se "tolerou comportamentos corruptos na súa contorna persoal e política", comezando por "informar" ao Parlamento "sobre as funcións que desempeñaba o seu amigo, retratado en conversas e chamadas como comisionista dunha trama dedicada á fraude con fondos públicos".
Romeu: "O seu amigo está retratado como comisionista dunha trama dedicada á fraude con fondos públicos"
Como era de agardar, o xefe do Goberno botou man da parte do caso que atinxe ao goberno bipartito -tamén ten que declarar como investigado o director xeral de Formación daquel Executivo- para procurar poñer o foco da trama sobre o PSOE aínda que isto implicase moverse por un terreo esvaradío. Así, Feijóo repróchalle a Romeu que foi distinguido como Coruñés del año pola asociación de Gerardo Crespo, militante do PP e principal imputado no caso, obviando que a conselleira Beatriz Mato recibiu o mesmo galardón das mesmas mans. Asemade, Feijóo carga contra o socialista polas axudas a entidades de Crespo que o bipartito comezou a tramitar en funcións, pero que o propio goberno do PP presentou en 2009 como parte do seu "plan de choque" contra a crise.
O presidente pon o foco do caso no goberno bipartito e asegura facelo con "ánimo construtivo"
"Hai unha diferenza entre vostedes e mai seu: os meus amigos son os intereses xerais de Galicia", resumiu o presidente entre a hilaridade da oposición. Para Romeu fica constatado que Feijóo "fose por principio de dar explicacións" e limita a transparenca a "unha pose", un mero "postureo nos discursos de Madrid" mentres, por exemplo, a Cámara galega segue a agardar "a que nos mande documentación doutro amigo seu, o señor Marcial Dorado". "Parece que non a imos ter nunca porque eses contratos o deixarían nunha situación comprometedora".
Entre mencións aos correos electrónicos enviados por Crespo a responsables do bipartito -remitiunos tamén ao goberno do PP nun ton case idéntico- Feijóo desbotar entrar "nun xogo absolutamente impropio" como por exemplo, di, lembrar que "hai deputados" no PSOE "que teñen amigos que foron detidos e acusados" ou que o secretario xeral do PSdeG permanece imputado. Non o fai, conclúe o presidente, porque o seu é un "ánimo construtivo". A explicación que reclamaba o socialista terá que seguir agardando.