En febreiro de 2017, unha delegación da Xunta encabezada polo vicepresidente Alfonso Rueda e pola daquela conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, acudiu á sede da Deputación de Pontevedra para tentar convencer o goberno provincial (PSdeG-BNG) de que cedese a Ence as instalacións do Pazo de Lourizán. Tratábase de que a pasteira puidese instalar alí o seu centro tecnolóxico e, a cambio, rehabilitase o emblemático edificio.
En 2017, a Xunta reclamara á Deputación ceder o pazo a Ence como condición para rehabilitalo. A institución negárase a secundar o "pacto do PP" coa pasteira
A resposta do gabinete dirixido pola socialista Carmela Silva foi clara. A Xunta podía facer uso do pazo en virtude do convenio asinado coa Deputación en 1991 e actualizado no 2000 -expiraba a principios de 2021, pero actualmente está en vigor a súa prórroga automática- para desenvolver alí proxectos como investigacións ambientais e un museo. A institución provincial estaba disposta a "colaborar" coa Xunta, pero non a "entrar no pacto do PP con Ence", resaltaran en referencia ao acordo rubricado polo Goberno galego coa empresa tras a prórroga de 60 anos á factoría outorgada polo Estado en 2016, agora anulada xudicialmente e pendente do Supremo.
Nos meses seguintes, a Xunta e o PP ratificaron que o Executivo galego non rehabilitaría o pazo se non era cedido a Ence e a Deputación pontevedresa decidiu levar o asunto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Gaicia, que lle vén de dar a razón. O alto tribunal galego condena a Xunta a "cumprir coa súa obriga" de "efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento" do pazo nos termos acordados nos devanditos convenios de 1991 e 2000.
O TSXG sentencia que "non hai ningunha dúbida sobre a obriga" do Goberno de asumir as obras no histórico recinto e que "o que de verdade importa é que non se executaron", con independencia do rexeitamento ao pacto da Xunta coa papeleira
Nunha sentenza ditada o pasado 1 de febreiro e publicada este día 9, a Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG conclúe que "non hai ningunha dúbida sobre a obriga da Administración autonómica de efectuar as obras de conservación do pazo de Lourizán" e constata que "dita obriga está sendo incumprida". Mentres, "non consta que por parte da Deputación se incumprisen as obrigas" fixadas nos convenios para a xestión do recinto.
A xuízo do tribunal, "non se evidencia" ningunha "imposibilidade de execución das obras" e "o que de verdade importa é que non se executaron". Despois de que, no transcurso do litixio, a Xunta "rexeitase incumprir a referida obriga" e subliñase que a Deputación "non aceptou" o pacto con Ence para rehabilitar o pazo, os maxistrados advirten de que non é obxecto do litixio "a determinación sobre a forma en que debe levarse a cabo o financiamento" dos traballos "nin tampouco a concreción do concreto importe ao que poida ascender o custo das obras" -a institución provincial cifrárao nuns 14 millóns de euros"-
A Xunta, que tamén é condenada a asumir as custas procesuais do litixio asegura nunha resposta que cita Pontevedra Viva que "mesmo antes de coñecer o contido e alcance" do ditame xudicial", xa iniciara obras de mellora en Lourizán. Son traballos por importe duns 200.000 euros que, mantén o Goberno galego, acreditan a súa "boa fe" no caso.
O Pazo de Lourizán, obra de Jenaro de la Fuente, foi residencia de verán de Eugenio Montero Ríos e durante anos converteuse nun dos centros políticos da Restauración. O recinto é un espazo catalogado e conta con 54 hectáreas de xardín, onde crecen carballos, castiñeiros e bidueiros, pero tamén araucarias, cedros ou magnolias moitas delas traídas por xardineiros franceses e algunhas integradas no Catálogo de Árbores Senlleiras