A primeira reunión entre os presidentes galego e español deixa no aire prazos para as infraestruturas pendentes, pero Rueda dise “esperanzado” e agradece o “bo coñecemento” de Sánchez sobre os problemas galegos
Da negativa “categórica” de Sánchez a transferir á Xunta a xestión do litoral á “probabilidade moi alta” de que fondos europeos financien o proxecto de fibras téxtiles que impulsa a empresa Altri. Entre eses dous extremos transcorreu a reunión “cordial” de máis de hora e media que este xoves mantiveron en La Moncloa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o do Goberno de España, Pedro Sánchez, primeiro encontro formal dos dous tras a toma de posesión do primeiro hai xa máis de dous meses.
O encontro foi valorado por Rueda ao seu remate -Sánchez non compareceu ante os medios- como “esperanzador” xa que malia saír del “sen acordos concretos” na maioría de cuestións que trataron, o presidente galego percibiu “compromiso de avanzar” e un “bo coñecemento” por parte do seu interlocutor dos temas analizados.
Segundo Rueda, a reunión comezou falando sobre os recentes incendios, cuestión sobre a que o presidente galego pediu ao Estatal que contribúa con axudas como as que está a activar a Xunta. Rueda amosou o interese do Goberno galego de que o estatal decida a declaración de zona catastrófica, pero abriuse a outras posibilidades se as axudas son máis rápidas. E a preguntas dos medios de comunicación amosou un ton conciliador fronte aos diversos reproches que nas últimas xornadas se lanzaron responsables de PSOE e PP en todo o estado a respecto da xestión dos lumes forestais.
Tras esa cuestión máis urxente, a reunión xirou, segundo Rueda, arredor de “catro temas prioritarios”, con independencia de que o presidente galego deixou ao estatal documentación sobre outras cuestións para que trasladase aos ministerios competentes. Esas catro cuestións prioritarias foron a xestión dos fondos europeos NextGenerationEU destinados a Galicia, as melloras necesarias na sanidade, as infraestruturas pendentes e a transferencia de competencias, nomeadamente da xestión do litoral.
O Goberno de España négase a transferir a xestión do litoral porque di que o Estatuto de Autonomía non o contempla, cuestión que a Xunta nega
Sobre os fondos europeos, que Rueda volveu pedir que sexan axilizados por parte do Goberno de España, o presidente galego asegurou que o estatal lle trasladou que hai unha “probabilidade moi alta” de que a fábrica de fibras téxtiles de orixe vexetal que tramita a portuguesa Altri en Palas de Rei co apoio da Xunta reciba ese financiamento. Tamén para os proxectos da automoción relacionados coa fábrica de Stellantis en Vigo amosou o seu optimismo.
Pola contra, en materia de transferencia de competencias, e tras 14 anos sen que a Xunta reciba ningunha do Estado, desde o ano anterior a que Feijóo fose elixido presidente, Rueda puña o foco na reunión deste xoves na necesidade de que Galicia xestione o litoral -a titularidade debe ser estatal, como fixa a Constitución, pero a xestión pode ser das comunidades autónomas-. Segundo Rueda, a Xunta quere preservar o medio ambiente “pero tamén que as empresas instaladas na costa teñan certezas para seguir garantindo a súa viabilidade”, unha afirmación que se enmarca na campaña que vén desenvolvendo o PPdeG en defensa da ocupación privada dos terreos públicos do litoral a través de concesións prolongadas.
Segundo Rueda, “aquí o presidente foi categórico e díxome que non”, algo que o titular da Xunta considera “difícil de entender porque se fixo con outras comunidades autónomas, onte mesmo con Canarias”, en referencia ao acordo asinado este mércores polo que esa autonomía asumirá “as funcións e servizos de ordenación e xestión do litoral”. Pola contra, a portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, encargada de valorar a reunión de Rueda e Sánchez, argumentou que a negativa débese a que o Estatuto de Autonomía de Galicia non o contempla, cuestión que a Xunta nega.
