Dentro dun mes cumprirase o décimo cuarto aniversario das últimas competencias transferidas polo Goberno de España á Xunta. Corría o ano 2008, co Executivo de coalición PSdeG-BNG en Galicia e co gabinete do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero na Moncloa.
Os populares intensificaron a reclamación das competencias sobre o litoral tras frear o Estado ao Goberno galego na intención de permitir aumentar ata un 50% o volume de múltiples construcións costeiras
Nos últimos meses, despois de que Alberto Núñez Feijóo se convertese no primeiro presidente da historia da autonomía en non pechar unha soa competencia, pero sobre todo despois de que o Estado frease ao Goberno galego na intención de permitir aumentar o volume de múltiples construcións á beira do mar ata un 50% (todas as construídas ata 1975), a Xunta e o PP intensificaron a petición de traspasos.
Concretamente, o traspaso que reclaman é o das competencias sobre o dominio público marítimo-terrestre. Isto é, a capacidade de dar, retirar ou prorrogar permisos para ocupacións e usos destes terreos, que seguirían sendo de titularidade estatal, segundo fixa a Constitución.
A petición, de seu, non é nova. Xa a realizara a Xunta nos tempos da coalición de socialistas e nacionalistas e o propio PP dixera asumila como propia dentro do paquete de transferencias pendentes que herdou Feijóo tras chegar á presidencia en 2009. Pero nin nos dous anos en que cohabitou con Zapatero no poder e tampouco nos sete da presidencia de Rajoy houbo avance ningún ao respecto. Agora, defenden, queren acelerar o traspaso para que a costa galega non quede "nas mans" de Pedro Sánchez.
A unanimidade do Parlamento avalou esta semana unha iniciativa do BNG para reclamar estes traspasos e outros pendentes, a comezar pola AP-9
Así o afirmou este venres a número dous de Rueda no PPdeG, a secretaria xeral, Paula Prado. Escasos días despois de que as conselleiras de Medio Ambiente e do Mar escenificasen en Ribeira a reclamación desa transferencia con alcaldes e voceiros municipais do PP, Prado compareceu ante a prensa cos rexedores populares de Sanxenxo, Porto do Son e do Vicedo para asegurar que a convicción do partido é que "a nosa costa" non se "dirixa dende un despacho de Madrid".
"Non queremos que a nosa costa sexa un xoguete roto nas mans de Sánchez e que el gañe a costa de Galicia", proclama Prado, antes de evidenciar que a reclamación está ligada á oposición do PP ao que considera como "ameazas da lei do cambio climático, o regulamento de costas e o plan estratéxico de protección da costa". "Quere negarlle a Galicia unha xestión que está no seu dereito", mantén, se ben admite que a competencia non está recollida no Estatuto de Autonomía, aínda que defende que non cómpre reforma estatutaria ningunha, xa que o traspaso pode chegar pola vía do artigo 150.2 da Constitución, como outros no pasado.
Á reforma do Estatuto é precisamente ao que apela o Goberno de España para acceder a negociar esta competencia. Todo, escasos días despois de que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade unha proposta do BNG para instar a "impulsar" a transferencia da AP-9 que se tramita con lentitude no Congreso, mais tamén a devandita competencia da xestión do dominio público marítimo-terrestre e "doutras competencias sobre as que xa houbo acordos parlamentarios e que xa foron transferidas ou están en proceso de negociación con outras comunidades autónomas".