Galicia dispón dunha liña de alta velocidade ferroviaria dende 2015 no eixo atlántico da Coruña a Vigo e dende finais do pasado 2021, para a conexión coa Meseta. Como é sabido, polo momento os servizos AVE só chegan ata Ourense. A causa é que as vías do interior de Galicia son de ancho ibérico e non da medida internacional, polo que cómpre cambiar de convoi para seguir traxecto ata, por exemplo, as demais cidades galegas.
Os trens Avril de ancho variable permitirán aos servizos de AVE coa Meseta continuar a marcha dende Ourense ata o resto de cidades galegas
Para salvar esta circunstancia (e dado que un eventual cambio de ancho da rede ferroviaria galega aínda non está planificado por parte de Adif, que mesmo abre a porta a non facelo), Renfe preveu dar servizo a través dos trens de ancho variable coñecidos como Avril. A súa construción non foi encargada ata 2016 -aínda co PP no Goberno de España-, cando xa era coñecido o que sucedería cando concluíse a conexión de Galicia coa Meseta por alta velocidade e o actual Executivo do PSOE e Unidas podemos dixo prever dispoñer deles ao longo deste 2022, concretamente para poder operar no verán.
Pero esa entrega demorouse e a controversia política en torno á mesma non fixo máis que acrecentar. Especialmente pola banda do PP, que atribúe o atraso persoalmente ao presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, e defende dende hai meses o argumento de que, en realidade, "seguimos agardando a chegada do AVE a Galicia" porque "chegou a Ourense, pero non chegou a Galicia".
Con este pano de fondo e co verán xa avanzado, este 6 de xullo Renfe emitía un comunicado no que daba por "constatado" o atraso na entrega dos trens por parte da empresa que ten o encargo de construílos, Talgo. Eses trens de alta velocidade S106, os Avril, "deberan ser entregados para poder entrar en servizo este verán" e por iso, a empresa estatal "está analizando o contrato para determinar as posibles penalizacións correspondentes", toda vez que "a entrega das primeiras unidades estaba prevista para xaneiro de 2021" e a empresa nin sequera "fixou a data de entrega definitiva.
Detalla Renfe que a encarga, de case 800 millóns de euros, consiste en 30 trens de alta velocidade, a metade de ancho variable. A súa entrada en servizo, abonda, permitirá "mellorar considerablemente a oferta" de AVE-Larga Distancia e pon como exemplo os traxectos de Madrid a Santiago, A Coruña e Vigo, tanto por frecuencias como oferta de prazas e servizos. Isto sucede, agrega, nun contexto no que a entrada en funcionamento da conexión Madrid-Ourense por AVE, entre outras, se produciu mentres "a flota de Renfe non aumentou".
Renfe disponse a "determinar as penalizacións correspondentes" a Talgo, que "debeu entregalos para poder entrar en servizo este verán". Talgo atribúeo a "causas de forza maior" e o PP di ver constatado que "o AVE non chegou a Galicia"
Talgo, pola súa banda, respondeu con outro comunicado, no seu caso perante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Nel admite "determinados atrasos nos prazos de entrega" que "notificou no transcurso do proxecto" e atribúeos "principalmente" a "causas de forza maior". Entre elas, cita as "caídas de produción e interferencias na cadea de subministro" por mor da COVID-19, tamén "outros eventos xeopolíticos". Tamén se refire a "causas esóxenas a Talgo" que provocan "atrasos nos procesos de probas e homologación" que desenvolve "actualmente" e espera "rematar proximcamente".
Fronte ao comunicado de Renfe e a atribución de responsabilidades a Talgo, o PP reiteraba este venres que a culpa é de Sánchez. Os conservadores din ver acreditado que o líder socialista "desconecta Galicia" e a súa secretaria xeral, Paula Prado, di ver avalada a súa afirmación de que "o AVE non chegará a Galicia este verán". O seu xefe de filas e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura que "non nos vale que busquen chivos expiatorios" porque "o que nos valen son as solucións" e "saber cando van estar os trens".