Rueda admite que os trens Avril que permitirán aumentar os servizos AVE en Galicia demoráronse "por un problema na contratación con Talgo", asinada en 2016 sen que os trens estean aínda dispoñibles
Rueda tampouco foi quen de concretar avances na transferencia da AP-9, reclamada por todos os grupos parlamentarios galegos ao igual que a da xestión do litoral pero paralizada desde hai anos. En materia de infraestruturas o presidente galego reclamou varias das pendentes en Galicia e puxo o foco na necesidade de que se avance coa reparación do viaduto afundido na A-6 e que o Goberno de España dea prazos certos para a entrada en servizo dos trens Avril de alta velocidade que permitirán que os servizos AVE non cheguen só a Ourense desde Madrid senón que poidan aproveitar o resto da rede de alta velocidade existente ata as cidades do eixo atlántico.
Sobre esa cuestión Rueda admitiu que os trens Avril demoráronse “por un problema na contratación con Talgo”, asinada en 2016 sen que os trens estean aínda dispoñibles. “Podemos entender os problemas”, dixo, “pero non que non se nos informe porque os operadores turísticos teñen que facer planificacións”.
En materia sanitaria Rueda centrou as súas peticións a Sánchez na necesidade de que o Estado autorice máis prazas MIR de formación, que aumente as taxas de reposición permitidas do persoal que se xubila ou que se cree unha especialidade de urxencias, sobre a que dixo que o presidente estatal lle transmitiu que xa se iniciara o proceso.
Por último, Rueda deixou constancia de que trasladara a Sánchez unha carta “en sobre pechado” que lle deron para el familiares das vítimas do pesqueiro Pitanxo. E na quenda de preguntas, cuestionado sobre a posibilidade de que o catalán poida ser empregado ante Parlamento Europeo, o presidente galego dixo que no encontro deste xoves non se falara de nada relacionado coa lingua pero que “todo o que sexa a promoción das linguas propias que hai en España non nos parece mal” e que el pedirá que o galego estea ao mesmo nivel.
A valoración do Goberno de España
Por parte do Goberno de España non compareceu ante os medios o presidente Sánchez senón a portavoz do executivo, Isabel Rodríguez. Na súa intervención puxo o foco nas transferencias récord de fondos estatais á Xunta previstas para 2023, 9.400 millóns de euros, un 24% máis que o ano anterior, obtidos grazas á maior recadación de impostos. Porén, nese eido Rueda limitouse a lamentar que o Goberno de España non avance nun novo sistema de financiamento autonómico tras caducar o actual en 2014.
Sobre a negativa á transferencia da xestión do litoral, a portavoz gobernamental atribuíuno a que o Estatuto de Autonomía de Galicia non contempla esa posibilidade, algo que nega a Xunta, que asegura que o Estatuto si o permite, para o que se ampara nun ditame que ela mesma encargou ao Consello Consultivo de Galicia.
“Non existe ningún risco para as activades e as empresas que pola súa natureza non se poidan desenvolver lonxe do dominio público marítimo-terrestre”, di a portavoz estatal, que "anima" aos partidos galegos a reformar o Estatuto para asumir esa competencia
Máis alá dese debate, a portavoz quixo mandar unha “mensaxe de tranquilidade” xa que “nin as industrias nin os cidadáns teñen que estar pendentes de quen son as competencias senón que as administracións temos que facer unha boa xestión das competencias”. “Non existe ningún risco para as activades e as empresas que pola súa natureza non se poidan desenvolver lonxe do dominio público marítimo-terrestre”, asegurou, para engadir que “tampouco determina a aplicación das normas de quen sexa a competencia” xa que “a Lei de costas é igualmente aplicable en Catalunya, Andalucía e Canarias, que son as que actualmente teñen transferidas esas competencias, que no resto”.
Rodríguez insistiu en que o Estatuto de Autonomía non contempla esa competencia, pero dixo que, á vista do consenso existente en Galicia entre PP, PSdeG e BNG sobre a cuestión, "anima" aos partidos a reformar dito estatuto.