O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou o pasado venres a interposición dun recurso contencioso-administrativo para que a Xunta "cumpra coas súas obrigas" de executar "as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre da Finca de Lourizán".
A finca de Lourizán, onde se atopa o Pazo do mesmo nome, está cedida durante 30 anos pola Deputación de Pontevedra á Xunta por un convenio de colaboración do 22 de xaneiro de 1991, modificado posteriormente o 21 de xaneiro de 2000. Segundo ese convenio, o Goberno galego debe responsabilizarse dos traballos de conservación do espazo.
O deputado Carlos Font salientou que a vía do contencioso chega "despois dos sucesivos incumprimentos da Xunta dos convenios que lla obrigan a realizar as obras de conservación do Pazo", sinalando que a Deputación realizou catro requirimentos á Consellería, "sen que nunca houbera unha soa resposta pola súa parte". O obxectivo deste recurso, engadiu Font, é "defender unha xoia pública de todas as pontevedresas e pontevedreses" fronte á "inacción da Xunta".
O deputado asegurou que “o certo é que a Xunta de Galicia non deixa alternativa algunha á interposición deste contencioso-administrativo e cifrou en 14.225.010 euros a contía total "das deficiencias reais ocorridas pola neglixencia da Xunta"
Nos últimos meses a Deputación de Pontevedra xa aprobara unha moción para esixirlle á Xunta que se fixera cargo das obras de conservación e protección do conxunto patrimonial, alertando de que o edificio presenta "danos estructurais e por humidades, coa súa cuberta en risco de afundirse". A situación foi tamén denunciada pola Asociación de alumnos e exalumnos da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ASECREGA) e pola Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra.
O PP retruca que o Pazo é propiedade da Deputación (que recuperará o inmoble e o predio no ano 2021) e que lle corresponde ao ente provincial facerse cargo da súa conservación. Os populares chegaron a presentar unha proposta para investir ao redor de cinco millóns de euros (unha terceira parte do que segundo a Deputación sería necesario achegar), procedentes da empresa ENCE, que quere crear no Pazo un "centro de investigación". Porén, esta proposta foi rexeitada por PSdeG e BNG, e tamén por Deputación e Concello de Pontevedra, criticando a intervención da empresa pasteira, os seus obxectivos últimos e a defensa que desta compañía fai o Partido Popular e a Xunta.
O Pazo de Lourizán, obra de Jenaro de la Fuente, foi residencia de verán de Montero Ríos e durante anos converteuse nun dos centros políticos da Restauración. O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, onde crecen carballos, castiñeiros e bidueiros, pero tamén araucarias, cedros ou magnolias moitas delas traídas por xardineiros franceses e algunhas integradas no Catálogo de Árbores Senlleiras